You are hereSubstitución da pena de prisión por expulsión

Substitución da pena de prisión por expulsión


02/12/2015

 A reforma do Código Penal tróuxonos, entre outras moitas cousas, unha nova redacción do art. 89, é dicir a disposición que regula as expulsións xudiciais: a substitución das penas privativas de liberdade por expulsión. Até agora a liña divisoria tiñámola no seis anos de condena: para condenas inferiores a seis anos, estaba prevista a expulsión directa, aínda que de cando en cando producíase sen cumprir polo menos o denominado período de seguridade; e para penas superiores a seis anos prevíase a expulsión cumpridas as tres cuartas partes de condena, ou cando o penado accedese ao terceiro grao de tratamento penal. E sempre que falásemos de estranxeiros en situación de irregularidade.

A nova redacción -que xa non distingue entre situacións de regularidade ou irregularidade, ou mesmo cidadáns da Unión Europea- marca a liña divisoria no cinco anos de condena, e co límite en condenas superiores a un ano: estas substituiranse de forma directa, salvo circunstancias excepcionais, en que o reo poderá cumprir até un límite de tres cuartas partes de condena, ou cando acceder a terceiro grao ou á liberdade condicional, o resto de condena será substituído pola expulsión.

No suposto de condenas superiores a cinco anos, ben sexa por un único delito ou como consecuencia da suma de varias penas, o xuíz ou tribunal acordará o cumprimento de "todo ou parte" da condena, substituíndo o resto da pena pola expulsión e. en todo caso, substituirase alcanzado o terceiro grao ou a liberdade condicional. Aquí parece pairar a sombra do período de seguridade como mínimo de cumprimento, aínda que a práctica diaria levaranos ás dúas terceiras partes de condena como suposto xeral, case con toda seguridade.

A expulsión, que virá acordada na propia sentenza, ou en auto inmediatamente seguido á firmeza da sentenza condenatoria, leva a extinción de calquera autorización de residencia que puidese ter o interesado e a prohibición de entrada no país nun prazo de cinco a dez anos. Isto, sen dúbida, é un vencimiento precipitado e absurdo da autorización para residir e traballar que tivese o penado. Imaxinemos que non pode executarse a expulsión, polas razóns que for, e o cidadán estranxeiro, cumprida a súa pena, ficará na rua mais coa súa autorización de residencia extinguida como unha sanción engadida sen sentido, xa que teremos un cidadán en situación de irregularidade, ao que non se pode expulsar. E sen posibilidades de nova residencia até non cancelar os antecedentes penais, tampouco poderá traballar de forma legal. É dicir, xusto o que proscribe a tristemente famosa sentenza do TJUE de 23 de abril de 2015, mais nesta ocasión, agora chegamos a esta situación por obra e graza do noso Código Penal.

O intento de regreso a España do estranxeiro expulsado tamén ten as súas consecuencias. O CP reformado distingue dous momentos no incumprimento: se o estranxeiro é sorprendido na fronteira, rexeitarase na mesma fronteira e comezará de novo o cómputo de prohibición de entrada. Aquí non hai mudanzas a respecto da regulación anterior. Mais se consegue entrar en España, en primeiro lugar a previsión do CP (art.89.7) é que terá que cumprir as penas que lle foron substituídas. De forma excepcional, a criterio do xuíz ou tribunal sentenciador, en atención á duración das penas, cando o cumprimento íntegro resultar innecesario para asegurar a defensa da orde xurídica, poderá reducir o tempo de cumprimento, sen que o Código Penal diga en canto.

E aínda que o artigo non o diga, despréndese claramente que, finalizado o cumprimento da pena substituída, íntegra ou encurtada, procederase de novo á expulsión do cidadán estranxeiro.

Unicamente, en supostos moi determinados, serán valoradas as circunstancias do feito e as persoais, particularmente o arraigamento en España, para evitar a substitución por expulsión. Evidentemente, ha de quedar unha porta aberta para non vulnerar a directiva de residentes de longa duración, que xa custou varias sancións a España.

En definitiva, a reforma do artigo parece unha transposición da filosofía do art. 57.2 da Lei de Estranxeiría (O 4/2000) ao Código Penal, incluíndo todos os cidadáns estranxeiros condenados a pena privativa de liberade superior a un ano, sexan  regulares, irregulares ou mesmo cidadáns da UE. A reforma resolve, por vía penal, a discusión da expulsión como sanción do art. 57.2 O 4/2000, ou a expulsión de cidadáns da UE conforme ao seu propio estatuto recolleito no RD 240/2007.

César M. Touciño

Avogado ICA Salamanca. Membro da Subcomisión de Penal do Consello Xeral da Avogacía Española

Orixinal aqui.