You are hereO difícil delito de xenocidio

O difícil delito de xenocidio


09/04/2015

Ao longo da historia da humanidade o que hoxe chamamos xenocidio, o intento de facer desaparecer grupos humanos enteiros, é acontecemento desgraciadamente habitual. En 1948, as Nacións Unidas propuxéronse erradicalo adoptando a Convención para a Prevención e Sanción do Delito de Xenocidio. Agora, en 2015, a Corte Internacional de Xustiza vén confirmar a tendencia perceptíbel desde cedo de converter o devandito tratado multilateral entre Estados en pouco menos que papel mollado. Se a Convención contra o Xenocidio xa se mostrou restritiva na tipificación do delito, a súa interpretación por parte de xuristas e de tribunais convérteo nun crime de imposíbel comisión por moito que de feito continúe a ser cometido.

A restrición principal de orixe débese a que foi descartado o xenocidio cultural ou intento de facer desaparecer un grupo destruíndo a identidade colectiva que a cultura propia lle presta. Argumentouse que “civilizar poboacións indíxenas” era mesmo unha obrigación para os Estados. Eran tempos abertamente coloniais. Mais non se reduciu con isto o xenocidio á eliminación física directa ou inducida.  Incluíronse os supostos de políticas que afectan á reprodución do grupo en termos psicológicos, “lesión grave á integridade mental dos membros do grupo”, demográficos, “medidas destinadas a impedir os nacementos no seo do grupo”, e mesmo, nun concreto suposto, culturais: “traslado por forza de crianzas do grupo a outro grupo” a fin evidentemente de facerlles perder a súa identidade de orixe. Os actos deste xénero “perpetrados coa intención de destruír, total ou parcialmente, un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso”, así como “a asociación para cometelos”, “a instigación directa e pública”, “a tentativa” e “a complicidade”, son crimes internacionais. Advírtase que, fronte á idea xeneralizada, pode haber até  xenocidios incruentos.

Desde un primeiro momento, a Convención contra o Xenocidio mostrouse inaplicábel. A única xurisdición internacional existente na altura e durante décadas era entre Estados e, para o caso, Estados que tivesen ratificada a Convención. Só un Estado podía levar outro coa acusación de xenocidio perante a Corte Internacional de Xustiza. Inhibía unha complicidade entre eles mesmo fronte a casos paladinos de xenocidios cruentos. A isto engadiuse o entendemento que imprimiron á Convención os Estados Unidos cando viñeron ratificala ao cabo de corenta anos, en 1988: “que o termo intención significa intención específica”, isto é, dolo cualificado pola decisión explícita de cometer o delito, non a mera intención que podería deducirse das políticas lesivas para a subsistencia de grupos. A isto seguiu un empeñado desenvolvemento doutrinario por latitudes, digamos para nos entendermos, occidentais en tal liña restritiva chegándose a uns extremos que fan irrecoñecíbel a Convención contra o Xenocidio por parte da última sentenza a ese respecto da Corte Internacional de Xustiza,  Croacia versus Serbia.

O 3 de febreiro deste ano fíxose pública a sentenza non apreciando a comisión de xenocidio. Non é a primeira da Corte Internacional de Xustiza a respecto das atrocidades da guerra de Iugoslavia (1991-1999). Hai oito anos, o 26 de febreiro de 2007, emitiuse a do caso  Bosnia-Herzegovina versus Serbia-Montenegro que xa apuntaba, algo máis contidamente, na mesma dirección restritiva. Un detalle: as vítimas non teñen arte nin parte perante esta xurisdición internacional. Non só a Corte trata o asunto como se fose en exclusiva entre Estados.

Segundo a xurisprudencia da Corte Internacional de Xustiza, as matanzas e os desprazamentos por razón de pertenza a grupo non bastan para a comisión de xenocidio. Que fai falta para que tal delito se cometa? Para a Corte, ha de probarse dolo especial, a adopción da decisión de facer desaparecer un grupo por parte do Estado, como se a comisión dun xenocidio fose algo sobre o que se deliberase e que se resolvese en reunións formais de órganos políticos ou militares con levantamento de actas. A simple intención requirida pola Convención que puidese ser probada polo teor das políticas postas en práctica non é admitida pola Corte.

