You are hereReclaman liberdade para cidadán belga-marroqui

Reclaman liberdade para cidadán belga-marroqui


Extraditado ilegalmente polo Reino de España
09/12/2016

O 14 de decembro de 2010 o goberno español extraditou sen probas o cidadán belga-marroquí A.A. a Marrocos, onde corria perigo certo de ser sometido a torturas, incumprindo, coa propia Bélxica, o dereito internacional e facendo ouvidos moucos ás recomendacións de organismos internacionais de dereitos humanos. Agora unha plataforma reclama a liberdade de A.A.

En 2008, o cidadán belga-marroquí A.A. foi detido en Melilla a petición de Marrocos como parte do desmantelamento dunha organización terrorista no reino alauita, a chamada rede Belliraj. Marrocos esixiu a extradición inmediata mais o xuíz, Baltasar Garzón, decidiu manter A.A. no estado español en detención de alta seguridade e facer a súa propia investigación do caso.

 O 16 de marzo de 2009, despois dun ano de revisión minuciosa do expediente, Garzón desestimou o caso de A.A.: non hai nada en contra él, nin sequera había lugar a xulgamento.

Aquí comeza a interferencia política e policial neste expediente. En flagrante conflito coa decisión xudicial, o 19 de novembro de 2010, o goberno español decidiu aceptar a solicitude marroquí de extraditar o belga A.a. a Marrocos. A súa familia e os avogados no Reino de España e Bélxica, as organizacións de dereitos humanos, Amnistía Internacional, activistas e simpatizantes en Melilla, Londres e Bruxelas redobraron inmediatamente os seus esforzos para impediren a extradición. Durante tres semanas, argumentaron que a súa extradición significaba ser xulgado dúas veces polos mesmos feitos. Volveron informar á Xustiza, medios de comunicación, partidos políticos e gobernos de todas as probas sobre a tortura sistemática e do trato inhumano e degradante ao que Marrocos somete as persoas acusadas  de terrorismo. En particular, no xuízo Belliraj, para o cal se solicitou a extradición de A.A..

Nin o Reino de España nin Bélxica quixeron ter en conta estes argumentos e a súa abafadora evidencia, converténdose así non en culpábeis non só de non asistencia a persoa en perigo, senón mesmo de colaboración  e complicidade na tortura.

A extradición en si mesma, perpetrada o 14 de decembro, aseméllase máis a un secuestro, unha « entrega ilegal » (extradición extraxudicial) como as que se impuntan á CIA, que a un proceso legal e xudicial que respecte os dereitos humanos.

Ninguén foi informado. Unha semana despois da súa desaparición, ninguén sabía aínda onde estaba A.A.. Finalmente, os seus avogados decatáronse de que funcionarios da Interpol habían ir a buscalo á prisión de Valdemoro en Madrid, onde fora trasladado a semana anterior desde a prisión de Alxeciras. Desde alí foi transferido a Casabranca o mesmo día.

Para protestaren contra a súa posíbel extradición, A.A. mantivo unha folga de fame durante vinte días. Ali escribiu á súa familia: « Hoxe venres, 26 de novembro de 2010, despois de que a miña muller me contase todo o que facedes por axudarme, decidín inmediatamente emprender unha folga de fame, é a terceira. Tomei esta decisión para non vos deixar actuar sós. É o único que podo facer para unirme a vós nesta loita. Pasar fame! « . O que non impediu que o estado español extraditase un home completamente debilitado.

A solicitude dos avogados de A.a., o Alto Comisionado para os Dereitos Humanos das Nacións Unidas en Xenebra, toma unha medida cautelar o 26 de novembro de 2010, demandando ao estado español a non extradición antes de o Alto Comisionado emitir a súa opinión en base aos argumentos de ambas as partes. O estado español aparentou inicialmente coincidir con esta demanda, respectando así as súas obrigacións internacionais do mesmo xeito que fan a maioría de países.

