You are hereA prisión permanente revisábel ou o exercicio populista do dereito

A prisión permanente revisábel ou o exercicio populista do dereito


05/03/2015

A prisión permanente revisábel está preto de ser unha realidade. Unha nova exhibición de músculo parlamentar do Partido Popular permitiu sacar adiante a votación que acabará por a introducir no noso ordenamento xurídico. E os populares poderán sumar á súa vitrina un trofeo que se lles viña resistindo. Non tería máis transcendencia dentro do xogo democrático de maiorías se non fose porque, segundo apuntan as enquisas, a nova pena goza dun inusual respaldo cidadán, con case un 70% de aceptación. Ou talvez non tan inusual.

Este é un país particularmente proclive ao populismo lexislativo, unha fórmula que proporciona os partidos políticos non poucos réditos en forma de aplausos fáciles e votos emocionais. Con ocasión de cada crise de delincuencia ou seguranza, prodúcese un cerimonial despregamento de fogos de artificio en forma de declaracións efectistas, actos simbólicos e propostas de solución que tenden a ser resolvidas en quente. De entre elas, as medidas lexislativas son as máis preocupantes, pola súa lóxica vocación de permanencia en forma de herdanza normativa envelenada. Nese contexto, o atentado de Charlie Hebdo e a enorme conmoción xerada no ámbito internacional son o caldo de cultivo perfecto para que as máis variadas iniciativas sexan acollidas, case por acto reflexo, por unha sociedade que garda na memoria anos de problemática terrorista propia.

Así, a actual conxuntura, entre a ameaza real e a paranoia colectiva, favorece a aposta por solucións que talvez non o son, mais maquillan o resultado de cara á galería. En igual situación, os políticos préstanse a alianzas imposibeis ou a unha inusitada relaxación dos propios criterios, cedendo ao temor a desairar o votante.

Tan fráxiles son as conviccións ideolóxicas cando lles vai un puñado de votos niso. Sirva como exemplo diso a ambivalente postura adoptada polo PSOE: na súa cohibida perda de apoio cidadán, ao propio tempo oponse con aparente firmeza á prisión permanente revisçabeñ e subscribe co goberno un pacto antiterrorista no que a consente veladamente. Como dicía o inefábel Groucho Marx, se non lle gustan os meus principios, teño outros.

Dunha perspectiva estritamente técnica, a nova medida adoece dun encaixe constitucional complexo, cando non forzado, e entra en fricción cos fundamentos resocializadores da pena: o tramo mínimo de cumprimento sen revisión sería de vinte e cinco anos, pondo en dúbida calquera posibilidade posterior de reintegración na sociedade. Preocupa tamén constatar unha tendencia cara ao progresivo abandono do principio de culpabilidade a favor de inconcretos parámetros de perigo ou, o que é o mesmo, a obrigación de render contas non polo que se fixo, senón polo que se pode chegar a facer. A prisión permanente revisábel é sintomática da concepción ideolóxica dos seus promotores, afeitos a tratar os cidadáns como delincuentes potenciais.

Mais non é tan problemática a natureza xurídica da pena como a súa letra pequena, a maneira en que van ser aplicadas as súas sucesivas revisións. Coa permanente sombra do oportunismo político sobre as nosas cabezas, cabe temer que a seguridade xurídica e a confianza na norma deixen pasaxe á incerteza acerca dos criterios que rexerán esas teóricas reevaliacións da pena. Podemos afirmar que non responderán a conxunturas e motivacións electoralistas, ao interese dun ou outro partido, a simples razóns de conveniencia? A aplicación da lei non debe responder a motivacións distintas ás estritamente xurídicas, mais o reiterado uso da xustiza como moeda de cambio política é unha realidade que non pode ser obviada. Con esas vimbias, é inevitábel que a prisión permanente revisábel nos cheire a eufemismo trapaceiro, a cheque en branco penolóxico.

Tanto ou máis grave resulta que, por detrás das néboas desa sorte de cadea perpetua a prazos, estea a pasar desapercibida a reforma penal que a acompaña. En efecto, a controvertida figura inscríbese no cadro da modificación do Código Penal -a enésima-, cuxa entrada en vigor está prevista para o próximo ano e que se antecipa máis dura e extensiva que nunca, con máis modalidades delituosas e castigos endurecidos. Outro paso máis nunha senda lexislativa marcada polo furor punitivo. E na mesma liña sorprende o conformismo resignado fronte á Lei de Seguridade Cidadá, paradigma da restrición de dereitos e liberdades rebautizada con acerto como Lei Mordaza. É paradoxal que, en nome da seguridade colectiva, se sancionen, e moito, condutas tan pouco inquietantes como o consumo de alcol na rúa ou o entorpecimiento dos despexos. Mais nin as vellas e fatigadas figuras políticas, nin as novas promesas con todo por demostrar van desgastarse nunha trincheira que parece non importar a ninguén.

O uso da alarma social con fins políticos ou lexislativos non é novo, mais iso non justifica o adormecemento do espírito crítico do cidadán que, na súa indolencia, acabará convivindo cun sistema construído a golpe de lategazos emocionais. Ao cabo, non se trata tanto de se unha ou outra solución lexislativa está justificada, senón de valorar como encaixan as pezas no conxunto do ordenamento e de que maneira van, aos poucos, socavando os principios democráticos e de dereito ante a distraída ollada da sociedade.

Fonte: Derecho Penitenciario.