You are hereNon é este momento de nos rendermos polas acusacións de antisemitismo de Israel

Non é este momento de nos rendermos polas acusacións de antisemitismo de Israel


12/05/2016

Traducido do inglés para Rebelión por Beatriz Morais Bastos

Na loita dun movemento chega un momento en que o éxito é un momento gratificante mais tamén moi perigoso. O réxime de apartheid en Sudáfrica proseguiu coas súas políticas máis desapiedadas e letais pouco despois da queda do réxime. Se un non representa unha ameaza para un réxime ou Estado sen dúbida inxusto e para quen o apoia será ignorado e non será preciso facerlle fronte; se sé dá no alvo, haberá reacción.

Iso é o que aconteceu ao movemento de boicote, desinvestimento e sancións [a Israel] (BDS). Este movemento é a extensión lóxica do bo traballo feito por todos os grupos e comités de solidariedade coa Palestina. Fai gala dun apoio firme e inquebrantábel ao pobo palestino a través do contacto directo cos verdadeiros representantes das comunidades palestinas de dentro e fóra da Palestina. Até hai pouco Israel considerábao marxinal e ineficaz. Mesmo algúns amigos da Palestina no Occidente obxectaban o mesmo ao BDS: a súa ineficacia.

Pois ben, parece que o movemento é máis eficaz do que quen o concibiu pudo esperar algunha vez. Non é sorprendente: representa un novo zeitgeist en política, como se ve no electorado novo que votou Jeremy Corbyn no Reino Unido e Bernie Sanders nos Estados Unidos. O desexo dunha política máis limpa e moral que se atreva a desafiar o sistema de economía e política neoliberal en Occidente provocou o apoio destes mozos a, ironicamente, dous señores maiores que representan unha forma máis pura da política .

Na bagaxe de políticos máis puros é posíbel achar un apoio firme ao pobo palestino. Actualmente a única maneira de mostrar fóra da Palestina ese apoio é a través do BDS. No Reino Unido esta lóxica enténdena aquelas persoas que votaron Corbyn e aquelas que están activas en calquera parte en apoio a causas como a xustiza social, a estratexia ecolóxica e os dereitos humanos e os dereitos dos pobos orixinarios.

Membros das elites políticas e da clase dirixente en lugares relevantes expresan un apoio claro e sen reparos a Palestina. Cando se viu este apoio nun líder da oposición en Gran Bretaña e dun candidato á presidencia nos Estados Unidos? Aínda cando o apoio deste último sexa bastante débil e reservado, no contexto da política estadounidense un candidato que se permite non recorrer á AIPAC* e comprobar que non por iso desaban os ceos é unha revolución.

Estes son os antecedentes do desapiedado ataque actual ao Partido Laborista e a Corbyn. Sinalen o que sinalaren os sionistas na Gran Bretaña como expresión de antisemitismo, que polo xeral son críticas lexítimas a Israel, xa foi dito antes nos últimos 50 anos. O lobby prosionista na Gran Bretaña, dirixido directamente por Israel, ocúpase do tema porque a posición claramente antisionista do BDS chegou ás máis altas instancias. Están verdadeiramente aterrados. Parabéns ao movemento de BDS!

Hai que admitir que a reacción é poderosa e feroz. Con todo, sucumbir a ela suspendendo membros do partido, disparando a líderes estudantís e desculpándose innecesariamente por crimes que non se cometeron non é o camiño correcto para lle facer fronte. Loitamos por unha Palestina e Israel libres e democráticos: o medo á intimidación sionista non é o camiño que hai que seguir. Os próximos días serán moi duros e teremos que ter paciencia e volver ao podio, ás páxinas web, á radio e a televisión, e volver explicar o que para moitos de nós é obvio: sionismo non é xudaísmo e antisionismo non é antisemitismo.
O sionismo non foi o antídoto para o peor capítulo de antisemitismo de Europa, o Holocausto. O sionismo foi a resposta equivocada a esa atrocidade. De feito, cando os líderes europeos prestaron sen dubidar apoio ao sionismo, os seus motivos foron en moitos casos antisemitas. Como explicar se non unha Europa que se mantivo á marxe cando o réxime nazi cometeu un xenocidio contra os xudeus e pediu perdón apoiando un novo plano para librarse dos xudeus despachándoos a colonizar Palestina? Non é de estrañar que esta lóxica absurda non acabase co impulso antisemita, senón que máis ben o mantivese vivo.

