You are hereO caso Otegi: un labirinto xudicial que pon a proba a democracia

O caso Otegi: un labirinto xudicial que pon a proba a democracia


08/09/2016

dO labirinto xudicial comeza nunha porta aberta por un estudo dos especialistas policiais sobre as estratexias deseñadas pola banda terrorista ETA para buscar, segundo os redactores da análise, unha vía que lles permita combinar a súa actividade terrorista con alternativas políticas. En principio, non pomos en dúbida a profesionalidade e a capacidade de investigación dos que elaboraron o minucioso traballo que conclúe sinalando Arnaldo Otegi como un dos mentores e protagonistas directos do plano.

Agora ben, un informe desta natureza non pasa de ser unha achega que poderían confirmar outros estamentos especializados nesta clase de análises académicas no seo dun debate sobre o pasado, o presente e o futuro do terrorismo vasco. Nunha sociedade democrática que respecte os principios e garantías do debido proceso, un traballo desta natureza, por si só, nunca pode dar lugar, sen outros elementos probatorios, a unha condena a dez anos de prisión á persoa que se considera dirixente dunha organización terrorista.

A Audiencia Nacional, tomando como base dos feitos probados as conclusións dos redactores do informe, condena a Otegi "pola persistencia no tempo do seu criminal actuar, planificando, impulsando a serie de contactos con outras persoas en aras á elaboración da nova estratexia de ETA, desenvolvida no seo da Esquerda Abertzale" e engade, pola súa propia conta, sen que o solicite nin o Ministerio Fiscal nin a Asociación de Vítimas do Terrorismo, como pena independente e non accesoria, a inhabilitación especial para o exercicio do dereito de ser elixido para cargos derivados da vontade popular, durante o tempo de duración da condena, o que, en todo caso, quere dicir que a inhabilitación se subordina á duración da pena de prisión.

A inconsistencia e insuficiencia das probas non é unha opinión exclusivamente persoal, xa que está avalada por un voto particular da Sala Segunda do Tribunal Supremo que, de forma minuciosa, examina o contido do estudo académico-policial e chega á conclusión de que se trata de meros indicios ou especulacións, sen carga probatoria algunha, que necesariamente deben levar á anulación da condena e á absolución do condenado. A sentenza do Tribunal Supremo, finalmente adóptase por unha exigua maioría de tres votos contra dous.

Ademais do anteriormente apuntado, existe outro voto particular disidente, formulado pola inicial relatora, que propuña a anulación do procedemento e a devolución á Audiencia Nacional por falta de imparcialidade obxectiva da presidenta do Tribunal.

Precisamente neste momento iníciase o labirinto ao que me refería ao principio. Non se pode discutir, no ámbito dun proceso penal, que ninguén pode ser condenado a penas de natureza distinta ás solicitadas polas acusacións. O contrario vulneraría o principio acusatorio coa consecuente nulidade e inconstitucionalidade da pena.

Mais é que alén diso existe outra incongruencia rechamante que se deriva da sentenza ditada polo Tribunal Supremo ao resolver o recurso de casación interposto contra a sentenza da Audiencia Nacional. O Tribunal Supremo, segundo os tres votos maioritarios, admite, en parte, o recurso de casación formalizado polo condenado e considérao, non como dirixente senón como un simples partícipe na trama posta en marcha para dinamizar a nova estrutura da organización terrorista.

Creo que calquera lector me entenderá se afirmo que o grao de culpabilidade ou a intensidade da culpabilidade do dirixente non é o mesma que o dun mero partícipe, así o dita a lóxica e así o di o lexislador.

En consecuencia, rebaixar a pena de prisión de dez anos a seis anos e seis meses, leva o consecuente impacto favorábel en todas as consecuencias accesorias derivadas da pena e por suposto na pena de inhabilitación especial para ser elixido en calquera clase de comicios. Os efectos beneficiosos dunha rebaixa da pena débense aplicar de oficio, calquera que sexa a posición que adoptase o letrado que redactou o recurso de casación, de forma estritamente proporcionada a todas as consecuencias derivadas da duración da pena de prisión. A posición contraria lesionaría os principios de legalidade e de proporcionalidade, elementos inseparábeis do grao ou da intensidade da culpabilidade, como xa comentamos.

Ao non facelo así, estimamos que o Tribunal Supremo, no exercicio das súas facultades, non tivo en conta as previsións legais que establecen que os efectos favorábeis das súas sentenzas deben ser entendidos mesmo aos que non recorreron, con moita máis razón a aqueles que exercitaron favorabelmente, polo menos en parte, o seu dereito ao recurso.

O Tribunal Constitucional acaba de pechar as posibilidades de saír do labirinto. Cunha simples resolución de trámite rexeita de plano o Recurso de Amparo, sen entrar no fondo dunha cuestión que estimo merecía unha análise máis profunda. A única vía de escape marca o camiño de Estrasburgo, sede do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Cando chegue a súa decisión xa se terán celebrado as eleccións vascas.

Tratar de axustar unha sentenza aos principios de racionalidade e congruencia e de protección dos dereitos fundamentais non afecta para nada á seguridade xurídica, pola contra resalta o valor dos principios constitucionais e a coherencia do sistema democrático.

A razón e o dereito non poden seguir por camiños paralelos ignorándose mutuamente cando deben ir indisolubelmente unidos. Neste caso, ademais, a interpretación contraria levaríanos á vulneración doutro dereito constitucional, como o que se consagra na nosa Carta Magna ao proclamar o dereito de todos os cidadáns á participación nos asuntos públicos. Este dereito fundamental só pode ser limitado nos casos estritamente previstos pola lei.

Neste punto, o debate transcende máis aló do que algúns poderían considerar como pura técnica penal e procesual para afectar de cheo aos principios esenciais do noso sistema democrático.

A banda terrorista ETA causou un sufrimento, calculado e insensibelmente asumido, a todas as súas vítimas. Imbuídos dun pensamento mesiánico que lles outorgaba a "lexitimidade" e a "xustificación" para impor os seus obxectivos políticos coas bombas, os tiros na caluga, a extorsión ou os secuestros non dubidaron en utilizar esta vía como expresión do seu ideario político. Estes métodos son dobremente desprecibeis; por seren feitos criminais e por poren en perigo a convivencia e a estabilidade democrática. O errado golpe de estado do 23F esconde, entre os seus detonantes, a barbarie sistemática da banda terrorista.

A democracia ten os seus principios e valores aos que se debe de cinxir se quere saír fortalecida. O Estado de Dereito, como elemento substancial e non meramente formal, é a culminación da súa grandeza.

A moitos continúan provocándonos rexeitamento calquera intento de xustificación dun pasado sanguento. Por encima de todos estes sentimentos, cremos no profundo valor do debate político e da confrontación dialéctica, utilizando a palabra e a intelixencia, como única forma de presentarse ante a sociedade solicitando o seu apoio electoral.

Se caemos na tentación de cristalizar a legalidade ou ben nos deixamos arrastrar por emocións irracionais, teremos socavado os nosos valores fundamentais. O profundo respecto á liberdade e a xustiza son os firmes alicerces sobre os que asentar a orde xurídica e a paz social nunha sociedade democrática.

Orixinal aquí.