You are hereTodo o que debemos a Chelsea Manning

Todo o que debemos a Chelsea Manning


Íñigo Saenz de Ugarte
18/01/2017

Chelsea Manning salvou a vida. O soldado norteamericano que entregou a WikiLeaks centenares de millares de documentos sobre a guerra norteamericana no Iraque e no Afganistán viu conmutada a súa pena por Barack Obama para sair de prisión o 17 de maio cando cumpra sete anos entre reixas. Polas súas circunstancias persoais -tentou suicidarse en dúas ocasións- e as condicións do seu encarceramento, non é esaxerado dicir que non sobreviviría moito tempo á súa condena a 35 anos.

Que debemos a Manning? Entregou a WikiLeaks vídeos de operacións militares no Iraque e Afganistán que demostraban a comisión de crimes de guerra. O máis coñecido é o que WikiLeaks difundiu co título Collateral Murder. Convén deterse nel porque é un bo exemplo do que nos contan que acontece nas guerras e o que realmente pasa.

Nas imaxes vese un helicóptero Apache disparar contra un grupo de persoas ao leste de Bagdad. Entre os mortos, estaban dous empregados da axencia Reuters, un fotógrafo e o seu condutor. A versión oficial indicaba que o helicóptero disparou contra un grupo de insurxentes que abriran fogo e mantívose despois de Reuters reclamar unha investigación.

As imaxes revelaron unha escena moi diferente. Mostran que o Apache pide permiso para atacar un grupo de persoas porque dúas delas parecen levar armas. En concreto, din que teñen AK-47, aínda que se trata do persoal de Reuters que leva encima o seu material de traballo. Ninguén dispara sobre o helicóptero, porque ninguén leva armas e ninguén parece consciente de que están a ser observados.

O helicóptero recibe permiso para disparar, a pesar de que as normas de combate impiden en principio abrir fogo contra ninguén que non ataque ás forzas norteamericanas. "Non temos xente ao leste da nosa posición, así que poden disparar", escoita a tripulación do aparello. Non hai soldados norteamericanos preto, co que reciben permiso para abrir fogo.

Varias descargas acaban rapidamente cos congregados na rúa, entre eles os reporteiros. Un deles arrástrase ferido no chan. O Apache pide permiso para eliminalo, mais esperan que colla unha arma para disparar. "Olla eses cabróns", escóitase na transmisión. Os que ven as imaxes felicitan a tripulación.

Instantes despois, aparece unha furgoneta para recoller os feridos. Tampouco se ve ningunha arma e o Apache non di que detectase ningunha. Con todo, volven pedir permiso para disparar ("Vamos, deixádenos disparar"). Obtéñeno e esnaquizan o vehículo e as persoas que saíron del para recoller os cadáveres. Comunican que ficaron entre dez e quince persoas deitadas no chan.

Posteriormente, aparecen soldados norteamericanos na zona e descobren que hai dous nenos entre os feridos. Na transmisión, óuvese: "Bo, é culpa deles se levan os nenos aos combates". "Exacto", responde outro.

Foi un caso entre moitos da información conseguida grazas a Manning sobre o que acontecía nesas guerras. Revelaban tamén que o número de civís iraquís mortos era moito maior que o que recoñecían os gobernos norteamericano e iraquí e desmentían a información procedente do Pentágono e do Exército, segundo a cal non levaban un rexistro do número de baixas. As listaxes coñecidas grazas a Manning ofrecían unha cifra superior a 100.000 iraquís mortos entre 2004 e 2009, orixinados en todos os incidentes violentos en que interviñeron os protagonistas desa guerra.

Os documentos filtrados tamén revelaron as torturas e malos tratos sistemáticos nas prisións do país, por militares iraquís que colaboraban coas forzas norteamericanas, que sabían perfectamente o que acontecía.

Esa filtración trazou unha imaxe da guerra que ningunha propaganda puido borrar despois. Demostraron o horror que o Iraque sufrira desde a invasión de 2003 e constituíron a principal proba documental do desastre ocasionado.

Manning tamén entregou 250.000 copias de telegramas diplomáticos enviados polas embaixadas dos EUA en todo o mundo. Ese arquivo é xa indispensábel para coñecer a historia deses anos. Os medios de comunicación de moitos países utilizáronos en infinidade de ocasións, e continuan facendoo, para contaren aos seus lectores como é o mundo en que viven.

