You are hereTribunais de excepción na Audiencia Nacional

Tribunais de excepción na Audiencia Nacional


15/02/2016

O balbordo xerado pola desproporcionadísima medida de prisión acordada polo xuiz da Audiencia Nacional (AN) Ismael Moreno contra dos monicrequeiros de Madrid pon outravolta o foco neste tribunal (máis ben un variado conxunto de tribunais).

A AN sucedeu en xaneiro de 1977, na súa mesma planta e sen solución de continuidade, ao Tribunal de Orde Pública (TOP) que fundara Franco en decembro de 1963 e que asumira funcións doutros Tribunais excepcionais como o de represión da masonería e comunismo. A AN fundouse para xulgar delictos de terrorismo e outros de dimensión estatal, na trabucada idea de que o terrorismo non podía ser perseguido e xulgado polos Tribunais ordinarios, nomeadamente os que actuaban en Euskadi.

A súa xurisdición excepcional e a amplitude dos medios materiais coas que foi dotada (fronte á escaseza de medios coa que os Gobernos do PSOE e do PP castigaron sempre aos Tribunais ordinarios) axiña deu nun tipo de xuiz-estrela, ás veces moi pouco coidadoso na instrución das causas ou que usaba das medidas cautelares, como a prisión, para avanzar nas pescudas, en clara perversión do sistema. Mentres, as súas sentenzas exacerbaban a punición de moitas condutas chegando alargar dun xeito desproporcionado os conceptos de “organización criminal” ou “banda armada” . O Tribunal Supremo tivo que corrixir a eito moitas das desproporcionadas sentenzas da AN.

Tan cómoda lle era esta xurisdicción excepcional ao Poder estatal que creou na AN unha Sala do Contencioso Administrativo para os recursos contra actos e resolucións dos seus órganos con xurisdición para todo o territorio do Estado. Esta substracción das funcións propias dos Tribunais Superiores de Xustiza autonómicos afastou a xustiza do cidadán e consolidou de feito un grave déficit na revisión xudicial. Os expertos administrativistas non dubidan en se referir a esta Sala da AN como “o outro avogado do Estado”, pola súa non acreditada imparcialidade.

A AN non ten comparanza con órganos xudiciais análogos noutras democracias europeas. Velaí que, falta de toda lexitimidade de orixe e bastante falta de lexitimidade de exercicio, estea hoxendía absolutamente de máis no noso sistema xudicial.

Orixinal aqui.

Etiquetas