You are hereA voltas coa liberdade condicional

A voltas coa liberdade condicional


05/01/2016

A pesar de que o pasado 14 de outubro, neste mesmo blog foi publicado un acertado artigo de Mikel Armendariz sobre a liberdade condicional, non podo evitar volver sobre este tema.

Após a reforma operada pola Lei Orgánica 1/2015, de 30 de marzo, pola que se modifica o Código Penal, a liberdade condicional pasou de ser o último grao de execución penal a unha nova modalidade de suspensión da execución da pena que resta por cumprir.

Dito doutro xeito, o lexislador derrogou a institución da liberdade condicional para instaurar unha distinta, a suspensión da pena de prisión que resta por cumprir, que se inspira e persegue fins distintos á recentemente derrogada e realmente en moi pouco se parecen.

Neste sentido, ao meu xuízo, o teor literal do artigo 90.1 do Código Penal, “o Xuíz de Vixilancia Penal acordará a suspensión da execución do resto da pena de prisión que resta por cumprir e concederá a liberdade condicional”, non deixa de ser unha recorrente argucia que, argüida por un particular e non polo propio lexislador, sería directamente cualificada como unha enxeñosa fraude de lei, o que resulta máis evidente se callar cando esta última terxiversación do Código Penal, ?”perdón, quería empregar o termino modificación, mais o subconsciente me traizoou- non veu acompañada dunha adaptación da lexislación penal e, en concreto, do artigo 72.1 da Lei Orgánica Xeral Penal, como ben apuntou Mikel no seu artigo.

Creo que non andamos moi desencamiñados, cando nas propias conclusións das xornadas de Fiscais de Vixilancia Penal de 2015, textualmente ser recolle que a entrada en vigor das reformas introducidas pola Lei 23/2014, a Lei Orgánica 1/2015, e a O 4/2015 determinan a urxente necesidade dunha modificación da LOGP, RP e a DA 5ª LOPJ.


Xeneralizar unha excepción

O efecto principal da nova institución, á que me nego a seguir chamando liberdade condicional porque non o é, foi o de xeneralizar para toda a poboación penal o que anteriormente constituía unha excepción unicamente aplicábel a penados por delitos de terrorismo. Por desgraza, unha vez máis, o lexislador, moi pendente do telexornal, optou en materia penal e penitenciaria por seguir o dubidoso axioma “maior seguridade = restrición e perda de dereitos”, o que nestas materias sempre se traduce en endurecemento das penas e o seu cumprimento, así como na progresiva perda do seu fin resocializador.

Ao meu modo de ver, sería entrar nun debate complexo determinar se a liberdade condicional ten a natureza dun dereito ou non, mais o que si constitúe unha cuestión indiscutíbel é que a xurisdición penal rexe o principio constitucional de irretroactividade das normas penais desfavorabeis ao reo, consagrado no artigo 9.3 da Constitución Española.
E iso vén ao fío de que as dúbidas que se suscitan sobre a súa aplicación son moi numerosas, aínda que, unha vez máis, a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciaras veu tirarnos de dúbidas, e a Instrución 4/2015, ditada o 29 de xuño de 2015, dous días antes da entrada en vigor da reforma, na súa Disposición Transitoria Primeira, inclínase por aplicar a nova normativa da liberdade condicional a todos os expedientes incoados a partir do día 1 de xullo de 2015.

Con todo, os incisos 2º e 3º da Disposición Transitoria da Lei Orgánica 1/2015, de 30 de marzo, ordenan que para a determinación de cal sexa a lei máis favorábel será tida en conta a pena que correspondería ao feito axuizado coa aplicación das normas completas do Código Penal na súa redacción anterior e coas do CP resultante da reforma operada pola presente Lei e, no seu caso, a posibilidade de impor medidas de seguridade. En todo caso, será ouvido o reo, previsións estas xa contidas no artigo 2.2 do Código Penal, que dificilmente casan coa Disposición Transitoria da antes aludida Instrución.
Pola súa banda, a Circular 3/2015 da Fiscalía Xeral do Estado, sobre o réxime transitorio após a reforma operada polo 1/2015, dispón que en canto resultar máis favorable, a nova regulación será de aplicación aos feitos cometidos antes da súa entrada en vigor e que aínda non foron obxecto de xulgamento, aos feitos xa xulgados en que non recaeu sentenza firme, e aos feitos xa xulgados en que o pronunciamiento condenatorio sexa firme e non fose totalmente executado.

Cómputo do cumprimento da condena

Así, no que á determinación da lexislación máis favorábel, en relación aos feitos pendentes de axuizamento, a Circular incide nunha serie de parámetros a ter en conta. Entre eles, a reforma operada en materia de liberdade condicional, “ao regularse como unha modalidade de suspensión da execución do resto da pena, debe valorarse que, ao contrario do que viña acontecendo até agora, o tempo de liberdade condicional non computará como tempo de cumprimento da condena”.
Esta precisión, con todo, é omitida pola Circular cando aborda a determinación da lei penal máis favorábel para feitos sentenciados pendentes de recurso e sentenza firmes pendentes de execución, o que fai pensar que a Fiscalía Xeral do Estado tan sequera pensa aplicar a nova regulación sobre liberdade condicional a quen xa estiver a cumprir condena.
Con maior razón, e seguindo con esta circular, tratándose da revisión das sentenzas firmes pendentes de cumprir, a determinación da lei máis favorábel debe entenderse como un pronunciamiento a sustanciar nun incidente de execución de sentenza, con traslado ao Ministerio Fiscal e audiencia ao reo, requisito este último imposto pola propia Disposición Transitoria Primeira da Lei Orgánica 1/2015, asistido sempre de letrado co fin de que poida ilustrar ao interesado sobre as vantaxes que proporciona unha ou outra solución.

A teor do exposto, entendo que en ningún caso a nova regulación da mal chamada liberdade condicional resulte de aplicación indiscriminadamente para todos aqueles penados que actualmente estean a cumprir penas de privativas de liberdade.

Haberá quen poda defender que a reforma operada non é, entendida en bloque, desfavorábel a respecto da normativa anterior. Con todo, este argumento decae en por si, xa que máis haxa de que o réxime de revogación sexa de xeito evidente moito máis prexudicial, nesta nova variedade de suspensión de execución da pena privativa de liberdade, o prazo de suspensión outorgado polo xuíz de vixilancia penal pode ser maior mais xamais inferior á parte de pena pendente de cumprimento, o que practicamente vén levar unha modificación substancial da condena imposta en sentenza.

Isto último dá que pensar bastante, pois parece ser intención do lexislador estigmatizar o condenado por un prolongado período de tempo, abrindo a posibilidade de prolongar as condenas impostas en sentenza pola porta de atrás, demorar a posibilidade de cancelar antecedentes penais e, en definitiva, a integración do penado na sociedade de maneira definitiva e para sempre.

Orixinal aquí.