O estado español xa fora chamado á orde polo Comité Contra a Tortura da ONU no seu relatorio de novembro de 2009 sobre extradicións ilegais. Neste documento, o Comité require ao Reino de España información sobre "a situación das seguintes persoas: B.G., cidadán sirio devolto pola forza a Siria o 22 de xullo de 2008 e M.S., cidadán alxerino trasladado pola forza desde o centro de detención para inmigrantes en Madrid o 21 de novembro de 2008 e cuxo paradoiro é descoñecido». O Comité contra a Tortura lembra ao estado español  que « todo acordo bilateral de extradición subscrito polo Reino de España inclúe a obrigación expresa de prohibir a extradición de individuos en risco de ser sometidos a torturas ou a un trato cruel, inhumano ou degradante ». Había pois a esperanza de que esta vez, as cousas ocorrerían doutra maneira e que o procedemento normal seguiría o seu curso.

En resposta á medida cautelar do Alto Comisionado,  o representante do Reino de España en Xenebra enviou unha carta o 7 de decembro de 2010, argumentando a favor da extradición de A.A. O 10 de decembro, o director do Alto Comisionado remitiu esta carta aos avogados españois, solicitándolles unha resposta nun prazo de dous meses. Con todo, catro días despois de enviada carta, o estado español decidiu burlar as regras e os procedementos internacionais básicos e meteu a A.A. nun avión cara a Marrocos!

Durante os 2 anos e medio de detención no reino de España, o cónsul de Bélxica no estado español sempre se negou a visitar a A.a., que solicitaba beneficiarse dunha asistencia consular belga. Práctica que foi confirmada e xustificada o 29 de novembro de 2010 polo Ministro Vanackere no Parlamento belga en resposta a unha pregunta do deputado Zoé Genot: « "Respecto da súa pregunta sobre unha visita do cónsul, a asistencia a prisioneiros belgas no estranxeiro non prevé a organización de visitas consulares en países da Unión Europea". Era pura e simplemente mentira. A proba? Para sorpresa de todos, o cónsul belga decidira visitar a A,A. e solicitar unha visita consular ao cárcere para o 16 de decembro de 2010. É dicir dous días despois da súa extradición! En resposta á súa solicitude, as autoridades da prisión responderon ao cónsul que a visita non podería se levada a cabo, pois A.A. xa fora extraditado. Estaba Bélxica ao corrente e quixo gardar as aparencias, finxindo realizar esforzos diplomáticos polos seus cidadáns? En calquera caso, o cónsul belga non se molestou en contactar cos avogados de A.A. ou coa súa familia. Os familiares souberon da extradición pola prensa!

Bélxica informou en repetidas ocasións que « non evocaría este asunto nin con o Reino España nin con Marrocos". Na súa resposta a Zoé Genot o 29 de novembro, o ministro defendeuse por non contactar co estado español para oporse a unha posíbel extradición dun belga: « Non discutín o expediente de extradición co meu colega español, xa que non é habitual que Bélxica interveña en procedementos de extradición entre terceiros países, mesmo cando se trata dun cidadán nacional. Por outra banda, teño plena confianza nas garantías que o ordenamento xurídico español asegura a nivel de procedementos de extradición e respecto dos dereitos humanos. Ofrece, en efecto, a posibilidade de recurso e iso, até o nivel do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en caso de incumprimento da Convención Europea de Dereitos Humanos. Tendo en conta o anterior, non realizarei xestións que poidan ser interpretadas polo meu colega español como unha inxerencia en asuntos internos e sobre todo como unha falta de confianza no sistema xudicial español".

Detrás destas belas palabras escondíase unha moi intensa colaboración entre os diferentes países e os seus servizos policiais para desfacerse das persoas que non queren no seu territorio. Despois das redadas policiais nos domicilios de 12 persoas en Bélxica, a Xustiza belga rexeitou as solicitudes de Marrocos para a extradición destas persoas no xuízo Belliraj, alegando que estaban motivadas politicamente e que había perigo de tortura.

