You are hereInforme a propósito da campaña de publicidade dos bispos en relación co IRPF

Informe a propósito da campaña de publicidade dos bispos en relación co IRPF


24/03/2016

Un ano máis topamos puntualmente coa campaña propagandística da Igrexa católica (Ic, en diante), en relación coa declaración de vontade d@s declarantes do IRPF, para que o Estado (tod@s @s contribuíntes) subvencione as súas actividades de culto e clero.

1.- Continúa causando estupor, mesturado con vergoña, que non se publiquen previamente nas estatísticas oficiais da Axencia Tributaria as escasas cifras que si obran en poder da Corporación católica: é a Administración Pública a que debería ofrecer esta información como corresponde, ao ser a Ic a beneficiaria desta cuantiosa subvención pública: 250,2 M -máis de 41.000 millóns das antigas pesetas-. Por qué esta información non é de coñecemento público? A que obedece este privilexio?

2.- Debemos afirmar categoricamente que a subvención que recibe a Ic por este concepto sae dos Orzamentos Xerais do Estado, como non pode ser doutra maneira. Se como di a nota propagandística da Corporación católica, o contribuínte que marca o "X" non ten que "pagar máis nin se lle devolve menos" de que outro lugar pode saír que non sexa dos Orzamentos, é dicir do peto de tod@s @s cidadá/ns? Os impostos non "pertencen" ao cidadán, senón ao Estado, para proporcionar (supostamente) servizos de interese xeral. Por tanto, en realidade, todo é gasto orzamentario.

En segundo lugar, non ignoran as xerarcas católicos que o artigo II do Acordo concordatario sobre Asuntos Económicos, de 1979, compromete (obriga) o Estado "a colaborar coa Igrexa na consecución do seu adecuado sostemento económico". Por tanto, mentres siga vixente este Acordo, o Estado vén obrigado a manter os bispos, sacerdotes, seminarios, congresos, parroquias e demais gastos dos denominados "de culto e clero", independentemente dos "X" que marquen @s contribuíntes. O slogan de campaña dos bispos, para facer honra á verdade, debería ser: "Non importa que marques a casa, porque o Estado (todos os contribuíntes) ten que nos soster obrigatoriamente".

3.- Un ano máis, a interpretación que das cifras realiza a Conferencia Episcopal (CEE) oculta unha terca realidade: a pesar de todo o seu aparello propagandístico e mediático e dos recursos económicos que obtén do Estado, en torno ao 65% dl@s declarantes (o 65,24, en 2014, o 65,12, o ano anterior) segue sen sinalar a casa da Igrexa, como vén sendo habitual na última década. E esa porcentaxe pesa como unha laxe, independentemente de que haxa subas máis ou menos conxunturais de declaracións ou de cantidades asignadas.

4.- Da declaración do IRPF realizada en 2015, correspondente á renda de 2014, os dous únicos datos que se ofrecen (á parte dos datos por Comunidades Autónomas e a novidade dos datos por idade e sexo) son, o número total de declaracións con "X" a favor da Ic (7.291.771 declaracións) e a correspondente cantidade asignada ao seu favor por este motivo (250.261.574 euros, máis de 41mil millóns das antigas pesetas), o que leva a subliñar de forma triunfalista que aumentaron as declaracións "ao seu favor" en 23.174 e a superar os 250 M de ingresos por esta vía desde que comezou a crise. Esta última afirmación é, sinxelamente, falsa: na declaración realizada en 2009, correspondente ao IRPF de 2008, ambos os anos xa en plena crise, arrecadáronse 252,6 M?.

5.- Para mascarar o seu estancamento o episcopado resalta o aumento no número de declaracións, que representa un exiguo aumento do 0,003% a respecto do ano anterior. Oculta, con todo que as declaracións totais aumentaron en 138.610, das cales a Ic só conseguiu o 16%, co que de feito retrocedeu porcentualmente (pasou do 34,88% das declaracións, en 2013, ao 34,76% en 2014).

6.- Sinálase, así mesmo, triunfalmente na propaganda episcopal o aumento na arrecadación, 2,7 M a respecto do ano anterior, o que supón un aumento do 1% a respecto do arrecadado o ano anterior, mais omite que os ingresos por IRPF en 2014 aumentaron en todo o Estado un 3,9%, o que supón en realidade un evidente retroceso para a Igrexa católica. De todos os xeitos, conxunturas aparte, as finanzas eclesiais percibirán 76,5 M máis que hai 8 anos (que recibiu 173,7 M€). Por tanto, é indubitábel que o sistema de financiamento da Igrexa católica non foi afectado  pola crise.

7.- Un ano máis sementa confusión a propaganda episcopal, a propósito da aplicación do diñeiro recibido por esta vía (IRPF). Na nota oficial que figura na web da Conferencia Episcopal menciónase, en relación coa subvención estatal correspondente ao IRPF, a "dimensión social sobresaliente", como o "acompañamento a millares de persoas desasistidas" ou o "servizo á sociedade e ao ben de cada un dos seus membros". Nada máis lonxe da realidade.

Máis do 80% da cantidade enviada polo Estado diríxese ás dioceses e o tres cuartas partes desta cantidade emprégase en pagar os soldos e salarios do clero e outro 11% en gastos xerais (burocracia e mantemento). Tan só se dedica á "actividade pastoral" un exiguo 16 % de todo o que se enviou ás dioceses, incluíndo o financiamento de 13TV, campañas contra o aborto ou beatificacións. Outras rúbricas importantes financiadas con esta subvención estatal de 250 M€ son a seguridade social de sacerdotes e bispos, o funcionamento da conferencia Episcopal ou as facultades eclesiásticas ou a Pontificia de Salamanca. Por tanto, en contra do que afirma a nota propagandística dos bispos, as cantidades succionadas dos Orzamentos estatais non se dedican nin a actividades pastorais nin a obras sociais e benéficas, senón a gastos máis pedestres.

Debe resultar tan acusador esta situación para a xerarquía católica (o feito de que o tres cuartas partes do enviado ás dioceses se vaia en soldos do clero) que fixeron desaparecer esta información das últimas Memorias de Actividades publicadas.

8.- Mais este non é o único financiamento que recibe a Ic do Estado: anualmente benefícianse de exencións ou bonificacións tributarias por un importe estimado de 2.000 M€, os catequistas que imparten relixión nas escolas públicas cústannos 600 M€, os centros privados concertados mantéñense cunha subvención de 4.300 M€, ademais de concertos sanitarios, capeláns en institucións públicas, mantemento do patrimonio relixioso, e así até uns 11.000M€, é dicir máis do 1% do PIB español.

 9.- Todo isto acontece diante da pasividade do poder político que toque, incapaz de fiscalizar as cuantiosas exencións e subvencións recibidas pola Igrexa. Está por ver que o Tribunal de Contas, tan eficiente na fiscalización das cantidades recibidas por partidos políticos ou sindicatos, se atreva (máis ben, reciba instrucións dalgún Goberno de España) a fiscalizar as contas da Igrexa católica porque, como algún membro do devandito Tribunal advertiu, "é moi posibel que a Igrexa estea a obter un enriquecemento inxusto con esta forma peculiar de financiamento".

M. Enrique Ruiz da Roseira é membro da Xunta Directiva de Europa Laica e da Asociación Laica de Rivas Vaciamadrid

Orixinal aquí.

Etiquetas