You are hereA xestión das disidencias internas

A xestión das disidencias internas


Xesús Veiga
30/01/2017

Coa posíbel excepción de Catalunya, 2017 non será un ano sometido á sobredose electoral que se rexistrou nos dous anteriores. Haberá, en troques, citas congresuais nunha boa parte das organizacións que operan no escenario político. No caso do PP, o cónclave previsto vai ser unha aburrida cerimonia de “hooliganismo” mariano. A retirada de Aznar eliminou calquera posíbel confrontación de relevancia e o relevo de Rajoy aínda non está na axenda das prioridades do cumio dirixente que reside na rúa Genova.

Nas demais formacións políticas a disidencia está formando parte da paisaxe interna. Con maior ou menor intensidade aparecen diferenzas sobre as estratexias partidarias e sobre a composición das equipas directivas. Algo que debería ser unha moeda corrente na vida das organizacións pero que pode derivar en conflitos abertos con desenlace incerto.

Neste contexto, o Tribunal Constitucional ven de ditar unha sentenza que establece un criterio certamente polémico: “a liberdade de expresión dos militantes dos partidos está limitada pola súa pertenza a unha organización na que participan voluntariamente e á que, polo tanto, deben fidelidade”. Segundo a información coñecida recentemente, o Tribunal denegou o amparo solicitado pola afiliada socialista asturiana Susana Pérez-Alonso ante a sanción de suspensión de militancia adoptada polo seu partido como resposta á crítica públicada formulada por ela debido á non realización de primarias no concello de Oviedo antes das eleccións municipais de 2007.

O Constitucional considera que os dereitos, mesmo os fundamentais, están limitados pola pertenza a unha organización e, xa que logo, a liberdade de expresión debe ficar subordinada á lealdade debida ao partido. Ate o momento, os tribunais de xustiza limitabanse a comprobar que existía unha congruencia entre a medida punitiva acordada polos orgaos dirixentes dunha forza política e os procedementos establecidos nas súas normas estatutarias. Nesta ocasión, o máximo interprete da Constitución decidíu reforzar a figura dos partidos como pezas básicas do sistema político vixente: quen desexe discrepar abertamente debe asumir as consecuencias disciplinarias que se podan derivar da publicidade dos seus puntos de vista diverxentes.

Curiosamente, esta lóxica non concorda coa prescrición constitucional a respecto dos cargos electos nas institucións representativas: se unha deputada ou un concelleiro resultan apartados dunha determinada organización, non están obrigadas, legalmente, a deixar o escano. A contradicción está servida: non se pode criticar públicamente ao partido -sen correr o risco dunha hipotética expulsión- peró si é posíbel abandonar a súa disciplina sen ter que renunciar ao posto que se ocupa en tal ou cal institución.

Esta decisión do Tribunal Constitucional certifica que a xudicialización dos conflitos internos dunha organización partidaria é un camiño con poucas saídas. Cando tal circunstancia ten lugar estamos ante o recoñecemento expreso do fracaso desas entidades para seren capaces de viabilizar uns mecanismos democráticos de calidade na resolución das inevitábeis controversias que xorden no desenvolvemento da súa vida ordinaria. Se as persoas que forman parte dunha forza política non son quen de atopar espazos de consenso ou acordar fórmulas para tratar os disensos, terán dificultades para xestionar a eventual pluralidade dos seus apoios electorais e ficarán acantonadas en redutos tal vez confortábeis pero dotados de pouca incidencia na transformación das estruturas dominantes no tecido social.

A politización da xustiza e a xudicialización da política: velaí as dúas caras da lóxica perversa que circula con frecuencia pola democracia vixente no Estado español.

Orixinal aquí.