Foi unha amarga humillación para Marrocos e unha situación embarazosa para Bélxica que quería intensificar a súa cooperación con Marrocos. Eludindo a decisión dun tribunal belga, Bélxica atopou dúas persoas para satisfacer a demanda de Marrocos. Dúas persoas que se atopan fóra da xurisdición da xustiza belga. En primeiro lugar, Bélxica extradita un alxerino indocumentado, sen familia, sen defensa. Trátase dun alxerino detido en Bélxica a petición de Marrocos. O 29 de novembro de 2010, o ministro Vanackere, naquel momento ministro de Asuntos Exteriores, respondendo á pregunta parlamentaria de Zoé Genot, se jacta de que Bélxica, a través do Ministro de Xustiza De Clerck, extraditou un « cidadán alxerino a Marrocos a principios do xuízo Belliraj en 2010?. Trátase de B.R.B., que será brutalmente torturado á  súa chegada a Marrocos e posteriormente condenado a dez anos de cárcere. A segunda persoa era A.a.. A súa extradición foi posíbel por ser detido no Reino de España. E Bélxica, ao negarse a intervir, deu luz verde á extradición. Basta lembrar a actitude de Bélxica no caso doutro binacional belga, B.K., arrestado e detido nos Países Baixos, onde podía ser extraditado a Turquía [1], para entender que se trata exactamente da mesma manobra.

Após a petición da familia de que fosen consultadas as autoridades marroquís sobre a situación de A.A. despois da súa extradición, Bélxica sacou un novo argumento: « Como as autoridades marroquís consideran o seu irmán como un cidadán marroquí, os nosos servizos non os contactarán polo caso do seu irmán » (Mensaxe de correo electrónico de 20 de decembro de 2010 do Ministerio de Asuntos Exteriores a F. A.).

Desta maneira pechouse o círculo. Para aquelas persoas que se preguntan se están concernidas no caso de A.A., a mensaxe era clara: aínda que naceses aquí, aínda que gañes a vida en Bélxica, mesmo se non tes  ningunha relación co outro país do que posúes a nacionalidade, Bélxica abandonarache, non só cando teñas un problema nese país (Marrocos), senón tamén nun terceiro país (Reino de España).

Dada a existencia de informes de organizacións de defensa dos dereitos humanos, lidos -iso esperamos!- polos servizos competentes e os diplomáticos belgas en destino, Bélxica era plenamente consciente do que acontece en Marrocos. O documento da Embaixada de Estados Unidos en Rabat, de 14 de agosto de 2010, revelado por WikiLeaks, que cita dous diplomáticos belgas, tamén o confirmou [1]. Mais Bélxica prefire esconderse detrás das fórmulas diplomáticas para justificar a súa non intervención.

Epílogo: Catro anos despois da extradición, España é culpable de extradición ilegal e Bélxica de abandonar os seus cidadáns

En agosto de 2014, o Comité de Dereitos Humanos da ONU condenou o Reino de España por extraditar a A.A. a Marrocos cando existía grave risco de tortura, como o mesmo Comité informara de extrema urxencia catro anos antes. O Comité esixe que o estado español proporcione unha compensación adecuada polo sufrimento padecido por A.A., e que asegure un seguimento eficaz do trato recibido.

 O 3 de febreiro de 2014, unha decisión do tribunal de primeira instancia de Bruxelas condena o Estado belga e o seu ministro de Asuntos Exteriores, Didier Reynders, a ofrecer asistencia consular a A.A.. Reynders opúxose á decisión e presentou un recurso. Oito meses máis tarde, o 11 de setembro de 2014, o Tribunal de Apelación nº 3 de Bruxelas desestimou o seu recurso. Confirma a primeira sentenza, esta vez sob pena dunha multa de cen euros por día de atraso no mes seguinte ao pronunciamiento da sentenza. Mais nada detén Reynders na súa negativa a prestar asistencia consular aos binacionais. Presentou recurso de casación contra as devanditas sentenzas!

Luk Vervaet, 7 de decembro de 2016

Ver máis.