You are hereOs refuxiados e a “Europa dos valores”

Os refuxiados e a “Europa dos valores”


09/10/2015

Agora que xa os medios de comunicación deixan de ter coma titulares o drama dos refuxiados deberíamos solicitar que algún membro da Comisión Europea, do Consello da Unión, do Servizo Europeo de Acción Exterior, ou do Comité Económico e Social, evidentemente recibindo unha xenerosa retribución, se achegase a impartir algunha charla ou conferencia maxistral a algún grupo dos miles de desesperados e desesperadas que padecen e petan nas nosas portas, nas nosas fronteiras. Debería versar sobre os nosos valores, os da democracia, os dos dereitos humanos, os da solidariedade, os da xustiza e os da tolerancia. Sería didáctico que lles explicase que aínda que a Unión Europea colaborou, como unha potencia imperialista máis, para esfarelar os seus países, foi cun mandato civilizatorio para sacalos da barbarie. Dicirlles que as guerras que, xunto cos EE.UU. provocamos, que os conflitos que desencadeamos, que as bestas que criamos e armamos para derrubar os gobernos que os oprimían, e que nos dificultaban acceder aos seus mercados e recursos, pagaron a pena. Debería dicirlles que poden estar satisfeitos porque fomentamos a mobilidade e o encontro entre culturas e pobos. Que o capitalismo favorece a destrución creativa e ao fin todos seremos emprendedores e felices.

Podería ilustralos sobre as disposicións das Nacións Unidas e da propia U.E. relativas ao asilo e ao refuxio para que se sintan máis confortados. Cabería a posibilidade de que mencionase o artigo 14º da Declaración Universal dos Dereitos Humanos; o artigo 18º da Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea así coma as demais normas que constitúen o Sistema Europeo Común de Asilo; tamén acaería unha breve mención da Convención de Xenebra e o seu Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados ou mesmo do Manual de Procedemento e Criterios para Determinar a Condición de Refuxiado do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados.

Podería tranquilizalos citando o artigo 31º da Convención que estabelece que os Estados non imporán sancións penais por mor da súa entrada ou presencia ilegal. Que as agresións e a violencia que están a padecer, pouco a pouco se están a recuperar para os propios nacionais europeos o que facilita a igualdade e do que nos podemos sentir orgullosos. E por que non un pequeno estímulo pedagóxico para repasar o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos que acatamos e respectamos todos os membros da U.E?

Para rematar valería que concluíse que aquí temos outras preocupacións prioritarias entre as que a acumulación por parte dos ricos e poderosos desposuíndo e saqueando á grande maioría ocupa un lugar central. Que temos que domesticar aos gobernos que son reticentes ao empobrecemento dos seus pobos. Que non é doado ditar receitas sen a lexitimidade da que carecen os organismos que non foron elixidos e para o que cómpre facer moito marketing. Que tamén nos preocupa moito que os pobos poidan decidir libremente os seus destinos. Que a prioridade xa non son os dereitos humanos senón os mandatos da Troika. Mais si, os valores europeos se presupoñen, aínda que sexan para publicar en folletos.

Orixinal aqui.