A lista é interminábel. A corrupción de Estado afgán instaurado após a invasión de 2001. A corrupción de varios estados de Oriente Medio e o norte de África que despois foron derrocados pola rebelión da Primavera Árabe. As torturas cometidas por eses réximes. A espionaxe norteamericana nas Nacións Unidas. O recoñecemento por diplomáticos norteamericanos de que o derrocamento do presidente Zelaya en Honduras -o golpe de estado- era ilegal e anticonstitucional. As presións dos EUA aos países europeos, negadas por eses gobernos, para que aceptasen os transxénicos e loitasen contra a pirataría dixital.

Tamén información descoñecida nun asunto relacionado con España. Os informes da embaixada dos EUA en Madrid describían como o Goberno de Zapatero se comprometeu a facer todo o posíbel para pór fin á investigación xudicial en España do ataque ao Hotel Palestina en que morreu José Couso. Grazas a eles, descubrimos que o entón ministro de Xustiza, Juan Fernando López Aguilar, garantiu ao embaixador dos EUA, Eduardo Aguirre, que "o Executivo poría todo o seu empeño en cuestionar a decisión do xuíz baseándose en argumentos técnicos". En público, os ministros españois afirmaban que respectaban a decisión xudicial.

Mentiras, medias verdades e propaganda foron anuladas pola información conseguida grazas a Chelsea Manning. Por iso, violou as leis do seu país e pagou un prezo durísimo.

Após ser encarcerada, foi confinada en solitario nunha cela (o día despois da súa condena, en agosto de 2013, anunciou nun comunicado que era unha muller e que o seu novo nome era Chelsea Manning; en agosto de 2014 un tribunal aceptou a mudanza de nome). "Ao principio, pensei que o internamento en solitario era unha forma de protexer a súa seguridade", dixo en 2010 un amigo que a visitaba dúas veces ao mes. "Co tempo, vin que esas condicións-?non ter unha almofada ou sabas, non poder facer exercicio, non poder ver a televisión- son impostas para a castigar, non para a protexer".

O seu avogado describiu ese ano en pormenor en que condicións vivía. Pasaba 23 horas só na súa cela. "Os gardas teñen que comprobar cada cinco minutos que Manning está ben. Manning está obrigado a responder que está ben. Polas noites, se os gardas non poden ver ben Manning, porque ten unha manta sobre a cabeza ou está inclinada sobre a parede, acórdana para asegurarse de que está ben". "Impídenlle facer exercicio na súa cela. Se tenta facer flexións ou calquera outra forma de exercicio, obrígana a parar. Ten dereito a unha hora de 'exercicio' cada día fóra da súa cela. Lévana a unha habitación baleira e só lle permiten camiñar". "Cando Manning vai durmir, obrígana a tirar toda a roupa, excepto os calzóns, e a entregala aos gardas. Devólvenlle a roupa no día seguinte pola mañá".

Esas condicións de encarceramento eran case unha forma de tortura destinada a crebala psicoloxicamente e conseguir que achegase máis información que puidese incriminar os responsabeis de WikiLeaks. Os anos decorridos erosionábana ao punto de tentar matarse en dúas ocasións. Nunca ía sobrevivir ao seu cativerio.

Cando foi condenada, difundiu un comunicado que terminaba así:

"Como dixo unha vez o xa falecido Howard Zinn, 'non existe bandeira o bastante grande como para tapar o asasinato de xente inocente'.

Sei que os meus actos violaron a lei e lamento se os meus actos danaron alguén ou os Estados Unidos. Nunca foi a miña intención facer dano a ninguén. Só quería axudar a xente. Cando decidín revelar información secreta, fíxeno por amor ao meu país e por un sentido do deber cara outras persoas.

Se vostedes rexeitan a miña petición de perdón, cumprirei a miña pena sabendo que ás veces hai que pagar un alto prezo para poder vivir nunha sociedade libre. Pagareino moi gustoso se serve para que teñamos un país inspirado na liberdade e coa idea de que todos os homes e mulleres nacen iguais".

 

O prezo que tivo que pagar Chelsea Manning polos seus actos é inmenso, como o é a débeda que todos temos con ela.

Orixinal aquí.