You are hereMultas por difundir vídeo de axente perseguindo un home en Compostela

Multas por difundir vídeo de axente perseguindo un home en Compostela


LEI MORDAZA
14/02/2017

O vídeo saltou de móbil en móbil e de computador en computador o pasado novembro. Nel víase un policía nacional de Santiago á carreira atrás dun home descamisado que fuxía pola rúa do Hórreo, fronte á estación de tren compostelá. A persoa que tomou as imaxes ía nun vehículo e ría da suposta mala forma do axente, de quen se mofaba por non ser capaz de culminar a caza a pé.

A comisaría da cidade explicou despois que o perseguido non era un delincuente, senón un paciente mental ao que, en realidade, o axente trataba de protexer para que non fose atropelado. Deu igual, o vídeo foi reproducido 17.000 veces e foi compartillado máis de 300 veces por distintos usuarios en redes sociais. Agora, algunhas das persoas que votaron cun «gústame» aquela publicación están a ser denunciadas pola Brigada Local de Seguridade Cidadá invocando a polémica Lei de Seguridade Cidadá, coñecida como lei mordaza.

A acta-denuncia ten data do 15 de novembro do 2016, mais é nestes días cando comezou a chegar a algunhas das persoas implicadas. Reciben unha chamada telefónica desde a comisaría e posteriormente un axente entrégalles en persoa a notificación pola suposta infracción do artigo 37.4 da Lei de Seguridade Cidadá, en que se regulan «as faltas de respecto e consideración cuxo destinatario sexa un membro das forzas e corpos de seguridade no exercicio das súas funcións de protección da seguridade, cando estas condutas non sexan constitutivas de infracción penal».

Trátase dunha falta administrativa leve que se sanciona con multas económicas que poden ir dos cen aos 600 euros.

A denuncia redactada pola comisaría compostelá justifica a proposta de multa alegando que no vídeo móstrase un policía no exercicio das súas funcións e que a súa gran difusión en todo o Reino de España supón un risco para a súa seguridade persoal e familiar.

Ademais, resáltase que os comentarios realizados nas redes sociais sobre as imaxes «realízanse de forma xocosa» e «pondo en dúbida a capacidade como funcionario policial e ridicularizando a actuación xeral da Policía Nacional e desprestixiando a institución». 

Polo momento, descoñécese cantas persoas poden recibir denuncias por compartillar ou comentar o vídeo da errada persecución policial por Compostela, mais poderían ser decenas a teor da enorme repercusión que no seu día tiveron as curiosas imaxes. 

As persoas afectadas a que xa entregaron a denuncia non saen do seu asombro e están dispostas a plantar cara ao que definen como unha «esaxeración» por parte da Policía Nacional.  Polo momento, esperarán recibir a proposta de multa que lles remitirá a Delegación do Goberno en Galicia, contra a que poderán presentar recursos e argumentar as súas alegacións. 

A polémica está servida e sen dúbida reavivará o incendio que xa provocou a aprobación da Lei de Seguridade Cidadá.«O axente dixo que ía tomar accións contra todos»

As que xa recibiron as denuncias prefiren manterse no anonimato porque consideran que son vítimas da vinganza do policía. «Dixo que ía tomar accións contra todos os que comentaran o vídeo e iso é o que está a facer», sinala un dos que se enfrontará a unha multa por este asunto. «É esaxerado e estanse mobilizando recursos e funcionarios públicos para algo que é unha bobada», argumenta.

Ler máis.