You are hereAfricom atacará desde o Reino de España

Africom atacará desde o Reino de España


09/06/2015

O Reino de España e os Estados Unidos asinaron un novo convenio bilateral de Defensa, segundo o cal os EUA alargarán a súa presenza na base militar de Morón de la Frontera onde instalará a sede de Africom co ánimo de intervir en África.
John Kerry, Secretario de Estado dos EUA debía visitar Madrid para asinar o protocolo que emenda o Convenio bilateral de Defensa de 1988 entre Estados Unidos e España. O motivo desta emenda é permitir que a base militar de Morón de la Frontera (Sevilla) alargue as súas instalacións e a dotación de efectivos. Prevese que en Morón poidan instalarse até 3.500 marines, fronte aos 850 actuais, alén das aeronaves de transporte de tropas e outros avións militares, de decolaxe vertical, drones e de combate. Este aumento de efectivos vén motivado polo feito de Morón se converter na principal base militar de AFRICOM, o comando dos EUA para a intervención en África.

Os EUA estiveran buscando unha sede para instalar esta base en diversos países africanos, foron barallados Marrocos, Alxeria, Mauritania, Senegal… mais finalmente será o Reino de España quen acollerá a sede operacional de Africom, por dúas razóns obvias: a proximidade de Morón ao continente africano; e a estreita colaboración, cando non pleitesía, que sempre renderon os diferentes gobernos españois aos EUA. Esta é unha noticia que debería indignar a oposición política ao goberno do Partido Popular. Por que se preguntarán algúns? Pois por antidemocrática (non me excedo no comentario). Lembremos que no Referendo da OTAN de 1986 fixéronnos unha pregunta que contiña tres propósitos se vencía o Si: 1º) que o estado español non se incorporaría á estrutura militar integrada; 2º) que se prohibiría instalar ou introducir armas nucleares en territorio español; 3º) que se produciría unha diminución progresiva de presenza militar dos EUA no Reino de España. A primeira condición xa foi violada en 1997 coa incorporación do Estado español na estrutura militar, levada a cabo polo goberno do PP de José María Aznar, mais co apoio do PSOE, nada estraño, pois cabe lembrar que Javier Solana (un home que se autocalificaba “de paz”) figuraba entón á fronte da OTAN como secretario xeral. E agora viólase a terceira condición. Pois co aumento de até 3.500 marines en Morón máis os que están na base de Rota, Cádiz, albergará máis efectivos militares estadounidenses dos que nunca o Reino de España tivo. Precisamente este mes anterior, chegou a Rota, o terceiro do catro destrutores da clase Aerleigh Burke que levan instalado o sistema Aegis para detectar ataques con mísiles sobre Europa do denominado “Escudo Antimísiles”, con o que os  EUA pretenden, é un dicir, defendernos.

Alguén poderá aducir que polo menos foi respectada a segunda condición daquel Referendo que nos integrou na OTAN (coa excepción de Canarias, Cataluña e País Vasco onde gañou o Non). Pois a dúbida persiste, xa que non se pode ter a certeza de que nunca houbese armas nucleares nesas bases. Pois o protocolo do Convenio establece que os EUA deben informar o Reino de España dos tránsitos militares polas bases. Fanno? Non o sabemos. É seguro que os EUA non informan e que o Goberno do Reino de España non pregunta. Co cal hai que temer o peor, que non sabemos de certo que tipo de armas transitan polo noso territorio. Os EUA buscaban onde instalar unha base militar desde onde lanzar operacións militares sobre África. Os EUA xa dispuñan dunha base de mando en Sttugart, (Alemaña), e desde alí foron dirixidos os ataques que diferentes países da OTAN lanzaron sobre Libia en 2011. A partir de agora lanzar ataques ou levar a cabo intervencións militares por parte dos EUA en África será moito máis fácil, pois xa ten unha base aérea e outra marítima a escaso metros do continente africano. Coa chegada de Africom á base de Morón, escenifícase a posta en marcha desde o Reino de España da loita contra o terrorismo internacional, especialmente para actuar contra grupos jihadistas que actúan no Sahel. Baixo este propósito os EUA xa teñen tropas na rexión do Sahel, onde equipos norteamericanos forman forzas antiterroristas locais en Marrocos e Alxeria. Para a súa actuación nun programa denominado Iniciativa Pansaheliana, deseñado para prover adestramento antiterrorista aos países da rexión.

A linguaxe actual relacionada co terrorismo converteuse nunha  retórica ao servizo doutros intereses, servir para xustificar as accións que buscan protexer recursos estratéxicos ao redor do mundo. Hai que lembrar, que desde 2011 existe a Quadriennal Defense Review, (QDR). A QDR profunda as liñas trazadas pola Estratexia Nacional de Defensa dos EUA de 2008, promulgada ao final do mandato de George Bush coa súa declaración de guerra ao terrorismo.
A QDR tomou moito protagonismo nos últimos anos. Os continuos ataques con avións non tripulados no Iemen, Paquistán, Somalia, ademais de asasinatos selectivos contra supostos jihadistas, agora instálase no Reino de España a través de Africom. Isto atraerá máis armamento militar ao Reino de España e sen dúbida creará máis inestabilidade nos países africanos que sexan obxectivo de ataques.

O que menos necesitan o Reino de España e África é a expansión de exércitos de potencias exteriores. O que máis necesita África son mecanismos para responder as necesidades de pacificación dos seus conflitos así como do seu desenvolvemento. O Reino de España, sen dúbida, tamén.
Original: Centre Delàs d'Estudis per a la Pau.