You are here11-S: terrorismo de Estado

11-S: terrorismo de Estado


19/09/2016

Por fin, e sob presión das familias dunhas 3 mil vítimas dos ataques do 11 de setembro de 2001 (11/S), Obama desclasificou en xullo pasado 29 páxinas censuradas polo que na altura era presidente Bush en 2002, do relatorio senatorial sobre os ataques ás Torres Xemelgas e o Pentágono. O documento, sob estrita vixilancia, foi depositado na bóveda dun soto do Congreso. O acceso foi permitido aos lexisladores, con prohibición de tomar notas e sob xuramento asinado de non divulgaren o seu contido sob pena xudicial. Por que tanta restrición? Sen razóns lexítimas de seguranza nacional, a censura foi para encubrir a complicidade de funcionarios e axentes de Arabia Saudita en parte crucial da armazón do 11-S, unha sorte de Pearl Harbor para justificar un ambicioso e secreto deseño, o Project for a New American Century, PNAC, que inclúe guerras de agresión (sob o timbre de antiterrorismo) e un regime change nos EUA, xa que Bush asentou que a Presidencia ten o poder de pór de lado estatutos aprobados polo Congreso cando entran en conflito coa súa interpretación da Constitución.

Quen acrecentar as 29 páxinas censuradas ao contido do relatorio bicameral descobrirá que Arabia Saudita é a nación estranxeira involucrada e máis mencionada nos ataques e que o segredo é porque desas páxinas conclúese que nin o Iraque, o Afganistán, a Libia, a Siria, o Iemen, o Paquistán ou Laos foron colaboradores ou encubridores dos ataques. Ademais, que desde setembro de 2000, un ano antes de tomaren o poder, Bush/Cheney decidiran atacar o Iraque e Hussein e non a Arabia Saudita: como parte do esquema do dominio global estaban os intereses de grandes monopolios dos EUA e a Inglaterra polo acceso a xacementos do Iraque de alta calidade e baixo custo de extracción que Saddam concesionara a firmas europeas e rusas. Como informou un analista do MI6, unha vez Bush/Cheney na Casa Branca a acción militar contra o Iraque foi inevitábel e os datos foron manipulados de acordo coas decisións políticas.

Detrás do PNAC estaban os multimilionarios contratos de reconstrución do Iraque que xestionaría a cúpula gobernamental dos EUA en torno ao cuantioso gasto dun Departamento de Defensa (DoD) con sistemas de auditoría fráxiles, por dicilo con xenerosidade. Sob os neocon a canalización de riqueza do público ao privado nos EUA é realizada por medio de novos sistemas de subrogación de canta función pública estiver a man: sexa a avaliación estratéxica, de loxística, manexo de cárceres clandestinos, control de multitudes, interrogatorio de prisioneiros (tortura), contrainsurxencia rural e urbana etcétera. Xa en 2004, con Bagdad e o Iraque esnaquizados, Bush creou unha oficina para coordinar a reconstrución de países arrasados polosEUA e a súa posterior estabilización con represión, masacres de contrainsurgencia e operativos tipo Ayotzinapa.

Esa oficina no Departamento de Estado que puxo a cargo de Carlos Pascual, ex embaixador en Ucraína (e en México), operaría con fondos do DoD. A súa misión sería acelerar o traspaso de riqueza pública ao privado axilizando a xestión de contratos. En conferencia nun instituto en DC, apuntada por Naomi Klein (Rebelión, 5/5/05), Pascual dixo que se trata de planos post-conflito para 25 países que non están, aínda, en conflito. Para Pascual, a reconstrución e estabilización sería tamén capaz de coordinar tres operacións totais de reconstrución en países diferentes ao mesmo tempo, con duración de cinco a sete anos (ibid). Prometeu que mesmo os contratos de reconstrución (de sistemas hidráulicos, electricidade, escolas, hospitais, mercados arrasados polo bombardeo e a guerra) estarían listos a asinar antes de lanzar a guerra preventiva.

En 15 anos desde o 11-S, son millóns de baixas civís, de desaparicións forzadas, de persoas deslocadas pola violencia, gran saque do Iraque e outros países e do erario dos EUA. Como a mediados de 2016 auditores do DoD detectaron un inexplicábel faltante estimado en 5.6 billóns (trillions) de dólares! os creadores e operadores do PNAC e sucesores ameritan atención das Cortes Federais e desde logo, da Corte Penal Internacional, se é que esa instancia atende os crimes de guerra do liderado de nacións indispensabeis.

As 29 páxinas, tanto como a Constitución vixente en EU, o hábeas corpus consagrado na Carta Magna, as Convencións de Xenebra e en xeral o dereito penal internacional, son documentos con datos e principios incómodos xa superados, segundo os neoconservadores do tempos de Bush e de Obama. No entusiasmo de empresas e altos funcionarios por estes contratos sob sostén dunha nova orde global encontrarase o motor do abandono dos EUA do dereito penal internacional e o seu endoso desde o 11-S a guerras de agresión, o maior crime en curso segundo as normas derivadas dos xuízos de Nuremberg.

Orixinal aquí.

Etiquetas