You are hereDemocracia envenenada

Democracia envenenada


30/12/2015

“R.R.L. e R.G.C., rapeiros de Baiona, aceptan pagar unha multa de 900 euros cada un por supostas inxurias e ameazas nas letras das súas cancións a dous axentes da GC. A Fiscalía solicitaba indenmizacións de até 4.500 euros.”

“Trece integrantes das plataformas de persoas afectadas pola compra de preferentes e subordinadas (X.V.G.,  M.R., E.D.V., A.B.A., A.M., D.V.F., A.A., F.A., M.M.G.M., C.S.C.,  J.L.O.P., E.S.R., J.F.F.), son sancionadas pola Subdelegación do Goberno  de Pontevedra con multas de 600€, acusadas de provocaren desordes, realizaren manifestacións non autorizadas e inxuriaren axentes policiais en diferentes lugares (Mos, Tui, Mondariz ou Baiona). Moitas das persoas xulgadas non foron identificadas polos axentes nos lugares en que alegadamente terían sido cometidas as faltas.

Posteriormente, con data 01/12/2014, o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra emite sentenza favorábel ao recurso presentado contra as sancións.” .

Estes feitos extractados proceden do relatorio Democracia Envenenada , elaborado por EsCULcA e que recolle mermas de dereitos no espazo público. O documento foi enviado a diversas institucións e ás candidaturas que se apresentan no Pais ás eleccións xerais. As candidaturas receberon ademáis unha serie de propostas en materia de liberdades públicas que van alén da xa introducida simbólicamente por algunha lista como é a derrogación da lei mordaza .

Leva anos o noso País soportando actuacións político-policiais tendentes a impedir unha das manifestacións básicas do estado de dereito: a libre expresión de ideas e reinvidicacións na rúa. Semella que o Poder , sexa da cor que for , aspira a  un país de “maioria silenciosa” como esa que tanto louva Rajoy, como se a democracia só fose votar cando hai comicios . O prezo de protestar democráticamente  é alto e por iso EsCULcA demanda unha mudanza das políticas en materia de respecto aos dereitos civis formulando esas propostas .

Os tempos non permiten o optimismo. Da man do populismo punitivo e do achado de novos inimigos como o “terrorismo xihaidista” a lexislación muda e mudará cara unha maior restrición de liberdades , como acontece na Franza. Unha situación que no Reino de España se plasma en medidas tan infames como a canal aberto polo goberno para recibir denuncias de persoas supostamente “radicalizadas”. Podemos pensar que son medidas excepcionais e buscan apenas conxurar un grave perigo, mais a experiencia mostra que estas disposicións non só son contrarias a un estado de dereito sólido , senón que resultan tamén ineficaces e acaban por ser utilizadas con carácter ordinario para eliminar a disidencia política, mais ainda nun sistema de garantías tan débil como o español.

Este tipo de leis que noutros países son freadas ou interpretadas restritivamente polos órganos aplicativos, acaban no Reino de España sendo de aplicación extensiva para fins moi diversos dos previstos “teóricamente” … para penar, por exemplo, dous rapeiros de Baiona por exerceren a súa liberdade de expresión ou para perseguir o lexítimo movemento de protesta contra o calote bancario no Baixo Miño.

Malos tempos, sí, para a lírica …e para as liberdades civis!

 

Orixinal: Nova Peneira (decembro 2015)