You are here‘España non pode invocar o estado de sitio para destruir o dereito de autodeterminación"

‘España non pode invocar o estado de sitio para destruir o dereito de autodeterminación"


Alfred-Maurice de Zayas
20/03/2017

 

O relator especial da ONU sobre Dereitos Humanos Alfred-Maurice de Zayas implicouse no proceso independentista catalán. Fíxoo o pasado mes de xaneiro, cando enviou unha carta á embaixada española en Xenebra e á oficina permanente de España na ONU e outras organizacións internacionais, en que expresava a preocupación pola persecución xudicial de dirixentes políticos cataláns polo 9-N. De Zayas é un experto independente do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos 'sobre a promoción dunha orde internacional democrática e equitativa".

Nesta entrevista de VilaWeb, De Zayas procura manter un ton neutral sobre o conflito político entre Catalunya e España, mais defende que o dereito de autodeterminación non pode ser sometido á máxima da "a lei é a lei". E iso tamén vale, di, para o caso catalán. Demanda, pois, que as autoridades españolas fagan unha interpretación ampla, e non restritiva, da constitución e das leis, para permitir unha saída democrática e acordada ao proceso catalán.

Tivo resposta á carta que enviou á embaixada española en Xenebra?

A carta está en trámite e tiven ocasión de dialogar coa misión. O meu relatorio á Asemblea Xeral das Nacións Unidas no 2014 (A/69/272) foca a libre determinación dos pobos como a estratexia de prevención de conflitos e propón o diálogo para chegar a un acordo de conformidade coa Carta das Nacións Unidas e os convenios de dereitos humanos. Esta libre determinación pode ser realizada nun federalismo con máis autonomía dunha rexión ou provincia, ou pode ser externa, con secesión. Hai procedentes de ambas as solucións. En calquera caso, prevalece o respecto mutuo. O meu relatorio propon quince criterios para aplicar o dereito á libre determinación de maneira pacífica e sobre todo perdurábel.

Expresou preocupación pola xudicialización do conflito político. Que consecuencias pode ter?

A independencia da maxistratura é fundamental no estado de dereito, e o diálogo político é mellor que o uso do aparato xudicial, e en particular do dereito penal. Os Procedementos Especiais das Nacións Unidas poden proporcionar asesoramento nesta materia, e son requeridos. Naturalmente, os relatores non teñen poder de iniciativa e non poden convidarnos motu proprio.

O ex-presidente Mas foi condenado a inhabilitación por ter organizado o 9-N. Ao mesmo tempo Nicola Surgeon anunciaba un segundo referendo na Escocia. Seria posíbel imaxinar xuízos a independentistas escoceses?

Reitero a primacía do dereito internacional e dos dereitos humanos fundamentais, como é o dereito á libre determinación dos pobos. Paréceme que tería sido absurdo se os líderes independentistas da Escocia, o Quebec ou Montenegro tivesen sido sometidos a xuízos e sentenzas.

Que lle parece a reforma do Tribunal Constitucional español pola cal asume capacidade sancionadora e coercitiva, até o extremo de poder suspender cargos públicos que incumpran as súas resolucións?

A Comisión de Veneza acaba de pronunciarse sobre este asunto. Sinalo algunhas das dúbidas que expresa: "Sobre a base dunha visión comparativa, a Comisión [de Veneza] considera que a responsabilidade do Tribunal Constitucional para contribuir á execución das súas propias decisións é a excepción, e que esta tarefa costuma ser atribuída a outros poderes do estado. A atribución da responsabilidade xeral e directa para a execución da decisión do Tribunal Constitucional terá de ser examinada novamente para promover a imaxe do tribunal como árbitro neutral, como xuiz das leis. Para todas as medidas de execución, o tribunal non actuará de oficio, senón apenas a petición das partes. [...] Poden ser colocadas cuestións relativas ás fortes sancións repetitivas e coercitivas aplicadas aos particulares e á suspensión do cargo dos funcionarios." É claro que se pode pensar que o que cuestiona a Comisión de Veneza xa está ben, porque a constitución xa pode ser enmendada e a lei é a lei..

Quer dicir, unha visión ríxida da lexislación española.

É que o dereito non é unicamente aquilo que se codifica, ou que se reforma, senón que depende tamén do espirito da constitución mesma, das normas. É Montesquieu. É particularmente importante o artigo 10 da constitución española; o punto 1 di: "A dignidade da persoa, os dereitos inviolábeis que lle son inherentes, o libre desenvolvemento da personalidade, o respecto á lei e aos dereitos dos outros son fundamento da orde política e da paz social" E o punto 2: "As normas relativas aos dereitos fundamentais e as liberdades que a constitución recoñece serán interpretadas en conformidade coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos e os tratados e acordos internacionais sobre as mesmas materias ratificados por España".

Que quer dicir?

