You are hereMemoria, Verdade e Xustiza ante o terrorismo de Estado

Memoria, Verdade e Xustiza ante o terrorismo de Estado


Julio Lisandro Cañón Voirin
30/09/2016

Toda escrita da historia remite indubidablemente ao suxeito que a produce, este debe construírse en función da posición ocupada por cada historiador na institución histórica do seu tempo. A produción do coñecemento acerca da historia recente ten efectos sobre o conxunto da sociedade. En primeiro lugar porque a análise mesmo dos feitos debería permitir comprender os procesos que resultaron no noso presente e as tendencias que se desenvolven nel. En segundo lugar, e como consecuencia do anterior, porque segundo cales sexan os coñecementos que se difundan á sociedade será a conciencia que do seu propio pasado e do seu presente esta poderá tomar.

Abordar unha cuestión tan transcendente e sensible como a conculcación dos dereitos fundamentais e a violación dos DD.HH.  pola profundidade de crítica á orde establecida  debe acompañarse dun ton mesurado e centrado nos argumentos. O primeiro sería identificar e conceptualizar a represión ilegal perpetrada polo terrorismo de Estado.

Quizá o máis esclarecedor sería referirse ao devandito fenómeno como o emprego sistemático de políticas e prácticas, autoritarias e represivas por parte dun Estado en conformidade con determinados obxectivos de reestruturación da sociedade. A execución de esta políticas pode ser levada a cabo de forma directa a través de persoal estatal ou de forma indirecta por intermedio de axentes alleos ao corpo estatal, mais cuxo accionar responde a ditames do Estado.

 Independentemente de quen sexa o executor a finalidade que motiva a súa implementación reside no desexo de impor os modelos de conduta considerados desexables desde as esferas de poder, e na vontade de eliminar do cadro de relacións sociais as condutas consideradas indesexables e os programas que apunten a modificar a orde establecida. Así se pon en marcha un proxecto disciplinante que se serve de prácticas clandestinas, e cuxa execución pode mesmo tratar de manterse oculta. Por outra banda as coordenadas nas que se inscribe o terrorismo de Estado impulsan a lóxica da política como loita a matar, a política como unha loita de exterminio.

No continente americano a partir do golpe de estado contra Jacobo Arbenz (Guatemala-1954) as torturas, as desaparicións, os exilios, os xenocidios (onde os houbo) foron o froito dun plano organizado e implementado polo Estado contra os seus propios connacionais. Ingresándose nunha primeira sucesión de situacións desconcertantes para o conxunto social pois o Estado, que por principio debe velar pola seguridade das persoas, convértese nun Estado que non vela pola seguridade da poboación na súa totalidade e fai un uso ilexítimo da violencia.

Após o fin das ditaduras militares, os procesos de demanda social por Memoria, Verdade e Xustiza, gañaron en visibilidade. As complexas relacións entre sociedade civil, sociedade política e o propio Estado fixeron evidentes os distintos discursos sociais en pugna, as diverxencias entre o ordenamento xurídico e o accionar xudicial. E do mesmo xeito que cada proceso de violencia antidemocrática e negación dos DD.HH. protexidos ten unha especificidade que nace de circunstancias propias do país onde se produciron, os procesos de Memoria, Verdade e Xustiza tamén difiren dun país a outro. Con todo, estes últimos a pesar da súa diversidade sustentáronse nas premisas de que o exercicio do dereito á verdade e sancionar aos responsables das violacións aos DD.HH. significaba recuperar os fundamentos éticos do Estado e erradicar os efectos perversos da impunidade.

Xeralmente foron os propios responsables do terrorismo de Estado quen tratou de administrar a memoria, coa pretensión de cimentar o esquecemento e a impunidade. Pretendían deste xeito ignorar que o dereito á xustiza é un Dereito Humano do cal depende a seguridade xurídica das persoas, a orde social e a paz. Foi a loita inclaudicable dos movementos de DD.HH. os que conduciron á creación das Comisións Investigadoras da Verdade.

Os distintos procesos de retirada dos militares da condución do Estado comparten o intento destes por administrar a memoria post ditadura, e a súa contraparte nos debates sobre que facer con eles en tanto responsables de violacións aos dereitos humanos. Arxentina, Chile, Guatemala, Nicaragua representan unha modalidade de afrontar o pasado, mentres que Bolivia, Brasil, Paraguai e Uruguai o son doutra. Con todo en todos os países antes mencionados, tan só a modo de exemplo, o imperativo ético por analizar o ocorrido impúxose como clamor social. Mentres que a mirada sobre o caso do Estado Español chama a atención pola ausencia do mesmo e o silencio que acompañou a teoría da transción á democracia.