Hai máis na terxiversación da Convención. Ante as probas palmarias de matanzas e de desprazamentos a Corte argumenta que todo iso de seu non implica xenocidio non só porque falte proba de dolo especial, senón tamén porque todas as políticas lesivas para un grupo que non consistan en matanza non constitúen xenocidio se non se demostra que están dirixidas á destrución física ou biolóxica do grupo. Por esta vía, até o mesmo masacre parcial habería de ser, para constituír xenocidio, un paso intencionado cara ao exterminio total. Así, as formas non cruentas ou parcialmente cruentas de xenocidio convértense en elementos dun único suposto de delito consistente no obxectivo probado de eliminación practicamente absoluta dun grupo.

A Corte considera que o xenocidio non pode probarse pola evidencia de actos particulares, senón, ao contrario, que ha de demostrarse que tales actos son consecuencia da adopción dunha política expresamente xenocida. Todo isto non é invención súa, senón o resultado de doutrinas que viñeron desenvolvéndose desde a ratificación da Convención polos Estados Unidos. Converteron o xenocidio nun delito case imposíbel de cometer. Concorre a este efecto a conversión do monstruoso xenocidio nazi na vara práctica de medida para calquera outro. Se os mortos non son de entrada incalculábeis, non o habería. E, a falta de dolo documentado, nin sequera iso bastaría.

Ante as evidencias flagrantes no caso iugoslavo, a Corte sinala que pode haber limpeza étnica sen que haxa xenocidio. Estoutra expresión da limpeza étnica foi acuñada pola Administración Clinton nos Estados Unidos ante a mesma guerra de Iugoslavia precisamente para eludir a utilización da palabra xenocidio e o compromiso consecuente de ter que afrontalo en termos xurídicos, de dereito e xurisdición internacionais, e non, como acabou ocorrendo, só bélicos e diplomáticos. As reservas dos Estados Unidos para coa Convención proveñen duns inicios. Na segunda metade dos anos corenta, houbo asociacións afroamericanas que presentaron ante as Nacións Unidas a acusación de comisión de xenocidio por legados da escravitude como o cruento de linchamentos recorrentes en Estados ex escravaxistas. De medios indíxenas tamén procedía a denuncia polo trato de morte e desprazamento dispensado polos Estados Unidos. Hoxe as cautelas están superadas porque a Convención foi domada. Os anos non correron en balde desde 1948.

Unha acreditada especialista española  aplaude sen reservas a sentenza do caso Croacia versus Serbia. Manexa a Convención como se só puidesen comprendela os expertos. Conflúe coa Corte: “Unha política xenocida busca a aniquilación física ou biolóxica masiva dun grupo, non a súa supervivencia noutra parte”, o que non sería xenocidio. A Convención non di outra cousa” Consta por suposto, mais a doutrina xurídica serve para interpretar as normas a conveniencia. A quen identifica xenocidio con gran masacre sen argumentos retortos polo medio a especialista non se priva de imputar “simplificación e ignorancia enciclopédica”. Que a doutrina imperante ignore o lastre da  neutralización da Convención nin se percibe.

Non todo o mundo no ámbito xurídico segue o xogo. Existe doutrina que, con base máis depurada na Convención, entende xustamente que a intención xenocida poida probarse perfectamente por indución ante a posta en práctica de políticas lesivas, non necesariamente cruentas, para a reprodución de “un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso”, dun pobo indíxena ou dun pobo americano afro-descendente por exemplo. Algúns dos desenvolvementos máis interesantes da problemática xurídica sobre o xenocidio están actualmente producíndose por medios historiográficos a respecto de procederes do pasado que hoxe cualificamos ou deberiamos cualificar de xenocidas.

A Corte Internacional de Xustiza non é hoxe a única xurisdición competente en materia de xenocidio. Está xa tamén, para responsabilidades non estatais, a Corte Penal Internacional e hai ademais tribunais especiais, como o  Tribunal Penal Internacional para a ex-Iugoslavia precisamente. Mais é a Corte Internacional de Xustiza a que vén sentando xurisprudencia. A Corte Penal Internacional demóstrase menos eficiente. E a doutrina xurídica especializada en terxiversar a Convención pesa sobre todas as xurisdicións, tamén sobre as de Estado.
 

Orixinal aquí.