You are here Xustiza para Palestina agora! Basta de complicidade europea!

Xustiza para Palestina agora! Basta de complicidade europea!


2017 - Centenario da Declaración de Balfour
14/02/2017

Máis de 250 organizacións europeas relixiosas, políticas e sindicais lanzan a declaración Xustiza para Palestina agora! Basta de complicidade europea! . Denuncian os 100 anos de continua inxustiza e esixen o compromiso da Unión Europea e os estados europeos para que cese a colonización e sexan restituídos ao pobo palestino os seus dereitos individuais e colectivos.

Máis de 250 organizacións europeas relixiosas, políticas e sindicais lanzan un comunicado esixindo xustiza e compromiso á Unión Europea e aos estados europeos ante un 2017 en que se conmemoran:

100 anos da Declaración de Balfour,
coa cal o goberno británico ofreceu unilteralmente Palestina para o establecemento dun lar xudeu

70 anos do Plano de Partición das Nacións Unidas de 1947, co que se concedeu o 55% do territorio palestino para o asentamento de poboación xudía, cando unicamente era propietaria do 6% da terra, quebrantando deste xeito o dereito do pobo palestino á autodeterminación e dando lugar á Nakba durante os anos de 1947 a 1949, mediante a cal máis de 750.000 palestinos e palestinas foron expulsado/as e forzado/as ao exilio

50 anos da ocupación israelí dos territorios palestinos da Cisxordania, Xerusalén Leste, Gaza e os altos do Golán e a subseguinte construción de asentamentos xudeus, o que é considerado ilegal pola lexislación internacional e crime de guerra sob a Convención de Xenebra, recoñecida por todas as nacións coa única excepción de Israel.

Os aniversarios acima sinalados lémbrannos a responsabilidade dos antigos países coloniais ao crearen esta terríbel situación que se mantén até a actualidade, dando lugar a unha permanente violación dos dereitos do pobo palestino, a lexislación internacional e as resolucións da ONU.

Após 100 anos da Declaración Balfour, Israel continua expandindo o seu proxecto colonial sobre o lar palestino. Como consecuencia, máis de sete millóns de palestinos e palestinas permanecen no exilio por lles ser negado o seu recoñecido dereito ao retorno, mentres que outra/os sofren desarraigo diariamente. A Gran-Bretaña e outros estados europeos, non só continúan eludindo a súa responsabilidade na colonización de Palestina, se non que son cómplices activos na constante violación israelí das leis internacionais e dos dereitos humanos.

Non se pode atinxir xustiza sen recoñecer os feitos históricos!

Os colectivos asinantes da declaración fan un chamado á Unión Europea e aos seus membros para que cese toda complicidade coa continuada política israelí de asentamentos e reclaman a fin inmediata do bloqueo sobre a Faixa de Gaza, liberdade de movemento para a poboación Palestina, igualdade para todos os cidadáns e cidadás de Israel, respecto ao dereito ao retorno das persoas refuxiads palestinas e a tomada de medidas contra o Estado de Israel que inclúan a suspensión do Acordo da UE de Asociación con Israel mentres continuaren as violacións das leis internacionais sobre dereitos humanos.

Unido a todo isto, as máis de 250 organizacións adheridas á declaración comprométense a intensificar as súas accións co obxectivo de presionaren a Unión Europea e os estados membros para que poñan fin á súa complicidade coa violación dos dereitos humanos do pobo palestino perpetrada por Israel.

Máis información, Declaración completa e apoios aqui

Etiquetas