You are here Enaltecemento do mal gusto

Enaltecemento do mal gusto


Lucía Carrero Blanco
19/01/2017

Escribo estas liñas con motivo da petición por parte da Fiscalía da Audiencia Nacional de dous anos e medio de cárcere (ademais de liberdade vixiada e inhabilitación) para unha estudante de 21 anos por publicar mensaxes no Twitter mofándose do asasinato de Carrero Branco. Tratar de facer humor co asasinato de ninguén repígname. Declárome firme contraria á violencia, exérzaa quen a exercer, dáme igual que sexa ETA ou o GAL, Obama ou O Che. Arrepíame que se tente lexitimar calquera asasinato (incluído o de Bin Laden, no seu día aplaudido polos xefes de Estado de medio mundo), e entristéceme que se faga burla diso. Entristéceme como cidadá a secas, mais supoño que algo máis por ser filla dun pai ao que mataron o seu, e que a pesar da dureza dos feitos foi un home admirabelmente discreto e sensato, ao que ninguén xamais ouviría pronunciar respecto diso unha frase fóra de lugar, e que tivo que encaixar aquilo practicamente sen máis apoio que o da dor da nai e os irmáns e o do agarimo, a serenidade e a comprensión da muller -os fillos apenas eramos uns nenos-. Isto, insisto, entristéceme, mais non me preocupa.

O que me preocupa é que un acto de patente mal gusto e carencia de toda sensibilidade se considere un crime. Eu non sei de asuntos xurídicos, non sei en base a que artigos a fiscalía fai semellante petición, e se o fai será obviamente porque a lei a ampara. Mais, por moi legal que sexa, paréceme un absoluto disparate. Non creo que sexa nin proporcionada nin exemplarizante. Tan só atemorizadora, e non só para a acusada, senón para todos os que vivimos nunha democracia. Asústame unha sociedade en que a liberdade de expresión, por lamentábel que sexa, poida carrexar penas de cárcere. Considero un erro perigoso tratar de que a cidadanía sexa respectuosa a base de ameazas e sancións desmedidas.

O medo xamais xera respecto, só rancor. Suponse que se trata dun delito de humillación ás vítimas e de enaltecemento do terrorismo. Polo menos a min (obviamente só podo e pretendo falar por min), o que esta persoa escribiu non me humilla en absoluto. Apéname -e tal vez inquieta un pouco que se queira dedicar á docencia-, mais non ten en absoluto a capacidade de humillarme. E creo que, efectivamente, hai un enaltecemento mais, como dixen, do mal gusto e da falta de sensibilidade. Confío polo ben de todos en que esta petición non prospere, e que aprendamos dunha vez a tolerarnos os uns aos outros motivados polo respecto, e non polo medo.

Orixinal aqui.