You are here Jimmy, Alsasúa e a lei do funil

Jimmy, Alsasúa e a lei do funil


Xoan Antón Pérez-Lema
05/12/2016

Dende pouco antes da chegada do aznarato, aló polos noventa, foi abrollando unha liña de opinión publicada que cualificaba os actos de violencia en razón da súa intencionalidade política. Mais aínda, que defende, polo menos implicítamente, distintas respostas sociais e xurídicas a esta caste de violencia, segundo de onde veña. As organizacións Frente Atlético e UltraSur defenden ideas de extrema dereita, moi agresivas cos galegos, vascos e cataláns que non asumen o dogma da unidade de España. Un extremista atlético matou ao realista Aitor Zabaleta no 1998 e outros da mesma corda a Jimmy no 2014.

Cúmprense dous anos do asasinato de Jimmy no Manzanares coas pescudas xudiciais atoadas. O xuíz instrutor e o Ministerio Fiscal cualifican só a desputa tumultuaria e arestora non existen acusados  do asasinato. As persoas acusadas de primeiras, que chegaron entrar preventivamente no cárcere, están en liberdade e só a acusación particular mantén a cualificación de asasinato, malia a calidade e intensidade da probas existentes. A prensa madrileña segue a manter equidistancia, cando non certa parcialidade, como se os da casa fosen uns rapaces trabucados e os Riazor Blues  uns perigosos terroristas. Por outra banda, dos sesenta expedientados pola Delegación do Goberno  pola desputa son case todos seareiros do Dépor.

Contrasta esta actitude coa diferenza da intensidade na actuación no caso da  agresión aos gardas civís de Alsasua e ás súas parellas. Sen dúbida un feito delitivo brutal, que ha ser severamente sancionado. Mais nunca un acto de terrorismo. A imputación dos feitos como acto de terrorismo permitiu que fose competente un dos Xulgados de Instrución da Audiencia Nacional, que acordou prisión preventiva para seis dos oito investigados. A Audiencia Nacional é unha xurisdición especial que vulnera o dereito constitucional de todas as persoas a seren  xulgados polos seus xuíces naturais. No caso destas persoas os xuíces de Navarra. O  Goberno navarro e o  PNV cualificaron esta actuación de gravemente desproporcionada.

Sectores importantes das elites políticas, funcionariais e mediáticas incorporaron xa ao seu sistema de valores que toda persoa ou organización que non asuma o dogma da España única é distinta e mesmo sospeitosa, invertindo con eles a carga da proba, en clara aplicación da lei do funil.

Orixinal aqui.
 

Etiquetas