You are here A liberdade de expresión consiste en ofender

A liberdade de expresión consiste en ofender


Juan Carlos Escudier
31/03/2017

A liberdade de expresión ten innumerabeis paladíns mais poucos crentes. Polo xeral, no espello dese dereito fundamental os individuos ven a si mesmo como avogados defensores das súas palabras e como fiscais das dos demais. Cada vez menos xente entende que a auténtica liberdade de expresión, que é a que hai que salvagardar, é a que teñen os outros para ofendernos, a dos nosos adversarios, por moi brutal que nos resulte. Explicábao moi ben Chomsky: "Se non cremos na liberdade de expresión para a xente que desprezamos, non cremos nela en absoluto".

A principios deste mes preguntáronlle a Pablo Iglesias se a campaña de HazteOír co seu autobús tránsfobo podía constituír un delito de odio. "Terán que decidilo os xuíces, mais a min paréceme unha barbaridade", dixo. Esta cuarta feira a condena deses mesmos xuíces a un ano de cárcere a unha tuiteira murciana polas súas piadas no Twitter sobre Carrero Blanco era para o líder de Podemos unha "vergoña" e a demostración que a Xustiza tiña dúas varas de medir. Todos somos Charlie mais non sempre, só cando nos convén.

A condena á tuiteira por unhas piadas máis antigas que o mexar de pé, costume ancestral na parte masculina do xénero humano- é un disparate maiúsculo, como o é que os xuízos e condenas por enaltecemento do terrorismo se teñan multiplicado desde que ETA deixou as armas. A culpábel é outra piada, o Código Penal, cuxas reformas e contrarreformas reducírono nalgúns apartados a unha broma de mal gusto.

Días atrás Podemos esixía nunha proposición non de lei a supresión do artigo 578 do Código Penal no que se tipifica precisamente o delito de enaltecemento, por entender que a súa falta de concreción era a causante dos xuízos contra persoas que, sen teren nada a ver con organizacións terroristas, recibían un castigo penal por faceren humor negro ou emitiren comentarios de dubidoso gusto nas redes sociais.

O enaltecemento do terrorismo foi tipificado como delito alá polo ano 2000, como un instrumento máis da loita que o Goberno do PP decidiu emprender contra a contorna de ETA. Non faltan xuristas que entenden que estamos ante unha lexislación de excepción que carece agora de sentido, non xa por extemporánea senón porque aquelas accións que encaixarían no enaltecemento poden ser abordadas con outros tipos delituosos, como o da apoloxía, o de inxurias graves ou o de odio.
 
O de apoloxía, incluído no Código de 1995, suscitou no seu tempo un intenso debate, precisamente porque entraba en conflito coa liberdade de expresión. Naquela ocasión gañou quen sostiña que a Constitución amparaba mesmo as opinións contrarias á democracia e que a apoloxía só podía considerarse delito se constituía unha incitación ao crime que, no caso de ser perpetrado, debía castigarse como indución.

A diferenza da apoloxía -que necesariamente se vincula á incitación doutro delito consumado ou non-, o de odio -recolleito no artigo 510- é, como ben define a Asociación Libre de Avogados, unha especie de prospecto farmacéutico que impide os cidadáns coñeceren a priori se as súas expresións son ou non merecedoras de sanción. Tal e como está regulado, o delito de odio non precisa que sexa causado un mal posterior nin que represente un perigo real para a sociedade, polo que calquera opinión pode ser castigada polo mero feito de ser contraria ao actual sistema de valores. Unha afirmación en Twitter do estilo "gustaríame acabar dunha vez por todas con esta democracia e os seus partidos" podería perfectamente ser unha simples opinión ou merecer unha condena de prisión dun a catro anos, dependendo de se o xuíz está de bo humor ou comezou o día con mal pé.

A protección da liberdade de expresión require, por tanto, unha reforma máis intensa e máis estudada, que elimine do Código Penal as lexislacións en quente coas que se adobou e as cargas ideolóxicas de profundidade ás que se viu sometido. Iso non habería de impedir que se castigue adecuadamente o enaltecemento do terrorismo e a humillación das vítimas, que son delitos que non desapareceron con ETA e que non deben ficar impunes. Mais evitaría que tuiteiros, humoristas, cantantes e tireteiros poidan acabar no cárcere por excesos na liberdade de expresión que, como máximo, merecerían unha multa e un puxón de orellas.

O voto particular do maxistrado Perfecto Andrés Ibáñez na sentenza condenatoria contra o cantante César Strawberry é moi esclarecedor. Na súa opinión, non se pode cualificar de apoloxía do terrorismo as expresións "da subcultura dalgúns grupos sociais, integrados preferentemente por suxeitos novos, duramente maltratados nas súas expectativas de traballo e vitais en xeral, polas crueis políticas económicas en curso". Non enaltece o terrorismo nin humilla as súas vítimas o que non deixa de ser unha reacción verbal "contra a cultura dun establishment do que, non sen razón, se consideran excluídos". Os exabruptos, por moi inaceptabeis que se consideren, poden ser provocacións mais non delitos.

A liberdade de expresión consiste, como dicía Orwell, en dicir o que a xente non quere ouvir mais, fundamentalmente, é escoitar o que nos irrita sen chamarmos a Garda Civil. Unha cousa é que non é un dereito absoluto e outra que se relativice constantemente.

Orixinal aqui.
 

Etiquetas