No entanto, todo iso pertence ao pasado. Os colonos xudeus e os palestinos orixinarios compartillan agora unha terra e van compartillala no futuro. Actualmente a mellor maneira de loitar contra o antisemitismo é converter esta terra nun Estado democrático libre que se basee canto for posíbel en principios económicos, sociais e políticos xustos e equitativos. Iso suporá unha transformación complexa e dolorosa da realidade actual sobre o terreo e poida que custe décadas pola en marcha. mais é urxente comezar a falar diso con claridade, sen medo e sen desculpas innecesarias ou falsas referencias á realpolitik.

Tal vez resulte difícil a Jeremy Corbyn educar o seu partido na necesidade de adoptar a linguaxe honesta e moral acerca de Palestina, e el fixo tanto pola causa que temos que ser pacientes, a pesar de que algunhas das súas reaccións e das reaccións do seu partido sexan decepcionantes (aínda que, en calquera caso está claro que a última disputa no Partido Laborista sobre o antisemitismo é máis que nada unha tentativa dos partidarios de Blair no partido, aos que os sionistas sempre tiveron na palma da man, de minar Corbyn tanto como eles son unha tentativa desesperada de Israel de deter o xiro xeneralizado contra Israel na opinión pública británica).

Con todo, ese non é o problema. O que temos ante nós é moito máis importante que o escenario político interno en Gran Bretaña. O que importa verdadeiramente é recoñecer que tanto aquí en Gran Bretaña como nos Estados Unidos comezou unha nova etapa na loita pola paz, a xustiza e a reconciliación na Palestina. Non é unha loita que substitúa a que leva a cabo sobre o terreo, senón que é unha que a engrandece e lle confíre poder.

De feito, ao que nos enfrontamos é a unha serie de loitas inevitabeis: contra lexisladores que están intimidados ou chantaxeados por Israel; contra xuíces e policías que están obrigados a acataren novas leis inxustas e ridículas que condenarán o BDS por ser antisemitismo (e a moitos deles estas directrices xa lles parecen ridículas); contra administracións universitarias que encollerán de medo ante a intimidación e as presións; e contra xornais e empresas de radiotelevisión que violarán os seus códigos éticos e traizoarán os seus compromisos profesionais ante o novo contraataque.

A loita sobre o terreo na Palestina é moito máis difícil, moito máis perigosa e esixe uns sacrificios enormes que non se nos piden a ningún de nós en Occidente. O menos que podemos facer é non permitir que nos intimiden acusacións absurdas e estarmos seguros de que nesta época a loita contra a islamofobia, contra os males do neoliberalismo, polos dereitos dos pobos orixinarios do mundo e pola Palestina é a mesma loita.

Non é só unha campaña dos musulmáns en Gran Bretaña, dos exiliados palestinos na Europa, de vellos esquerdistas nos Estados Unidos e de antisionistas en Israel. Forma parte dun movemento moito máis amplo que levou ao poder partidos novos na Grecia, a España e Portugal, valores novos dentro do Partido Laboristas e voces diferentes no Partido Demócrata nos Estados Unidos.

Non nos deberían preocupar a nova lexislación proposta, as novas directrices da policía ou a histeria mediática. Nin sequera o comportamento covarde do Partido Laborista na súa purga de conselleiros debería distraernos dos logros na loita por conseguir pór á opinión pública de parte da Palestina.

A perspectiva é extraordinariamente importante nestes momentos. Se Israel cre que pode nomear Mark Regev embaixador en Londres, a cara pública da súa política criminal en Gaza, e conseguilo, e se o embaixador israelí en Washington decide loitar contra o BDS enviando produtos da ocupada Cisxordania a cada delegado e senador de Capitol Hill [o Congreso] en violación flagrante das leis estadounidenses, iso non son probas de que Israel sexa invencíbel senón de que é un sistema político estúpido que non entende onde nos leva a historia.

Como calquera fobia, a palestinofobia pode intimidar e paralizar, mais tamén é posíbel vencela, especialmente neste momento único que vivimos. Nós que estamos na zona de comodidade de Occidente non deberiamos encoller de medo nin ceder perante acusacións falsas de antisemitismo proferidas por anglosionistas, políticos timoratos ou xornalistas cínicos. É o momento de defendermonos nos tribunais, nas prazas, no parlamento e nos medios de comunicación.

* Siglas en inglés de Comité de Asuntos Públicos Estados Unidos-Israel é un lobby moi poderoso que defende políticas proisraelíes no Congreso e o Executivo estadounidenses (N. da T.)

 

Traducido da versión en español de Beatriz Morais Bastos para Rebelión.

Etiquetas