You are hereXustiza para Couso

Xustiza para Couso


14/06/2015

O xuíz Pedraz arquivou o caso Couso. Faino aplicando a xurisprudencia establecida polo Tribunal Supremo ao ordenarlle á Audiencia nacional pechar o caso Tíbet, ao constatar a falta de competencia dos tribunais españois tras a reforma da xustiza universal aprobada polo goberno de Mariano Rajoy.

Co arquivo quedan sen efecto as ordes de detención internacional contra os tres militares do Exército de Estados Unidos procesados por delitos contra as persoas e bens protexidos en caso de conflito armado e Homicidio. Os presuntos asasinos do cámara José Couso xa nunca serán xulgados nin deberán responder dos seus actos.

Non haberá xuízo para esclarecer un crime de guerra cometido para deixar claro que a única información que valía era a oficial, que resultaba máis prudente non falar dos civís mortos, os bombardeos indiscriminados ou a operación de saqueo xestionada polas empresas privadas que quedaron coa contrata da Guerra de Iraq.

A xustiza universal volve perder ante o seu peor inimigo: o cinismo universal. Os mesmos que rachan as vestiduras ante as violacións dos dereitos humanos en Venezuela, calan ante Guantánamo ou aplauden, rin as grazas, fan reverencias e van de caza cos sátrapas de Arabia Saudita, Exipto ou China unicamente por asegurar mercados e negocios e así vender uns trens, uns zapatos, uns condóns ou unhas laranxas máis. Os nosos principios democráticos valen o que vale o seu PIB.

Poida que non haxa xuízo para o caso Couso pero aínda pode haber algo de xustiza. Non existe reforma legal capaz de impedirnos condenar a quen votaron e aplaudiron a Guerra de Iraq. Non existe lei que nos prohiba acusar a un goberno que non só axudou a encubrir aos criminais e impedir que saibamos a verdade, senón que impón cada día a pena de silencio, censura e esquecemento á memoria de José Couso e a toda a súa familia.

José Couso, morto o 8 de abril de 2003 xunto, con outros xornalistas, polo disparo dun carro de combate de EE UU que bombardeaba o Hotel Palestine, un dos emprazamentos da prensa en Bagdad. Un cámara galego asasinado por facer o seu traballo e a quen queren que esquezamos e non honremos como a vítima que foi daquela guerra cruel, inmoral e extraordinariamente lucrativa para quen a apoiaron. Non o esquezas.

Orixinal aqui.
 

Etiquetas