You are hereSentimolo, Mahmoud Rafat Badran, de 15 anos, foi asasinado “por erro”

Sentimolo, Mahmoud Rafat Badran, de 15 anos, foi asasinado “por erro”


29/06/2016

Por erro os soldados paraon na ponte, por accidente asperxiron con lume pesado o coche que pasaba sobre a estrada debaixo deles, sen teren a menor idea de quen ía dentro. Sen querer mataron o adolescente e por accidente feriron gravemente catro dos seus amigos. Por erro os soldados pensaron que os pasaxeiros do coche lanzaran pedras e derramaran aceite na estrada e erroneamente pensaron que iso lles permitía disparar ao seu antollo.
Claramente foi por accidente, porque se o mozo tivese guindado pedras, estaban autorizados a matalo. Por erro o exército inicialmente informou que os seus soldados mataran o "terrorista" e feriran os seus cómplices, e só despois dunhas horas corrixiu o erro e admitiu que o mozo fora morto "por accidente". Sen querer, os israelís esqueceron que a estrada 443, a autoestrada que leva á capital, pasa a través dos territorios ocupados e sobre as terras das aldeas circundantes, cuxos habitantes [palestinos] teñen prohibido conducir por esa estrada.

Por erro os israelís cren que isto vai durar para sempre: que van seguir viaxando a fume de carozo pola autoestrada cara a Xerusalén, mentres os nenos os ollan desde abaixo con ollos sumisos e anhelantes, desde os pasos subterráneos construídos para eles, desde o enclave das aldeas en que están encerrados, das que moi poucos dos que viaxan pola Rota 443 ouviron falar e menos aínda lles interesan.

Erroneamente os israelís pensan que os habitantes da terra roubada van inclinar por sempre a cabeza para os pasaxeiros que viaxan pola estrada que desgarrou as súas vidas. Erroneamente a resistencia violenta a isto descríbese como terrorismo, así como a expulsión da poboación nativa se defíne como preservar a lei e a orde, e o asasinato de mozos como autodefensa. Por accidente Israel unha vez máis é a vítima, e o portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores ten o descaro de acusar os palestinos de matar os seus mozos.

Por erro o coronel Israel Shomer, comandante de brigada da rexión de Binyamin, quen por acaso tamén matou un mozo que atirou pedras -e non foi xulgado por iso nin removido do seu cargo- foi quen levou a cabo a investigación preliminar. É presumíbel que Shomer soubese que investigar, e sobre todo que non, antes de pasar o caso aos investigadores da Policía Militar. Os seus soldados sen dúbida dixéronlle: Actuamos exactamente como vostede, señor.

Shomer executou o mozo correcto, de modo que nin sequera foi considerado un erro. Os soldados da estrada 443 tiveron un fallo operativo, e mataron por erro. Como erroneamente os israelís pensan que as súas vidas están en perigo na estrada, cando son as vidas dos palestinos as que están nun perigo moito maior. Erroneamente os xornais escribiron: "Emboscada na estrada" (o Yedioth Aharonoth), "Erro operativo? (o Israel Hayom),"Morto por erro "(o Maariv) -o mellor no lavado da linguaxe que fan os medios colaboracionistas.

Mais unha cousa en todo isto non foi un erro. Mahmoud Rafat Badran, de 15 anos, que voltaba con seis amigos do parque acuático Lin Land, despois de nadar e cear ao final do xaxún de Ramadán, non morreu por accidente. Os soldados que dispararon contra el non o fixeron por erro. Hadi Badran, un dos pasaxeiros feridos polos disparos, dixo na cuarta-feira ao investigador de B'Tselem Iyad Haddad que escoitou uns 15 disparos, e o tiroteo ao automóbil fíxose desde unha distancia de 40 a 50 metros, o que descarta a afirmación de que as vidas dos soldados estaban en perigo.

Os soldados dispararon selvaxemente e con toda a intención ao auto en marcha, sen teren a menor idea de quen ía dentro; excepto polo feito fatal de que eran palestinos. É por iso que non foron disparos equivocados: foi asasinato deliberado. Alguén os adestrou para actuaren desa maneira, díxolles non só que está permitido, senón que mesmo é necesario. Se matasen outro mozo, un que atiraba pedras, recibirían eloxios polo seu valor e unha nota de dúas páxinas centrais no Yedioth Aharonoth. Se tan só matasen o palestino correcto?.

Mais a verdadeira equivocación é a idea de que teñen permitido disparar aos que foxen despois de atiraren pedras. E esta equivocación é malvada. Todo é malvado, incluíndo a estrada desde onde os soldados dispararon, que tampouco foi construída por accidente, senón máis ben con toda a intención malvada do amo ocupante, e é a verdadeira razón de todo o que sucedeu alí desde entón.

Versión en galego a partir da tradución para español de Maria Landi.