You are hereTodos piden máis e máis cárcere

Todos piden máis e máis cárcere


Wolfgang Kaleck
20/03/2016

En Alemaña rexurdiu con forza a idea de impor penas de cárcere máis longas e castigos máis duros. Xa sexa contra migrantes e refuxiados ou contra extremistas de dereita violentos, o certo é que cada día comentaristas e políticos avalían os esforzos da sociedade por lidar con certos problemas segundo a dureza das penas que impón o Estado ou se, por exemplo,se  aplica ou non a prisión preventiva. Así escoitamos opinións sobre os efectos disuasivos das penas de cárcere ou sobre a idea de aplicar penas especialmente duras aos non alemáns por abusaren dos dereitos que lles ofrece o país que os recibiu.

Hai persoas que até celebran a aplicación -compre sinalar inédita- de penas de cárcere sumamente longas a quen delinque por primeira vez. Véxase, por exemplo, o comentario da afamada xornalista de tribunais do diario Der Spiegel, quen se refire á condena de seis meses de cárcere que impuxo un tribunal de Colonia a un mozo de 19 anos por roubar un par de peúgas. Dixo,"El non ten lazos familiares en Alemaña, pásase o día vagando polas rúas e non busca traballo. Que motivos temos para crer que cumprirá a lei no futuro?". Mais, claro, supostamente non hai nada persoal contra o seu país de orixe.

Creando máis inxustiza

Como acaba unha sociedade en que a xustiza penal se torna racista e clasista, e termina dirixíndose directamente contra os sectores máis desfavorecidos da sociedade? Basta ver o que acontece nos Estados Unidos desde hai xa varias décadas. Quen estiver interesado nas raíces do problema, pode ler Loic Wacquant, que escribe sobre a "industria carcelaria", ou o clásico de Otto Kirchheimer e Georg Rusche, Pena e Estrutura Social. Se se prefire un texto máis concreto, cun enfoque máis práctico, vale a pena ler Just Mercy: A Story of Justice and Redemption, de Bryan Stevenson. O autor é un profesor de Nova York, mais alén diso participa como avogado en numerosos proxectos; entre eles, a Equal Justice Initiative. No seu último libro reflicte sobrec"omo nese país se condena con tanta facilidade e se crea moita inxustiza cando tratamos con medo, distancia ou rabia os máis vulnerabeis da nosa sociedade".

Mais non se trata de indixitar acusando os Estados Unidos ou outros países aínda máis "ávidos de cárcere", como a Rusia, o Vietnam ou a China, senón de aprendermos dos seus erros, como mostra Stevenson. Os problemas comezan xa na etapa de investigación, en que a policía, debido a prexuízos e conclusións apresadas que recaen en persoas determinadas, termina danando inocentes e demorando ou impedindo que se descubra a verdade. Mais, a maiores, está a idea errónea de que tendo penas máis duras é máis fácil combater certos problemas sociais.

Así, Stevenson relátanos o seu compromiso contra a pena de morte, incluíndo un dos seus primeiros casos como avogado. Trátase de Walter McMillian, un mozo de Alabama condenado a morte en 1988 polo asasinato dunha muller, a pesar de que no momento do crime estaba nunha barbacoa organizada pola súa igrexa. Os familiares e avogados levaron a cabo unha loita de anos até McMillian ser liberado en 1993, quen de todos os xeitos morrería despois en situación de pobreza e con serias perturbacións mentais.

Tal vez o caso de McMillian é o máis coñecido, mais Stevenson demostra co seu valioso traballo que lamentabelmente é un de entre moitos outros.

Orixinal aqui.