You are hereOPERACIÓN "AUSIKI" ou PROGRAMA "ORIXE"?

OPERACIÓN "AUSIKI" ou PROGRAMA "ORIXE"?


A. Agirrezabal
15/11/2016

Un domingo tranquilo deume para ver (por segunda vez) Orixe. E o final dese domingo tranquilo chegou coa segunda-feira e unha chamada a iso das 08:30. Lóxico. Lóxica perversa das segundas-feiras en Euskal Herria, que lembra unha época que se desexa superada.

O programa Orixe, a incepción, consiste en implantar unha idea no subconsciente de alguén co fin de que tome as decisións que ti necesitas. Algo sofisticado e encadrado no xénero de ciencia-ficción. Por iso, parece moito máis efectivo e viábel pór en marcha a operación "Ausiki". Tamén coñecida cos nomes de "Xaque", "Mate" ou "Pastor", entre outros. Máis real mais con boa dose de ciencia-ficción (basta con ler o informe da Garda Civil).

Non fai falta introducirse no subconsciente de alguén para o convencer de que a loita armada continúa a estar vixente en Euskal Herria, que os pasos dados cara á paz son unha mera cortina de fume. É suficiente con pór en marcha unha razzia en Altsasu que acapare os medios de comunicación e presentar a Garda Civil cunha historia branqueada e vítima dos abusos da cidadanía. Por abusos, léase «desexo de que marchen», un desexo que, por certo, comparte grande parte da poboación de Euskal Herria, unha das zonas con maior cociente de policía por habitante do planeta.

Di Caprio, no seu intento por chegar á incepción, debe superar as defensas creadas no adestrado subconsciente daqueles aos que se quere implantar a idea. En "Ausiki", por contra, é suficiente con cualificar de «brutal malleira» unha disputa nun bar ás 04:00 da madrugada e sinalar a Ospa Mugimendua como responsábel. Isto supera as escasas defensas do subconsciente dunha sociedade afeita a engulir noticias por minuto en Twitter. Unha sociedade cuxos representantes tampouco tardaron en dar por válida a versión oficial que levou a unha orde de nove detencións pola Audiencia Nacional española.

E así, "Ausiki" converteute en «terrorista». "Ausiki" introduciu esta idea en millóns de cidadáns e non hai volta atrás. A sentenza está ditada. Só queda loitar porque a cumpran en casa.