You are herePregunta sobre clasificación como FIES e dispersión de persoas presas galegas

Pregunta sobre clasificación como FIES e dispersión de persoas presas galegas


No Parlamento Galego
12/03/2017

O BNG rexistra unha proposición non de lei para debate en pleno e unha pregunta para resposta oral en Comisión sobre a situación das persoas detidas en Galiza sob acusación de integración ou colaboración con organización armada e a aplicación por sistema de dúas medidas punitivas a maiores da derivada da decisión xudicial: a súa clasificación como Fies e a dispersión.

Desde que unha persoa detida en Galiza baixo a acusación de integración ou colaboración con organización armada entra en prisión é obxecto de aplicación por sistema, e así se evidenciou ao longo de todas estas décadas, de dúas medidas punitivas a maiores da derivada da decisión xudicial: a súa clasificación como Fies e a dispersión. Realidades estas que familiares de presos, colectivos solidarios e organizacións de defensa dos dereitos humanos denuncian como unha excepcionalidade penitenciaria aplicada aos presos condenados por móbil político . Unha situación que  se concreta nestes meses na situación na que se atopa Roberto Fialhega ‘Teto’, preso a 400 quilómetros do seu fogar e que acumula case 4.000 horas de islomento absoluto, sen compañía algunha no módulo do cárcere e as únicas voces que pode escoitar son“as dos carcereiros polo interfone”.

O BNG vén de rexistrar no Parlamento unha proposición non de lei e unha pregunta para resposta oral en Comisión nas que se interese e pregunta pola situación deste colectivo de presos. Os nacionalistas lembran que entidades como Amnistía Internacional alertaron en diferentes ocasións sobre as “medidas excepcionais” aplicadas a persoas que cumpren condenas por móbil político

Preocupación

“Observamos con preocupación a información que trasladan organizacións nacionais e internacionais así como colectivos de familiares de persoas presas sobre a arbitrariedade, a subxectividade e a ilegalidade na aplicación do réxime penal pechado así como a sistematización do illamento para persoas presas galegas que cumpren condenas por móbil político”, indícase na exposición de motivos da proposta.  "Entendemos que se están a dar situacións que atentan contra os dereitos humanos e fundamentais e que cómpre, polo tanto, que o Parlamento e o goberno tome coñecemento e promova actuacións ao respecto”.

“Francisco Jorquera [portavoz do BNG no Parlamento na anterior lexislatura] xa rexistrara iniciativas sobre política penitenciaria a respecto dos presos galegos”, comenta a deputada Noa Presas, responsábel das propostas rexistradas esta semana, incidindo en que non é unha novidade que o BNG pida o cumprimento dos dereitos humanos. A parlamentar ourensá entende que se deben de poñer sobre a mesa realidades como a da dispersión, que afecta non só ás persoas presas mais tamén a familias e amizades. “Galiza non ten competencia en política penitencia, mais o Parlamento e o goberno si que se poden pronunciar ou instar a actuar a este respecto”, afirma.

Na proposición non de lei presentada para o debate no pleno solicítase que o Parlamento inste ao goberno español  a evitar a aplicación sistemática do réxime pechado contra determinados colectivos de presos, como son os independentistas. No que respecta ás preguntas en comisión, inquiren o executivo galego sobre se pensa facer algunha demanda ao goberno central para “impedir a sistematización da dispersión penitenciara como un castigo adicional para o colectivo de presas políticas e a súa contorna familiar e persoal?”.

Ler máis.