You are hereDerrogar o delito de blasfemia

Derrogar o delito de blasfemia


23/02/2016

Foi celebrado un xuízo contra Rita Maestre, portavoz do Concello de Madrid, por profanación e ofensa aos sentimentos relixiosos, en que se solicita por parte do ministerio fiscal un ano de prisión. Sería conveniente que repasásemos os artigos do código penal que fan referencia á profanación, escarnio e blasfemia.

O noso código penal castiga con pena de prisión de seis meses a seis anos o que con vías de feito ou tumulto perturbar os actos das confesións relixiosas inscritas legalmente, se o feito foi  cometido en lugar destinado ao culto. Por outra banda tamén se castiga quen en templo, lugar destinado ao culto ou en cerimonias relixiosas, executar actos de profanación en ofensa dos sentimentos relixiosos legalmente tutelados, coa pena de prisión de seis meses a un ano ou multa de catro a dez meses. E por último, castígase a blasfemia con multa de oito a 12 meses, os que, para ofenderen os sentimentos dos membros dunha confesión relixiosa, fixeren publicamente, de palabra, por escrito ou mediante calquera tipo de documento, escarnio dos súas dogmas, crenzas, ritos ou cerimonias, ou vexaren, tamén publicamente, quen os profesa ou practica. Nas mesmas penas incorrerán os que fixeren publicamente escarnio, de palabra ou por escrito, de quen non profesa relixión ou crenza algunha.

Preguntámonos por que os sentimentos relixiosos han de ter unha protección penal. Os sentimentos relixiosos ou antirrelixiosos non son outra cousa que sentimentos por ideoloxía, e as ideoloxías poden ser criticadas en virtude do principio da liberdade de expresión. Igualmente poden ofenderse e molestarse os sentimentos doutras ideoloxías como o feminismo, o socialismo, a ecoloxía, etcétera, e con todo, a ninguén lle ocorrería dar unha protección penal pola ofensa a eses sentimentos ideolóxicos, xa que son de libre discusión. Se alguén entra nun templo ou en calquera recinto reservado para cerimonias ou conferencias, sexan ou non relixiosas, con berros ou tumulto, pode ser constitutivo dunha falta administrativa de alteración da orde pública sancionada cunha multa, mais non considerar os autores como delincuentes. Igualmente non pode ser delito que nun templo unha muller ou home tire a camisa e fique co torso espido ou co sostén no caso da concelleira Rita Maestre, pois iso non implica a ofensa de ningún sentimento relixioso que mereza especial protección penal, pola mesma razón que desapareceu o delito de escándalo público, salvo sobre menores. E por último ante as voces ou berros de carácter blasfemo, como «me cago en Deus», o suposto delito de blasfemia en si mesmo non está penalizado, pois as divindades ideológicamente tampouco pode ser protexidas penalmente, sexa o Deus cristián, sexa o Alá dos musulmáns, sexa o Jehová dos xudeus, ou sexa o Júpiter dos pagáns.

No presente caso da concelleira Rita Mestre tratábase dunha manifestación de hai catro anos, no recinto universitario para que non permanecese un templo católico dentro da universidade pública, podíase protestar en calquera outro lugar mais fíxose para maior incidencia pública dentro do propio templo. Entraron unhas 60 persoas, mais só foron perseguidas e acusadas a citada concelleira que é de Podemos e outro compañeiro; o cal fai máis inexplicábel a actuación dos denunciantes e do ministerio fiscal. Até agora ningunha das denuncias por delito contra os sentimentos relixiosos prosperou perante os tribunais españois desde a nosa Constitución democrática, mais para evitar estes procesos penais absurdos, esperemos que ademais se derroguen estes artigos do código penal que non fan outra cousa que retrotraernos a tempos que xa consideramos pasados e ultrapasados pola liberdade de expresión, manifestación e reunión.

Orixinal aquí.