You are herePor que continúa a dispersión

Por que continúa a dispersión


30/09/2016

Existen dúas maneiras de entender cal é papel do estado. Unha como instrumento para facer efectivo o cumprimento dos dereitos e liberdades das persoas e garantir a súa seguranza, outra como dispositivo ao servizo de quen o controla para garantir a súa perpetuación no poder dun modo lexítimo, utilizándoo como ferramenta arrecadatoria con vistas a pór a política ao servizo do mercado de acumulación, secuestrándoo para reproducir a súa hexemonía.

Tememos que a aplicación de políticas de excepcionalidade penal e os recortes de dereitos, así como a persecución e castigo engadido a quen as pon en cuestión, responde máis á segunda acepción do concepto de estado, é dicir, ao uso do estado non como ferramenta para facer valer os dereitos, senón como maquinaria de guerra para impor intereses particulares e sobre todo para tratar de exterminar calquera físgoa de disidencias que cuestione este uso perverso do mesmo. É dicir ao uso bélico da política e do dereito.

Neste contexto podemos entender por que as políticas especiais de dispersión de determinadas categorías de persoas presas seguen aplicándose, demostrándose que desde a normativa internacional, desde a propia lexislación constitucional, orgánica e regulamentar que regula as condicións de cumprimento das penas privativas de liberdade é ilegal, supón un sufrimento engadido non contemplado no fallo condenatorio e, o que é peor, estende a penalización á contorna familiar do penado. Responde a lóxicas de desgaste, de asañamento, de vinganza... en definitiva a un concepto de "xustiza vengativa" militarista, tan cruel como insaciábel en termos de violencia.

Mais sobre todo é un dos expoñentes máis claros da instigación á violencia co único fin de non desactivar e mesmo de reactivar os conflitos políticos, en lugar de optar polo camiño da transformación dos mesmos na senda da reconciliación e a xustiza restaurativa. Esta aposta pola vía criminalizadora inscríbese no permanente e exponencial proceso de construción dun modelo de sociedade totalitaria e antidemocrática, fundamentada na continua desvalorización dos dereitos mediante a edificación dun estado punitivo que co recurso ao castigo busca disciplinar, acovardar e anestesiar a poboación, instalando unha lóxica do terror que xustifica a suposta necesidade de que o estado viole as súas propias leis e os dereitos fundamentais en aras de intereses superiores que finalmente non son senón os intereses particulares dos proxenetas do estado.

Por iso máis que nunca habemos de visibilizar as políticas de dispersión, o sufrimento que carrexa para as familias, o descontento da sociedade vasca con estas prácticas e, tal e como se propón para a convocatoria da Udazkenfest en Gasteiz do próximo 1 de outubro, facelo nun clima reivindicativo, participativo e festivo por ser a mellor resposta que podemos dar desde o compromiso nunha acción política compartida coas vítimas das políticas de dispersión: recuperar a soberanía secuestrada, pór por riba de todo o respecto aos dereitos e un modelo de sociedade xusta e igualitaria.

Texto completo aqui.