You are hereCruel predecente de Trump sobre refuxiados

Cruel predecente de Trump sobre refuxiados


Robert Fisk
30/01/2017

Así que Donald Trump vai fodelos todos. Hoxe non me escusarei polas palabras obscenas. Só cito o home que acaba de usar os seus oficiais do Pentágono para cubrirse de oprobio... el e os Estados Unidos. Porque foi o hoxe secretario de Defensa, James Mattis, alcumado o "Can rabioso", o que dixo aos iraquís en 2003 que ía en son de paz -mesmo exhortou os seus marines a seren compasivos-, mais aos que ousaren oporse á invasión ilegal do seu país advertiul: "Se me foden, matareinos todos".

Non hai volta de folla. Chámeno nazi, fascista, racista, perverso, antiliberal, inmoral, cruel. O máis perigoso é que o feito por Trump senta un precedente maligno. Se se pode evitar que cheguen ao seu país, tamén se pode botalos del. Se se pode esixir un veto extremo a musulmáns de sete nacións, tamén se pode demandar unha proba de valores para os musulmáns que xa están dentro do país. Os que teñen visas. Os que só teñen residencia. Os que, caso seren cidadáns estadunidenses, teñen cidadanía dobre. Ou cidadáns estadunidenses de orixe musulmá. Ou estadunidenses de nacemento que sexan musulmáns. Ou hispánicos. Ou xudeus? Refuxiados un día, cidadáns no seguinte, e despois refuxiados de novo.

Non, claro que non: Trump nunca sometería a probas tan obscenas inmigrantes xudeus -porque serían obscenas, ou non?- nin detería cristiáns procedentes de países musulmáns. Os Estados Unidos sempre condenaron os estados sectarios, mais agora Trump declara aprobar o sectarismo. As minorías serán benvidas, mais os alauitas de Siria, aos que pertence Bashar ao Assad, presumibelmente non contarían, e supoño que podemos esperar que todas as embaixadas estadunidenses terán tres filas de solicitantes de visas: unha para musulmáns, outra para cristiáns, e unha máis marcada "Outros". Alí é onde formariamos a maioría de nós. E ao facelo, automaticamente aprobaremos este sistema inicuo... e a Trump.

Non ten caso desperdiciar tempo no obvio: que os Estados Unidos bombardearon, directa ou indirectamente, cinco do sete nacións da lista de vetadas por Trump. Só se salva Sudán, mais os estadunidenses voaron no aire un avión comercial iraniano repleto de pasaxeiros en 1988 e non expresaron obxeccións ao bombardeo israelí de persoal iraniano en Siria. Con iso suman seis países.

Nada se gaña con reiterar que os catro países cuxos cidadáns participaron nos crimes internacionais de lesa humanidade do 11-S -Arabia Saudita, Exipto, Emiratos Árabes Unidos e Líbano- non aparecen na lista. Porque os sauditas hai que amalos, consentilos, adulalos e aprobalos aínda que corten cabezas e os seus cidadáns envíen diñeiro aos asasinos do Isis. Exipto é gobernado polo presidente Al Sisi, "tipo fantástico" e "antiterrorista", segundo Trump. Os deslumbrantemente ricos Emiratos non serán tocados. Tampouco o será o Líbano, aínda que as súas decenas de millares de sirios de dobre nacionalidade pasaran mal no futuro.

Mais non, esta vil peza lexislativa non vai dirixida ás nacións. O seu branco son os refuxiados, os pobres, as masas apiñadas que ansían respirar con liberdade. É dicir, os musulmáns, non os cristiáns. Como poderían resistir unha proba de valores? E, para o caso, cales son os valores dos Estados Unidos? Está ben atacar estados soberanos. Está ben usar avións non tripulados para asaltar homes e mulleres noutros países. Está ben que os seus aliados desposúan outros das súas terras para os seus propios poboadores, ou apoiar ditaduras árabes que castran, executan e violan os seus prisioneiros mentres sexan aliados dos Estados Unidos. Está ben dar fast track a visas para sauditas -como a Gran Bretaña fixo durante anos- aínda cando sexan membros do culto wahabita máis inspirador do mundo, que inclúe entre os seus militantes o Talibán, Al Qaeda, Isis e os que vostedes digan e manden. Tampouco é para presumir da nosa propia participación nesta charada. Logo de dar palmaditas na cabeza aos gobernos asasinos do Golfo -e voar para facer o mesmo co autócrata en xefe de Turquía-, a nosa faldriqueira primeira ministra, recentemente vinda de Washington, non dixo unha palabra sobre a perversidade de Trump. Non era a Gran Bretaña -xunto con os Estados Unidos, por favor- a que derramaba copiosas bágoas polo 250 mil (ou 90 mil) refuxiados musulmáns de Alepo oriental hai un par de meses? E agora, moito que nos importa que fodan a esgalla.

Por certo, case todos os de Alepo oriental eran musulmáns. Os cristiáns de Siria buscaron a protección de Bashar e non foi culpa deles. E que mensaxe deron os sacerdotes cristiáns do norte de Siria cando os entrevistei? Non queren que a súa xente emigre a Occidente. Por duro que resulte, os cristiáns deben ficar nas terras da súa fe, no medio Oriente. En Occidente, sinxelamente perderíanse nun mundo secular. Trump vai asegurarse de que así sexa.

Por tanto, de aquí en diante os Estados Unidos van protexerse dos "extremistas radicais islámicos" -nótese islámicos, non islamitas-, e todos seremos capaces de seguilo. Tal vez a Gran Bretaña, fóra xa da UE, non será capaz de seguir na mesma ruta odiosa? Se os Estados Unidos é a nosa liña de sustentación económica, non será tamén a liña de sustentación moral dos bufóns políticos do Reino Unido? Claro, pasou moito tempo desde a Segunda Guerra Mundial. Mais nesa altura, que fixeron os Estados Unidos antes -ou despois- do mal causado por Hitler? Impediron que os refuxiados xudeus chegasen ao seu país. Si, até Anna Frank. E agora anda niso de novo.

Traducido da versión en español de La Jornada.