You are hereSobre laicidade, política e barbarie intelectual

Sobre laicidade, política e barbarie intelectual


17/06/2015

Que a laicidade é unha conquista civilizatoria do noso tempo é algo que até recoñecen mesmo certos sectores das Igrexas, que abren unha vía dentro dos seus dogmas para respectaren a laicidade tanto na súa dimensión institucional (a idea é do profesor Luis Salazar Carrión) como na súa dimensión intelectual e moral. Xa o xurista e filósofo italiano Luigi Ferrajoli advertía —referíndose ao deterioro e dexeneración das democracias actuais— da fusión-confusión-colusión dos poderes públicos formais cos poderes fácticos: económicos, mediáticos ou relixiosos, o que leva a converter os cidadáns en consumidores pasivos dun espectáculo público degradante. ¿Acaso os avances en benestar, educación e liberdades non deberían traer consigo unha maior secularización (Thomas Scott) entendida tamén como un “feito social”? Nesta idea coincidiron, entre outros, pensadores tan dispares como Karl Marx, Nietzsche, Stuart Mill, Max Weber, Emile Durkheim, Sigmund Freud ou Auguste Comte. E até o propio papa católico Francisco acaba de defender con toda claridade a laicidade do Estado. Súas son estas palabras: “A convivencia pacífica entre as diferentes relixións vese beneficiada pola laicidade do Estado”.   

E todo isto vén a conto porque a actual alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia (PP), diante da non presenza dos alcaldes de Santiago de Compostela (Martiño Noriega) e da Coruña (Xulio Ferreiro) no acto católico que se denomina “Ofrenda del Antiguo Reino de Galicia al Santísimo Sacramento” o “Jesús Sacramentado”, afirmou que “el pueblo que huye de sus tradiciones y de su conciencia renuncia a su identidad y a su alma”. E, igualmente, o xa ex alcalde de Santiago, Agustín Hernández, considerou que a ausencia dos alcaldes compostelán e coruñés supuña “un empobrecimiento de nuestro patrimonio cultural”. Xulguen vostedes. Porque se se refiren así (“renuncia a su identidad y a su alma” y “empobrecimento de nuestro patrimonio cultural”) en relación a un acto eucarístico católico coincidente co que se denomina “infraoctava del Corpus” e que data do ano 1669 —nos anos da II República non se celebrou—, ¿que opinión terán esta señora e este señor sobre o idioma galego, identidade máxima do pobo galego, que aínda hoxe —e sobre todo dende o plano político oficial do que forman parte esta señora e este señor, con moi poucas excepcións— é desprezado, marxinado, subestimado, relegado, postergado e menosprezado, cando non directamente esquecido? ¿Non supón esta acción (as políticas que se levan a cabo), referíndomonos ao idioma propio de Galiza, un caso de “empobrecemento do noso patrimonio cultural” e unha renuncia á identidade e á alma do pobo galego? Unha vez máis teremos que acudir —tomen boa nota os “etnocidas” que usan dúas ou máis varas de medir— a Castelao: "¿Como chamariamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Gloria? Pois é certamente máis bárbaro quen deixa morrer un idioma: obra de arte insuperábel, feita con amor, con dor e ledicia polos nosos antergos, que recibimos en herdo e que temos a obriga de enriquecer co espírito do noso tempo".

¿E acaso non son “bárbaros” os que —tamén dende perspectivas “intelectuais”— permiten ou amparan os golpes mortais que lle son inflixidos, unha vez e outra, ao idioma galego? ¿Como denominalos utilizándomos outras acepcións? ¿Etnocidas? ¿Sociópatas? Como ben di a filósofa Asunción Herrera Guevara, “debemos saír da barbarie e entrar nunha auténtica ilustración”. E iso non deixa de ser urxente, porque aínda hoxe estamos rodeados de “bárbaros especialistas” e “analfabetos instruídos” (Ortega y Gasset). Ou, dito doutra maneira e centrándonos máis no que atinxe á relixión e á política: “O poder político non vén de Deus, senón da sociedade, é dicir, da xente” (Maquiavelo. 1469-1527).

Orixinal aqui.

 

Etiquetas