You are hereDeus existe: dio o BOE

Deus existe: dio o BOE


26/02/2015

A “profunda unidade e harmonía da iniciativa creadora e salvífica de Deus” maniféstase en datos tan “evidentes” como que “as cousas, os animais e o ser humano non se dan o ser a si mesmos”. Isto é, “Outro os fai ser, chamaos á vida e mantenlla”, o que é “signo de Deus, fala da súa existencia.”

Aínda que este parágrafo puidese parecer copiado dun antigo manual de catequese, o certo é que foi publicado [en español] tal cal, maiúsculas incluídas, na edición da pasada terza-feira do “Boletín Oficial do Estado” (“BOE”). E se o di o “BOE” debe ser que Deus existe. A “encíclica” inclúese na resolución do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, que encabeza José Ignacio Wert, mediante a cal se fixa o currículo da nova materia de Relixión de Primaria e a ESO, materia avaliábel por obra e graza da LOMCE.

É certo, como lembra a resolución ministerial, que, en virtude dos acordos coa Santa Sé, os alumnos de primaria e secundaria teñen dereito a recibir clases de relixión católica, e que corresponde a “a Xerarquía eclesiástica” fixar os contidos deste ensino. Iso explica que como criterios a avaliar figuren a necesidade de “identificar e valorar as accións da Igrexa que continúan a misión de Jesús” e recoñecer “a relación intrínseca que existe entre Deus e o home” e “a incapacidade da persoa para alcanzar por si mesma a felicidade”. Ou que rezar (“memoriza e reproduce fórmulas sinxelas de petición e agradecemento”) sexa citado entre “os estándares de aprendizaxe avaliabeis”.

Cristianamente resignados a todo iso, que xa é moita resignación, non é tan evidente que, nun Estado aconfesional como teoricamente é España, o “Boletín Oficial do Estado” consigne como unha verdade universal que “Deus creou o ser humano para que sexa feliz na súa relación con El”. Ou que se lancen admonicións deste porte: “O ser humano pretende apropiarse do don de Deus prescindindo del. Niso consiste o pecado.”

A risco de pecar de herexía, pregúntome se os acordos co Vaticano inclúen algunha cláusula secreta pola cal a Conferencia Episcopal, alén de fixar o currículo de Relixión, estea habilitada para predicar desde o púlpito do “BOE” que pagamos todos os españois, sexamos crentes, ateos ou agnósticos.

Orixinal aqui.
 

Etiquetas