You are hereAs "frías cifras"

As "frías cifras"


07/11/2015

Di o tópico do xornalismo sensibleiro que atrás das cifras hai persoas con nome e apelido, e que os grandes números (o mesmo do desemprego que de accidentes de tráfico) impídennos ver a “dimensión humana”. Mais no caso dos refuxiados que chegan a Europa, nin por esas.

Aí está o caso do neno Aylan. Con só ler o seu nome, xa saben de quen lles falo, verdade? O kurdo de tres anos afogado nunha praia de Turquía non ficou invisíbel atrás dunha cifra, ao contrario: soubemos nome e apelido, vimos fotos vivo e morto, coñecemos os seus pais e irmáns, soubemos peripecias e anedotas da súa curta vida. Durante varios lacrimóxenios días de setembro puxemos nome, apelido e rostro ao "drama dos refuxiados". E aquí seguimos, esquecidos do "refugees welcome".

Os nomes e apelidos non serviron para nada. E tampouco as fotos, pois despois de Aylan vimos novas fotos de nenos inchados, aboiando en enormes chalecos salvavidas, depositados na area. Así que, como o “rostro humano” non serve, probemos coas “frías cifras”. Estes días acumúlanse números que, suponse, deberían sacudirnos, mudar a orde de prioridades, presionar os gobernantes. Mais a maioría somos de letras, analfabetos matemáticos, e así que hai máis de dous ceros xa nos perdemos, tanto nos ten dez mil que dez millóns.

Aquí déixo algunhas cifras picoteadas da prensa de onte, a ver que tal soan. Ordénoas de menor a maior, así as asimilamos mellor: 2 crianzas mortas ao día. 50 prazas para refuxiados habilitadas por España. 55 corpos na morgue de Lesbos, sen sitio para os enterrar. 108 crianzas mortas desde que apareceu o cadáver de Aylan. 116 refuxiados situados por Europa nos dous últimos meses. 400 mortos en outubro. 1.418 prazas habilitadas por Europa para acoller os que chegan. 3.406 afogados no que vai de ano. 5.000 esperamos cada día de aquí a final de ano. 9.000 crianzas chegaron sóas, sen familia, no que vai de ano. 28.000 refuxiados no último fin de semana. 160.000 son os que se comprometeron a acoller os países europeos. 172.000 chegaron até setembro. 218.000 máis só no mes de outubro. 300.000 espéranse de aquí a final de ano. 760.000 alcanzaron Europa no últimos dez meses. 1.000.000 calcúlase que entrarían en Europa en todo o 2015.

Dinlles algo todos eses números? Pouca cousa, seino. Podo tentar usar outras unidades de medida máis manexabeos, non sei: dicir que nos dous próximos meses chegará o equivalente a tres Bernabeus de refuxiados; que no último fin de semana desembarcou o equivalente a toda a poboación de Durango ou Crevillente; que cada dúas horas morre un refuxiado no mar; que na morgue de Lesbos hai un autobús enteiro cheo de cadáveres sen enterrar; ou que en dous meses morreron crianzas que encherían seis clases de Primaria, un colexio enteiro tirado nas praias.

Nin por esas, xa o sei. Cifras, fotos, nomes, que non dan a medida desta Europa miserabel que non só non estableceu vías legais de chegada en orixe, que non só non abriu corredores humanitarios nin mandou a axuda necesaria aos países de acollida cando está a chegar o frío; é que nin sequera foi capaz de organizar unha misión de salvamento e teñen que ser os socorristas voluntarios os que rescaten vivos e pesquen mortos. Que noxo de Europa, que noxo de nós, que noxo de min.

Orixinal aqui.
 

Etiquetas