You are hereEsperpento español: medallas "a la virgen"

Esperpento español: medallas "a la virgen"


23/10/2015

Ben é certo que a primeira vez que se documenta a utilización da palabra “esperpento” é na novela titulada “Rosalía” (1872) de Benito Pérez Galdós, e catro anos despois tamén aparece —“viejo esperpento calvo”— na novela sentimental e costumista “El copo de nieve” (1876) de Ángela Grassi. O termo tamén foi utilizado na creación literaria, a comezos do século XX, por Eugenio Noel, Carlos Arniches, Ramiro de Maeztu e Fernando Villalón, entre outros moitos autores, mais tería que chegar o noso xenial don Ramón María del Valle-Inclán —“una nueva maquinaria en la aventura artística” (Zamora Vicente)— para lle outorgar plena carta de natureza como xénero literario. Contra o denominado realismo burgués, o autor de “Luces de bohemia” quixo, partindo da deformación das imaxes que produce un espello cóncavo, presentarnos —son palabras súas— “la vida miserable de España”.

¿E que diría don Ramón María, se vivise hoxe, da España actual? ¿Que diría de Antonio María Rouco Varela ou Esperanza Aguirre? ¿Como vería o estado de corrupción, política  e económica, que vive España? Se Valle-Inclán estivese hoxe entre nós, estou ben certo que opinaría sobre a aristócrata Corinna von Sayn Wittgenstein e o seu suposto amante real, que tería palabras para o IVA cultural de Cristóbal Montoro e que falaría, facendo uso do seu estilo, do ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, dedicado este con fervor nos últimos tempos a conceder medallas ás virxes católicas, apostólicas e romanas que se lle poñen por diante.

Mais centrémonos agora nisto último, que ilustra perfectamente a pura actualidade no que atinxe a seguir sendo España —sempre en palabras do mestre galego e universal, e por boca de Max Estrella— “una deformación grotesca de la civilización europea”. Porque o ministro Fernández Díaz (consúltese calquera hemeroteca), que encomendou a “sorte” de España a Santa Teresa de Jesús, leva xa concedidas relevantes condecoracións en forma de medallas ás imaxes das virxes Nuestra Señora María Santísima del Amor (Medalla de Oro al Mérito Policial), á Virgen del Pilar (Gran Cruz de la Orden del Mérito de la Guardia Civil, Patrona del Cuerpo) e á Santísima Virgen de los Dolores (Cruz de Plata de la Guardia Civil). É dicir, o ministro do Interior dun Estado europeo constitucionalmente aconfesional dedícase —e van tres en catro anos— a condecorar oficialmente imaxes de virxes católicas e, por extensión metafórica, ás virxes mesmas e á súa simboloxía relixiosa.

¿E que diría de todo isto Valle-Inclán? O mestre xa se expresou no seu momento, e, á vista das medallas ministeriais, segue a acertar tamén hoxe no seu diagnóstico: “España, en su concepción religiosa, es una tribu del Centro de África”. Mais non vos riades, porque o conto é triste (Castelao). No caso da medalla á virxe Nuestra Señora María Santísima del Amor, houbo alguén que presentou unha denuncia contra o ministro do Interior por prevaricación administrativa ao ter ditado unha orde “manifestamente arbitraria”, mais o Tribunal Supremo concluíu que a máxima condecoración policial á virxe non era constitutiva de delito, pois, dándolle a razón á Orde ministerial, “a máxima condecoración policial pretendía recoñecer á Advocación Mariana Titular de la Real, Excelentísima, Muy Ilustre y Venerable Cofradía de Culto y Procesión de Nuestro Padre Jesús ‘El Rico y María Santísima del Amor’”. Textual. Mais o ministro do Interior entra en flagrante contradición —hai que dicilo todo— con San Alberto Hurtado, segundo chileno de nación en ser elevado aos altares, quen afirmaba con todo convencemento que “María, modelo de cooperación, non quere condecoracións nin honras, senón prestar servizo”. Menos mal que a palabra “ministro” vén da raíz latina “minus”, que nos posibilitou palabras como “menos”, “menor”, “miniatura” ou “minúsculo”, e Fernández Díaz, a eses efectos, é un “ministro” esperpenticamente perfecto.

Orixinal aqui.

 

Etiquetas