You are hereRelatorio sobre casos de tortura en Euskal Herria desde 1960

Relatorio sobre casos de tortura en Euskal Herria desde 1960


Documentados xa 5.657 casos
12/02/2017

Os datos sobre a práctica masiva da tortura en Euskal Herria non deixan de crecer. Após o adianto en xuño do relatorio oficial de Lakua, a Fundación Euskal Memoria continuou o seu labor de verificación e constata xa 5.657 casos perfectamente desagregados, o que supón que apareceron 635 novos desde marzo, é dicir, máis de dous cada día.

O 13 de febreiro, aniversario da morte en comisaría de Joxe Arregi, conmemórase en Euskal Herria o día contra a tortura, e desde a edición anterior houbo novidades substanciais. En xuño presentouse o avance do primeiro estudo oficial sobre esta secuela, elaborado polo Instituto Vasco de Criminología e co selo do Goberno de Lakua, que certificou a práctica masiva da tortura referindo case 5.000 episodios soamente na CAV. E a Fundación Euskal Memoria prosegue o seu labor de verificación caso a caso, en todo o país. Con data 31 de decembro de 2016 o número global era 5.657 casos desde 1960 até hoxe.

Tendo en conta que a finais de marzo os casos comprobados eran 5.022, iso supón que nese período afloraron 635 máis, é dicir, 70 ao mes, máis de dous por día. O que leva a concluír que o alcance exacto da tortura está lonxe de ser medido fidedignamente.

O labor de Euskal Memoria baséase no traballo de voluntarios que revisan cada detención sospeitosa producida desde 1960 para comprobar de modo directo se nela se produciu ou non tortura. Os seus resultados son achegados á súa vez ao Instituto Vasco de Criminología, a modo de colaboración co informe oficial que continúa o seu curso (en xuño avanzouse que podería estar concluído en 2016, mais non hai noticias novas desde aquela data).

O valor engadido deste traballo de Euskal Memoria estriba en que ao facerse unha comprobación directa de cada caso é posíbel segmentalo por zona xeográfica, corpo policial, época, xénero da vítima, desenlace da detención... Con todo, o dato máis relevante quizais sexa a altísima porcentaxe de persoas detidas por razóns políticas que sufriron torturas. Cífrase en algo máis do 75% (5.657 casos sobre 7.582 arrestos). Nos restantes 1.597 revisados non se produciron malos tratos.

1.014 máis dunha vez
 
A contaxe por persoas -non por casos- é diferente, dado que moitas foron detidas (e torturadas) máis dunha vez. Euskal Memoria analizou a 5.982 vítimas potenciais, das que 4.633 refiren torturas. Iso implica que 1.014 persoas (20,5% do total) experimentaron malos tratos máis dunha vez. Hai quen acumula cinco episodios. O 82,9% delas son homes e as 17,1% mulleres.

A desagregación por herrialdes sitúa en primeiro lugar a Gipuzkoa, mais esta é a conclusión máis relativizábel, dado que Euskal Memoria matiza que é aquí onde puido facer un traballo de campo máis exhaustivo. En Bizkaia segue habendo un número inxente de detencións sen analizar por falta de medios, e en Nafarroa o tema tentarase traballar máis exhaustivamente en datas próximas.

Un dos datos máis relevantes difundidos en marzo pasado era que a persoa torturada ficara libre no 41% dos 5.022 casos verificados. Esta cifra subiu un punto máis cos 635 máis constatados desde entón, pero segue sendo maioritario a porcentaxe de quen pasaron dos calabouzos ao cárcere: 57,3%.

Canto aos corpos policiais responsabeis, á cabeza deste terríbel ranking continúa a Policía española, á que se atribúe o 47,2% dos casos, seguida da Garda Civil co 41,1%. Neste nove meses afloraron 57 casos novos correspondentes a detencións da Ertzaintza, co que o seu cómputo sobe de 350 a 407. Nas xornadas de xuño en Donostia en que se presentou o informe de Lakua, o xefe da Ertzaintza Jorge Aldekoa tentou presentar a este corpo como abanderado contra a tortura, pero o estudo oficial referiu xa entón 311 episodios.

En termos históricos e políticos resulta interesante tamén comprobar que corpos policiais foron tendo protagonismo neste terreo. Aí destaca que a Garda Civil ultrapasou á Policía española na era de Felipe González, con 909 casos constatados xa, mentres a Policía española foi predominante sobre todo na anterior de Adolfo Suárez. Canto á Ertzaintza, o 60% dos seus casos rexístranse na época de José María Aznar (coincidente con consellerías de Interior de Juan María Atutxa e Javier Balza).

«Cada día máis»
 
Con estes datos na man, Euskal Memoria salienta que «é preciso continuar investigando un asunto que, por moito que queira ser ocultado desde os estados e os seus aparellos responsabeis, sae á luz cada día máis e con máis forza». E parafrasea esta declaración do lehendakari da CAV, Iñigo Urkullu, no recente acto de Elgoibar en recordo ás vítimas do franquismo: «O tempo do silencio e a escuridade terminou».

Catro gardas civís serán xulgados en marzo, acusados de torturar S.B.

En 2010 nove persoas foron detidas pola Garda Civil, e todas elas denunciaron torturas. Unha desas denuncias chegou aos xulgados, a de S.A., polo que catro gardas civís serán xulgados en Bilbo entre o 14 e o 16 de marzo. «A tortura é unha realidade que se deu durante anos no noso país e que todos coñecemos a pesar do silencio político e mediático», comentou a propia S.B. xunto a E.C., tamén torturado, como as persoas que a/os acompañaron na comparecencia de onte xunto ao cuartel de Intxaurrondo.

Á súa vez E.C. asegurou que «grazas ao traballo realizado polos movementos sociais conseguiuse romper co silencio e que as institucións empecen a dar pasos». Así, fixo referencia ao relatorio do Goberno de Lakua en que se confirman millares de casos de torturas. Con todo, opinan que isto non é suficiente xa que para que a fotografía sexa completa faltan os datos de Nafarroa.

S. B., pola súa banda, subliñou que as mulleres «vivimos a tortura dunha forma concreta», sufrindo un dobre castigo por seren vascas e por seren mulleres, en forma de violencia machista. «Nós sufrímola duns funcionarios do Estado e unhas institucións que dicían protexernos, que asinan leis contra a violencia do xénero e aproban declaracións o 8 de marzo», denunciou.

Por último, os asistentes ao acto manifestaron que eles tamén son vítimas do Estado, e como tales necesitan «recoñecemento, reparación e garantías de non repetición», porque «se queremos construír unha sociedade baseada na convivencia necesitamos que se coñeza toda a verdade do ocorrido, tamén a nosa».

Por iso, fixeron un chamamento á sociedade civil para que participe na manifestación convocada en Bilbo para o próximo 11 de marzo con ese obxectivo.

 

Nagore BELASTEGI

Ver máis.