You are hereNon neguemos aos fillos menores o contacto cos pais por estaren privados de liberdade

Non neguemos aos fillos menores o contacto cos pais por estaren privados de liberdade


Juan Calle Martín
17/02/2017

Aínda que tópico, non deixa de ser unha realidade que a sociedade sempre vai por diante das súas normas. Froito da mudanza no paradigma da estrutura familiar, encontrámonos diante dun problema cada vez máis frecuente: compatibilizar o exercicio dos deberes propios da patria potestade en situacións de ruptura da parella.

Moito máis complicada resulta esa ecuación cando algún dos proxenitores está en situación de privación de liberdade. Este contexto fai especialmente conflituoso o cumprimento dos deberes paterno filiais máis básicos, tal como a visita aos fillos. Non esquezamos que este dereito é bidireccional, é dicir é un dereito do proxenitor non custodio e ao tempo un dereito do fillo menor, necesario para un correcto desenvolvemento do mesmo.

A reforma do artigo 160 do Código Civil trouxo consigo unha mudanza na maneira de enxergar ese dereito a relacionarse, xa que anteriormente as visitas debían ser canalizadas a través das saídas dilixenciadas que puidesen encaixar no artigo 155 do Regulamento Penitenciario, ou ben inventar malabarismos para as facer coincidir cos permisos de saída do proxenitor privado de liberdade, o que na práctica facía case imposíbel normalizar a relación paterno filial.

O artigo 160 do Código Civil di, no seu apartado primeiro, o seguinte: "En caso de privación de liberdade dos proxenitores, e sempre que o interese superior do menor recomende visitas a aqueles, a Administración deberá facilitar o traslado acompañado do menor ao centro penitenciario, xa sexa por un familiar designado pola administración competente ou por un profesional que velarán pola preparación do menor á devandita visita. Así mesmo, a visita a un centro penitenciario deberá ser realizada fóra de horario escolar e nunha contorna adecuada para o menor."

Debemos estar atentos ao desenvolvemento que se lle dea desde as institucións, pois nunha contorna de medios materiais máis que limitados resulta dubidoso que tal dereito poida ser acollido coas garantías que esixe.

Suxeito de dereitos

Non esquezamos que segundo o noso sistema penal a persoa privada de liberdade é un suxeito de dereitos, que non debe entenderse fóra da sociedade, pois o principio de reeducación e reinserción fai que deba volver vivir nela cando cumpra a súa condena.  Por iso a vida en prisión debe tomar como referente a vida en liberdade, reducindo ao máximo os efectos nocivos do internamento favorecendo os vínculos sociais.

Por iso, e en base á reforma antes referida, topámonos perante un paso máis na normalización desas visitas, alén das tradicionais comunicacións familiares que se recollen nos artigos 38.3 e 53 da Lei Penitenciaria.

Prevese que no desenvolvemento da innovación normativa, os centros penitenciarios poidan chegar a funcionar como os chamados "Punto de Encontro Familiar". É dicir, un servizo que garante un espazo neutral para salvagardar o dereito dos menores a se relacionaren cos seus proxenitores e familiares durante os procesos de separación, divorcio ou outros supostos de interrupción da convivencia familiar, cando as relacións familiares se desenvolven nun ambiente de alta conflitividade, co fin de cumprir co réxime de visitas acordado e establecido por resolución xudicial, prevalecendo sempre o interese superior do menor.

A dificultade de desenvolver este tipo de actividade no centro penitenciario é a falta de previsión normativa para encaixar as visitas de menores no réxime xurídico das visitas familiares penais. Estas divídense en dous tipos, dependendo da idade do fillo: convivencia, caso ser menor de dez anos, e visita familiar caso de ser maior.

Pondo estes datos en conexión cos conflitos familiares que levan á ruptura familiar podemos darnos cun problema de difícil solución: no actual estado da normativa penitenciaria as visitas dun menor ao seu proxenitor privado de liberdade, nos supostos que tramitan os "Punto de Encontro Familiar", soamente serían posibeis se o fillo tivese máis de 10 anos.

Deixa fóra todos os menores que estean por baixo desa idade, xa que estes deben ir acompañados da parella que, en moitos casos, pode contar mesmo cunha orde de afastamento ou medidas que fagan imposíbel a comunicación co interno.

Por todo iso, a pesar de constituír un evidente avance nas relacións paterno filiais, a mudanza no Código Civil de pouco ou nada servirá na práctica se non vén acompañada dunha modificación do ordenamento penal. E, por suposto, da necesaria dotación de medios materiais e humanos para que profesionais cualificados poidan prestar servizo tanto ao proxenitor privado de liberdade como aos menores aos que, en ningún caso, debe condenarse a estaren privados da compañía dos seus pais.

Orixinal aquí.