You are hereO veganismo en prisión

O veganismo en prisión


19/01/2016

J.M.B.V. é vegano e está en prisión provisoria desde principios de novembro. O centro penal non atendeu o seu dereito a unha alimentación acorde coas súas conviccións persoais e que cubra as súas necesidades nutricionais. Os seus avogados remítense ao Regulamento Penal e á Constitución para esixir á Administración o cumprimento das súas obrigacións coas persoas custodiadas polo Estado, e piden que se envíe ao director da prisión unha carta de apoio a este preso.
 
O veganismo é unha actitude de respecto cara os animais non humanos. Consiste nun firme posicionamento ético que se asenta na convicción de os animais, ao teren un sistema nervioso central moi similar ao dos humanos, poderen sentir a dor e o sufrimento, e por tanto son merecedores de respecto e consideración moral, na mesma medida que os humanos. En consecuencia, as persoas veganas deciden de maneira consciente deixar de consumir calquera tipo de produto derivado da morte ou explotación dos animais non humanos.

Que acontece cando un vegano está sob custodia do Estado? Respéctanse as súas crenzas? O obxectivo deste artigo é tratar de atopar unha resposta á interrogante de se unha persoa presa ten dereito a solicitar que a Administración Penitenciario lle proporcione unha dieta baseada nos seus principios máis profundos ou non.

A priori, cabería pensar que si ostentan este dereito, posto que o artigo 266.1 do Regulamento Penitenciario establece que " en todos os Centros penais ha proporcionarse aos internos unha alimentación convenientemente preparada, que debe responder ás esixencias dietéticas da poboación penal e ás especificidades de idade, saúde, traballo, clima, costumes e, na medida do posíbel, conviccións persoais e relixiosas". Se consideramos que o veganismo é unha "convicción persoal" (que, sen dúbida, o é), veriamos recoñecido o seu dereito a recibir unha alimentación concorde coa mesma.

Como é sabido (dada a enorme cobertura mediática que se lle dedicou no seu momento), o pasado día 4 de novembro a Brigada Provincial de Información de Madrid da Policía Nacional detivo seis persoas de entre 19 e 25 anos por pertenza a unha suposta organización terrorista denominada Straight Edge Madrid. Para quen o descoñeza, o Straight Edge é un movemento encadrado na cultura do 'hardcore punk', baptizado así tomando o nome dunha canción do grupo Minor Threat.

Os seus seguidores abstéñense de beber alcol, fumar tabaco, consumir drogas e, en moitos casos, son veganos. Pois ben, dous do seis detidos ingresaron en prisión provisoria após pasaren a disposición xudicial, e actualmente un deles permanece en prisión. A ningún deles foi proporcionada durante o seu tempo de reclusión unha alimentación acorde coas súas necesidades e conviccións, co que se pon en serio risco a súa saúde.

Ao día seguinte de ingresaren en prisión e comprobar que, de toda a alimentación que servía o Centro Penal, unicamente podían tomar pan e froita, ambos os internos solicitaron mediante instancia ao Director que se lles proporcionase unha alimentación vegana, mais o único que conseguiu o que actualmente permanece en prisión é que se lle ofrecese un "menú vexetariano" en que se incluía leite de vaca e ovos entre outros produtos de orixe ou compoñentes animais, polo que a día de hoxe aliméntase só da metade desta dieta, sendo obrigado con iso a manter unha folga de fame non desexada.

A entrada en prisión supón non só a privación de liberdade, senón que leva aparellada moitas outras restricións, que en ningún caso deberían afectar os dereitos fundamentais das persoas. Cando un entra en prisión non só entra fisicamente, senón que leva consigo todo o seu sistema de crenzas, que de ningún xeito pode deixar na porta á espera de as retomar cando for posto en liberdade. É por iso que o Estado, como garante da vida dos presos que custodia, ha velar por que sexan respectadas esas crenzas. O artigo 25.2 da Constitución Española establece que " o condenado a pena de prisión que estiver a cumprir a mesma gozará dos dereitos fundamentais [...] fóra dos que se vexan expresamente limitados polo contido do fallo condenatorio [...] e en todo caso terá dereito ao acceso á cultura e ao desenvolvemento integral da súa personalidade". É evidente que para que unha persoa poida desenvolver integralmente a súa personalidade ten de serlle permitido exercer as súas conviccións máis profundas, e en moitos casos estas teñen a ver coa alimentación, ben sexa como consecuencias de crenzas relixiosas (musulmáns, hindús, cristiáns, etc.) ou ben por posicionamentos éticos, como é o caso das persoas vegetarianas e veganas.

Se un accede á web de Institucións Penitenciarias achará que no apartado que describe as infraestruturas e equipamentos das prisións consta que “se elaboran catro tipo de dietas”, entre elas “unha dieta vegetariana”, por tanto parece que a Administración Penal recoñece expresamente este dereito aos internos que opten por ela. Que impide por tanto que se facilite aos presos veganos unha alimentación acorde ás súas crenzas? Ten máis dereito a ela un católico que non come carne as sextas feiras de "semana santa", ou un musulmán que non come carne de porco ou un hindú que é vegetariano? Non parece que debese ser así.

Poida que no noso país esta polémica sexa relativamente nova, mais no Reino Unido existe desde 1994 un grupo chamado Vegan Prisoners Support Group (VPSG) que vela por que sexan respectados os dereitos das persoas veganas presas -que alí son máis de 800-, en especial no relacionado coa obtención de produtos de alimentación, aseo e roupa respectuosa cos dereitos dos animais non humanos. No ano 2009 este grupo conseguiu que se permitise aos presos veganos solicitaren a través de correo o envio aos cárceres deste tipo de produtos.

Os centros penais non só deberían dar a opción de acceder a unha dieta de carácter vegano aos presos que así o desexaren, senón que, polo menos. terían que dispor nos economatos dos devanditos centros de produtos apropiados para que puidesen ser adquiridos por estes presos. Hoxe en día non sucede nin unha cousa nin a outra.

O certo é que son cada vez máis as persoas que optan por unha alimentación baseada no respecto absoluto para a vida dos animais non humanos, e nin a sociedade nin as institucións que a rexen (entre elas os cárceres) poderán ignorar esta realidade durante moito tempo, polo que se fai imperativo comezar canto antes a respectar os dereitos fundamentais das persoas veganas privadas de liberdade, circunstancia que nestes momentos non se dá.

Orixinal aquí.
 

Etiquetas