You are herePor que somos indiferentes ás mortes en prisión?

Por que somos indiferentes ás mortes en prisión?


03/11/2015

Nos últimos meses, os cárceres de Villabona e Navalcarnero foron escenario de case unha decena de mortes.

Este ano 2015 está a ser especialmente tráxico para o cárcere de Villabona. Aínda quedan tres meses para que finalice e son cinco as persoas que se suicidaron ou morto por causas estrañas dentro dos seus muros. Que se suiciden persoas en prisión, desgrazadamente, non é unha noticia nova. Tampouco que morran repentinamente por sobredose, por unha malleira, por un ataque repentino, ou despois de moitos anos de doenza sen recibiren atención médica. No último ano foron moitos –demasiados- os feitos deste tipo que se deron en diferentes puntos do mapa carcerario, aínda que non fosen noticia.
Mais, no caso do cárcere de Villabona, desta volta eses números teñen especial transcendencia porque eses suicidios se dan nun espazo en que converxen dous modelos que foron exaltados como as novos paradigmas da execución penal no Estado español: as chamadas Unidades Terapéuticas e Educativas (UTE) e os Módulos de Respecto, ambos libres de droga.

Desde hai vinte anos, e especialmente desde 2005, optimizáronse recursos para implementar os dous primeiros modelos como sistemas baseados na coxestión penal, os tratamentos terapéuticos e solidarios… Con todo, á luz destes números, parece que as mortes, suicidios e asasinatos prodúcense igual.

Desta realidade tan irresistíbel poden ser extraídas varias consideracións que deberían ser postas no centro do debate acerca dos suicidios en prisión. A primeira é que existen dinámicas de desprezo pola vida, e sobre todo pola vida digna, que teñen o seu reflexo en prácticas da vida cotiá dentro do cárcere.

A pena privativa da liberdade non coarta só a liberdade, senón tamén toda unha serie de dereitos como o de asociación, liberdade relixiosa, sexual, intimidade persoal e familiar, o dereito a difundir e expresar libremente pensamentos e ideas, a educación, o dereito a un traballo digno e unha remuneración suficiente… e, máis grave aínda, somete a toda unha serie de humillacións diarias e constantes -unhas máis sutís que outras- que son produto da submisión á institución en que está e que dan lugar a un máis que coñecido proceso de destrución da persoa. Poderíase afirmar que a reclusión durante toda a vida en prisión -ou unha parte dela- se presenta como unha fórmula que, en si mesma, atenta contra a vida, sen ter que chegar a perdela materialmente.

A segunda é que os novos modelos ou paradigmas carcerarios, aínda que sexan intentos moi louvabeis por facer melloras nun sistema insoportabel, cando son concretados nunha situación de encerro dexeneran de tal maneira que terminan por reproducir as mesmas dinámicas da prisión tradicional xa que no fondo alicerzan nos mesmos método e lóxicas, e tamén porque desenvolve o mesmo concepto que atravesa e determina todo: o castigo e a situación de encerro.
Por moito que nos resistamos, e por moitos veos que poñamos diante dos ollos, a realidade preséntase con feitos esmagadores: as prisións, ademais de non solucionar nada, dan lugar a procesos atentatorios contra as vidas das persoas que encerra, ás que, nalgunhas ocasións -moitas- acaba matando.

Sexamos honestas e honestos con esta realidade e tomemos nota diso, porque tamén un cárcere é unha Administración Pública. Pode xustificarse que ninguén faga nin diga nada se un neno, nena ou un adolescente se suicida porque lle baten os mestres nunha escola pública? Ou se nun hospital morre ou se suicida alguén por unha práctica imprudente? En prisión, o risco de morrer esganado por unha corda, de sobredose, desangrado, ou por perder a cabeza está sempre presente. Fagámonos responsabeis entón disto e esixamos á Administración Penal o mesmo que pedimos a outras Administracións Públicas.

Orixinal aquí.