You are hereDilixencia e arbitrariedade na aplicación da Lei Mordaza

Dilixencia e arbitrariedade na aplicación da Lei Mordaza


O sainete do axente de Compostela
15/02/2017

Na súa versión oficial, a comisaría de Compostela admite a existencia unha denuncia que invoca a polémica lei mordaza, interposta contra un cidadán que compartilou en Facebook o vídeo en que se ve un axente perseguindo á carreira un home que non consegue atrapar. A investigación, din, está nunha fase moi inicial e debe seguir o seu camiño administrativo.

Extraoficialmente, a reacción foi ben distinta entre os membros da Policía Nacional en Compostela, visibelmente divididos por un asunto que consideran prexudica a súa imaxe pública.

Son moitos os compañeiros do axente que aparece nas imaxes que ven esaxerada a súa reacción e que dubidan de que este sexa un caso en que poida ser aplicada a Lei de Seguridade Cidadá.

Sinalan que no vídeo non se recoñece o policía e que os comentarios que se fan son cómicos, mais non ofensivos.

Vídeo reproducido 17.000 veces

Entre os policías composteláns son maioría os que consideran que o axente que aparecía no vídeo, que foi reproducido 17.000 veces en Internet, actúa pola súa conta e dun modo un tanto obstinado.

O seu proceder, desde logo, non contaba co respaldo nin co coñecemento do comisario, que onte soubo da existencia da denuncia pola prensa.

A Subdelegación do Goberno na Coruña tiña constancia de que un axente da Policía Nacional de Compostela presentara unha única denuncia por unha suposta infracción da lei mordaza, aínda que o subdelegado, Jorge Atán Castro, optou por non facer comentarios porque aínda non a recibiu oficialmente.

O que si falou onte sobre este asunto foi o vicepresidente da Xunta. Alfonso Rueda; no entanto, foi máis ben conciso e limitouse a sinalar que a Policía Nacional tan só aplica a lei ao denunciar os que difundiron o vídeo en que se ve o axente perseguindo un home que despois se soubo ser un doente mental, por iso é polo que o policía non se esforzou por atrapalo, senón que se limitou a seguilo para garantir a súa seguridade.

«Por suposto que é opinábel. Eu o que entendo é que o que se está facendo é aplicar unha lei que está en vigor e, por tanto, hai pouco que discutir», engadiu.

Ler máis.

Noticia anterior.