You are hereTomen aire

Tomen aire


02/04/2015


Tomen aire.
Tomen tanto aire como poidan. Esta historia debería durar o tempo que logran reter o alento, e despois, un pouco máis. Así que escoiten tan rápido como lles sexa posíbel.

Con estas palabras o novelista Chuck Palahniuk1 comeza o relato Tripas. Collinllas prestadas porque non hai outra forma de falar do que quero falar sen tomar aire primeiro. Igual de macabro que o relato, igual de escabroso. Trátase de tres textos; o Código Penal, a Lei de seguridade cidadá, e a Lei de Axuizamento Criminal.

Sei que macabro e escabroso están lonxe de ser conceptos obxectivos ou técnicos, pero non se trata de obxectividade. Non se trata de técnica. Non se trata do que se trata sempre que se abordan reformas ou modificacións legais. Porque isto é algo serio, e non o digo eu. O mesmo ministro de xustiza, Rafael Catalá, o venres, no debate previo á aprobación do Código Penal, afirmou que a reforma tería "un impacto real na vida cotiá"2. E é que non sei, logo, que outro impacto pode ter, por exemplo, o novo delito que sanciona con pena de dous a cinco anos a quen consulte páxinas web con determinado contido susceptíbel de ser interpretado como terrorista.

É necesario volver outra vez sobre a mesma pregunta: son realmente necesarias estas reformas? Aproximadamente o 70% da poboación presa no Estado español cumpre condena por delitos relativos ao tráfico de drogas, furto ou roubo3. Se nos centramos nas mulleres a cifra é aínda máis clarificadora, un 90% está en prisión por delitos menores e/ou sen violencia contra as persoas. En palabras da avogada Sandra Garrido “pódese dicir que, malia ter un Código Penal de máis de 600 delitos, bastarían tres páxinas do código para este sistema penal e penitenciario se apañar perfectamente”.

A reforma do código Penal, cuestionada por catedráticas e catedráticos de Dereito Penal de 33 universidades distintas, e a reforma da Lei de seguridade cidadá, entran en vigor o 1 de xullo deste mesmo ano. Están nos medios, e sen embargo, alén de catro cuestións contadas, aínda non sabemos practicamente nada do que supoñen. Son coñecidas as desproporcionadas sancións que prevé a Lei de seguridade cidadá, ou a condena da difusión de protestas prevista no Código Penal, así como a inclusión da cadea perpetua, baixo o amábel título de “pena de prisión permanente revisábel”. Pero pouco se sabe, por exemplo, sobre cuestións como a desaparición das faltas (facer un graffiti, o furto dun obxecto de pouco valor, etc), que nalgúns casos se reconverten en delitos.

Tampouco se fala demasiado sobre a reforma da Lei de Axuizamento Criminal, aínda en tramitación, que prevé a posibilidade de instalar software espía (troianos) no equipo de suxeitos baixo investigación. A que clase de garantías se suxeita esta medida? Cal é a certeza de que o instrumento será destruído unha vez conclúa a investigación? E o máis importante, dado que ese tipo de software permite tomar o control do equipo infectado: quen nos garante que os axentes evitarán a tentación de colocar probas ou incriminar de algún modo? Ademais do perigo que supón desde o punto de vista da seguridade informática, pois ou ben os antivirus non diferencian entre virus “bo” e virus “malo” e o troiano carecería de eficacia, ou ben a través desta nova porta traseira se comprometerían numerosos sistemas e equipos.

É importante destacar tamén a reforma do artigo 573 do Código Penal, que amplía o concepto de terrorismo. Tipifícanse agora unha serie de supostos, entre os que se comprenden as desordes públicas ou as mobilizacións para parar os desafiuzamentos se con elas se pretende “obrigar aos poderes públicos a realizar un acto ou absterse de facelo”, ou se mediante elas se “altera gravemente a paz pública”. A través desta nova concepción moitas expertas e expertos alertan do risco que correrían, por exemplo, as veciñas e veciños que participaron nos disturbios de Gamonal.

Para nos facer unha idea da magnitude do problema, para o delito de estragos – certo tipo de danos causados ás cousas –, a pena común fíxase entre os seis meses aos tres anos de pena privativa de liberdade, que sen embargo aumenta, para os casos de terrorismo a quince a vinte anos.  Isto supón unha desproporción enorme e ata o propio Alto Comisionado para os Dereitos Humanos das Nacións Unidas4 condena a nova regulación sobre o terrorismo por ser demasiado ampla e imprecisa xa que, alegan, poderían resultar en “restricións desproporcionadas ao exercicio da liberdade de expresión”.

Estas reformas plasman por primeira vez na lei a teoría do todo é ETA. A definición xurídica de terrorista, que permite ante determinadas situacións incrementar enormemente as condenas, adiantar as barreiras punitivas (castigar condutas de mera preparación ou provocación dos delitos), ou a suspensión de determinadas garantías durante a detención, aséntase sobre a chamada teoría do Dereito penal do inimigo6. Esta teoría parte da distinción entre cidadáns – aos que se lles aplicaría o Dereito penal normal – e os inimigos, que dada a súa “vontade subversiva” deben ser castigados mediante un réxime de excepción.

Esta nova regulación supón a extensión do concepto de inimigo. O inimigo son tamén agora, por lei, as comunidades que loitan pola integridade dos seus barrios, as mulleres que se defenden contra a expropiación da súa autonomía sobre os seus propios corpos, as traballadoras e traballadores que loitan polos seus dereitos laborais, o estudantado que sae á rúa contra unhas políticas que teñen por obxecto desmantelar o ensino público. En definitiva, os movementos sociais que son semente do cambio que pode mudar as cousas e arrebatarlles o poder.

Con total impunidade escoitarán e lerán as nosas conversas, controlarán onde pousamos o rato, que escribimos co teclado, que páxinas consultamos. Sancionarannos por gravar os abusos nas manifestacións, meterannos en prisión por protestar, por informarnos, por informar. Seremos o novo terrorismo, inimigas e inimigos da democracia, do seu sistema. Todo ordenado, todo baixo control, todo limpo, todo ao amparo da santa democracia.

Tomen aire agora.
Eu aínda non o fixen.

 

Notas
Autor de Fight Club (1996), libro que deu orixe á coñecida película.
Publicado no xornal dixital eldiario.es o venres 27 de marzo no artigo “La oposición advierte de que enviará "el Código Penal del PP" al Constitucional”
Sandra Garrido, artigo publicado en Por uma democracia radical; vozes subalternas contra o estado de exeçao, estaleiroeditora, 2012.
Informe de expertos do 23 de febreiro do 2015 (Xenebra)
Deseñada polo penalista alemán Günter Jakobs.

Etiquetas