You are hereInformar da prisión, romper o silencio

Informar da prisión, romper o silencio


Elisenda Rovira
17/03/2017

Un xornalista infiltrouse durante catro meses como traballador dunha prisión privada nos EUA para poder documentar o que pasa dentro. Era a única maneira de informar sen restricións. Aínda que o acceso aos cárceres foi sempre complicado, fíxose aínda máis difuso coa entrada ao negocio dos operadores privados nos EUA, que xa tratan 131.000 internos dun total de 1,6 millóns en todo o país. 

Un documentario que conseguiu un nomeamento aos Óscar, '13th' (XIII Emenda'), narra maxistralmente como o "boom" das prisións nos EUA via ligado á discriminación racial.

Falamos dos Estados Unidos porque, ao imaxinarmos os abusos nas prisións, a miúdo véñennos ao imaxinario colectivo imaxes de centros penitenciarios americanos ou xestionados por este país, desde Guantánamo a Abu Ghraib, no Iraque. Violacións de dereitos humanos, atrocidades e tortura en episodios tan graves como, supostamente, excepcionais. O problema é que as dificultades para informar sobre os cárceres -ou sobre os correccionais convencionais en territorio americano, sen ir tan lonxe- non permiten un escrutinio público que asegure que estes feitos non se poden repetir.

Os centros penitenciarios son un espazo opaco por varios motivos. En primeiro lugar, polas evidentes limitacións de acceso que fan que un informador, un xornalista, non poida pasear tranquilamente sempre que o crea oportuno. En segundo lugar, polas dificultades de informar libremente alén de visitas "guiadas" e entrevistas "decorativas" con internos. Que dirá un preso a quen entrevisten co director da prisión ou do módulo ou dos funcionarios que o custodian á súa beira? Por último, tamén, porque non son cuestións onde os medios adoiten "pór o ollo": o interese da cidadanía adoita ollar cara outro lado, coa idea de que, pase o que pasar alí dentro, os internos están porque "algo fixeron".

A realidade penal catalá seguramente ten poucos puntos en común coa americana, mais os cárceres na nosa casa continúan a ser espazos, aínda hoxe en día, demasiado impunes. O Síndic de Greuges (o Valedor do Pobo en Catalunya) e a Coordinadora para a Prevención e Denuncia da Tortura (CPDT) documentaron nos últimos anos decenas de casos de abusos, tortura e vexacións a internos, especialmente daqueles que están en réxime de isolamento nos Departamentos Especiais de Réxime Pechado, máis coñecidos como DERT. Son espazos onde os presos pasan máis de 21 horas ao día encerrados e sen compañía. Falamos de denuncias de malleiras e de degradación psicolóxica. De internos con problemas de saúde mental que reciben tratamento porque que a unidade psiquiátrica da prisión non chegou a abrir. De estar durante longas horas atados de brazos e pernas na sala de contención, moitas veces espidos e facendo as súas necesidades encima, tal como denuncian moitos presos. E, o peor, de internas que tiran a vida despois de tentalo repetidas veces sen que se lles aplique o protocolo de prevención de suicidios, como é o caso de Raquel E.F., que se suicidou en abril de 2015. Entretanto, a aplicación do Protocolo de Istambul e outras medidas internacionais de prevención da tortura, como as Regras Mandela, aínda non é xeneralizada e, ás veces, mesmo descoñecida.

Ao equipo do Anuario Mèdia.cat que gravou imaxes en 360º do módulo de isolamento do Centro Penal de Brians 1 custoulle nove meses de negociacións poder entrar. Finalmente conseguírono. Mais a excepcionalidade de poder gravar esas imaxes constata como de restrinxido é aínda o acceso para xornalistas (que pregunten a Jordi Évole, que ficou no exterior). Documentos como a auditoría sobre o réxime pechado, que a Dirección Xeral de Servizos Penitenciarios anunciou aos medios hai meses, continúan estando rodeados dun gran segredo por supostas razóns de seguranza. Veremos que pasa agora co grupo de traballo que iniciou o Parlament de Catalunya sobre os DERT.

Por todo isto, seguimos reivindicando un acceso máis sinxelo aos cárceres para os xornalistas e para as organizacións de defensa dos dereitos humanos. Lembremos que ata hai pouco, o Observatorio do Sistema Penal e Dereitos Humanos (OSPDH) tiña a entrada vetada. "O grao de civilización dunha sociedade pode ser xulgado entrando nos cárceres", di unha soada frase atribuída ao escritor Fiódor Dostoievski. Seguramente tamén se pode xulgar sabendo como de transparente é o que pasa dentro.

Orixinal aquí.