You are hereSentenzas en formato de lectura fácil

Sentenzas en formato de lectura fácil


Ana María Castro Martínez
11/11/2016

A lectura fácil é unha técnica que trata de facer sinxelo un texto para que poida ser entendido e comprendido por persoas con discapacidade intelectual ou persoas que teñen dificultades na comprensión ou as que están a aprender a nosa lingua ou as que teñen un nivel cultural moi baixo. O obxectivo de transformar os textos é para que todas as persoas que accedan a esa información poidan comprender o que o texto quere dicir. Para levar a cabo tal transformación do texto séguense certas pautas que expoño a seguir: Utilizar frases curtas e linguaxe sinxela/Evitar frases en negativa/Evitar uso de demasiados números ou denominacións matemáticas/Non utilizar metáforas ou comparacións que poidan ser confusas/Acuñar unha única mensaxe por cada frase/Ser claro, conciso e directo/Introducir imaxes ou pictogramas se é necesario/.

Nalgunhas asociacións de persoas con discapacidade utilízase esta técnica para facilitar o labor de lectura aos seus membros tanto en textos en formato papel como na súa web ou mesmo en formularios de inscricións. Así mesmo, organizacións que confeccionan noticias, libros, documentos...fano en formato de lectura fácil coa finalidade de que as persoas que teñen problemas de comprensión accedan a toda esa información que divulgan de forma sinxela e comprensíbel. Existen varios niveis de lectura fácil, desde o máis sinxelo onde se inseren debuxos ou pictogramas a outros de maior nivel que transforman as frases en linguaxe sinxela para facilitar a súa comprensión. O realmente importante é que se transmita a información sen confundir quen o le, redactado en linguaxe sinxela e clara, que este non sexa infantil...

 Este balbordo comezou coa modernización da linguaxe xurídica en España onde se tentou inserir este tipo de linguaxe, mais certamente non callou nos medios alén do anecdótico mesmo cando a lexislación ordena, por exemplo, no artigo 17.3 da Constitución: "3. Toda persoa detida debe ser informada de forma inmediata, e de modo que lle sexa comprensíbel, dos seus dereitos e das razóns da súa detención, non podendo ser obrigada a declarar... ". Se unha persoa non comprende a súa imputación os seus dereitos fundamentais son vulnerados. Tal vez se o texto onde debe ler a súa acusación, información de dereitos ou calquera outra comunicación xudicial for comprensíbel os seus dereitos e as garantías do proceso penal serían respectados. E non digamos a redacción da Sentenza neste formato. Unha das vías podería ser o formato lectura fácil e a súa implantación nos xulgados, comisarías, centros penais... Tentouse desde hai anos mais non se conseguiu. Algo falla no sistema se non se facilita ás persoas con discapacidade intelectual instrumentos sinxelos como a lectura fácil para poderen exercer os seus dereitos fundamentais.

Para mostra un botón. Seguidamente refiro algúns exemplos de redacción en lectura fácil (extraídos da Sentenza nº 503 de 2014 Xulgado de Primeira Instancia Nº 14 de Bilbao):


-Unha demanda é un escrito dirixido ao xuíz en que se lle explica que necesitas apoio para poder defender os teus dereitos e cumprir as túas obrigacións.

-Que é a patria potestade prorrogada ou rehabilitada? Isto faise cando aínda convives cos teus pais e necesitas apoio para tomares certas decisións na túa vida. Entón o xuíz decide que sexan os teus pais quen te apoie como cando eras menor de idade.

-Ditar a sentenza é cando o xuíz pon por escrito o que decidiu.

Lembrar o artigo 2 da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade que reza: "A «comunicación» incluirá as linguaxes, a visualización de textos, o BraiIle, a comunicación táctil, os macrotipos, os dispositivos multimedia de fácil acceso, así como a linguaxe escrita, os sistemas auditivos, a linguaxe sinxela, os medios de voz dixitalizada e outros modos, medios e formatos aumentativos ou alternativos de comunicación, incluída a tecnoloxía da información e as comunicacións de fácil acceso ".

 Aínda que só for por imperativo legal debe cumprirse porque o que acontece é que non se están utilizando os métodos diversos que un Tratado Internacional ratificado por España e de obrigado cumprimento segundo a nosa Constitución, pois estamos a negar o acceso ao coñecemento ás persoas con discapacidade xerando discriminación (e non igualdade) e exclusión (e non inclusión) deste colectivo. Este formato de lectura fácil é un Dereito que debe ser cumprido e que se non se cumpre algunha responsabilidade legal terá o Estado Parte que ratificou este Tratado. Ademais, os países asinantes están obrigados a promover, protexer e asegurar a comunicación (aquí entraría a lectura fácil). E se nos deixamos de tanto legalismo e baixamos ao práctico entenderemos que a súa implantación só pode ter efectos positivos para toda a sociedade e non só para a persoa con discapacidade intelectual, mental, sensorial ou física que necesita dese instrumento para comprender o alcance do documento que debe ler. En definitiva, para poderen estar en igualdade de condicións que o resto de persoas, que, sen transformar o formato, poden comprender un documento de gran transcendencia para as súas vidas cunha simplse lectura.

Canto a ditar Sentenzas e convertelas a lectura fácil iso é outro cantar, un cantar anecdótico, porque son contadas as resolucións neste formato en España. Eloxiar desde aquí os xuíces e maxistrados que se atreveron co novo ditando Sentenzas neste formato para que a persoa á que vai destinada poida comprendela. Tamén ás fundacións tutelares e asociacións que optaron por ofrecer información neste formato, deseñaron formularios, e inseren na súa web esta modalidade... E un urxente chamamento á Administración para que instale nas súas dependencias tanto xudiciais como de Forzas e Corpos de seguridade do Estado incluíndo os Centros Penais, Colexios de Avogados e Procuradores, este tipo de ferramenta sinxela e mesmo accesíbel economicamente co fin de dar cumprimento á lexislación en materia de discapacidade. Trátase simplesmente do acceso á Xustiza das persoas con discapacidade.

Orixinal aquí.

 

Etiquetas