Que compre pronunciarse non unicamente sobre os procedementos, senón sobre a substancia dos dereitos, en particular o dereito á libre determinación, que es jus cogens, quer dicir, un dereito ben ancorado na Carta das Nacións Unidas e no artigo 1 do Pacto Internacional dos Dereitos Civis e Políticos. E neste sentido tamén compre salientar a importancia do artigo 96 da constitución española, que estipula que o dereito internacional é parte do dereito español e, por tanto, compre ter en conta que inclúe o Pacto Internacional dos Dereitos Civis e Politicos e a a Convención Europea de dereitos Humanos. Nun sentido amplo, o Tribunal Constitucional ten a reponsabilidade de interpretar a totalidade das normas, inclusive o dereito internacional de dereitos humanos.

O goberno catalán está decidido a convocar o referendo en setembro e o goberno español a impedilo. Até que punto pode agravarse o conflito tendo en conta estas posicións?

A cousa mais urxente é manter o diálogo e a paz social en España e Catalunya. Os referendos da Escocia (2014), o Québec (1995) e Montenegro (2006) foron realizados sen violencia. Son bos precedentes. O "divorcio de veludo" por medio de negociacións entre os chegos e os eslovacos no 1992, constitúe igualmente un exemplo de separación amigábel.

Que consecuencias pode ter?

A violencia nun país membro do Consello de Europa e da Unión Europea seria inconcebíbel e resultaría unha grande perda para todos. O estado de sitio como prevé o artigo 116 da constitución española non pode ser invocado para esquivar ou destruir o dereito de libre determinación.

Tendo en conta a situación política actual, vería ainda posíbel un referendo na Catalunya pactado entre os gobernos español e catalán?

Iso espero, e por ventura co apoio e a supervisión das Nacións Unidas como en casos anteriores de referendos no Timor Oriental, a Etiopía-Eritrea e o Sudán. Eu mesmo fun observador oficial das nacións Unidas nas eleccións parlamentares e presidenciais da Ucraína en marzo e xuño de 1994. A participación internacional dá máis lexitimidade e sustentatiblidade a calquera consulta. Tamén a Organización de Seguranza e Cooperación na Europa pode asistir como observadora de eleccións ou referendos.

Se o referendo non é pactado, é lexítimo que o goberno catalán o convoque igualmente?

Eu non son xurista castelán nen catalán, e non podo pronunciarme sobre a interpretación da constitución. Mais si afirmo que a libre determinación é un dereito fundamental que as Nacións Unidas afirmaron en moitas resolucións cuxas implicacións ningún constitucionalista pode desestimar. Aqui refírome tamén ás conclusións dunha conferencia da UNESCO que tivo lugar en Barcelona no 1998 na cal foi salientada a importancia da libre determinación como estratexia para evitar conflitos.

Que condicións tería que cumprir o referendo para ser váido e o resultado recoñecido internacionalmente?

Eu suxeriria unha participación do 70% ou o 75% dos votantes cataláns (no Québec houbo unha participación do 93% dos votantes), e unha maioria substancial de dous terzos dos votantes. En calquera caso, con supervisión das Nacións Unidas.

Até que punto se pode esixir unha participación mínima no referendo cando hai risco de boicote por parte dos contrarios á independencia?

A pesar diso, é necesario. Unha abstención é un voto negativo. A secesión é unha cousa moi importante para ser decidida por unha minoría.

O código de boas prácticas para referendos da Comisión de Veneza non fixa participación mínima...

Mais o sentido común e a lexitimidade requíreno.

Pensa que hai risco de deterioramento da saúde democrática no estado español?

Este risco existe en todos os países. Por iso a sociedade civil ten de velar para que haxa un diálogo construtivo. E moita paciencia.

Quen é  Alfred-Maurice de Zayas?

Nacido en La Habana no 1947, é un avogado norteamericano, experto en dereitos humanos e en dereito internacional. No 2012 foi nomeado polo Consello de Dereitos Humanos da ONU experto independente para a promoción dunha orde internacional democrática e equitativa, unha función que  desempeñará até o 2018. Tamén é profesor de dereito internacional na Escola de Diplomacia e Relacións Internacionais e traballou nas Nacións Unidas como avogado na Oficina do Alto Comisionado para os dereitos Humanos. Foi secretario do Comité de Dereitos Humanos e xefe de Peticións. Especializouse en ámbitos diversos: o xenocidio armenio, o holocausto xudeu, os centros de detención de Guantánamo, a limpeza étnica na antiga Xugoslavia, a expulsión dos alemáns da Europa do leste despois da Segunda Guerra Mundial, a invasión de Chipre por parte de Turquía no 1974, os dereitos das minorías, o dereito da liberdade de expresión e de opinón e o dereitos dos pobos indíxenas.

Josep Casulleeras Nualart