You are hereDelito de blasfemia e civismo

Delito de blasfemia e civismo


Andrés Carmona Campo
03/04/2017

En 2015, o artista Abel Azcona realizou unha exposición en que utilizaba hostias consagradas coas que formaba a palabra "Pederastia". Foi denunciado pola Asociación Española de Avogados Cristiáns, que pedía, ademais, a retirada da exposición en Pamplona.

En 2013, nas Fallas de Valencia, a falla ceramista Ros-José María Mortes Lerma decidiu retirar certos elementos dunha das súas obras, chamada "Vellos relatos da India", porque nela se representaban deuses hindús, como Shiva e Ganesha. Dado que os ninots son queimados, a comunidade hindú valenciana protestou polo que consideraba unha ofensa aos seus deuses. Un dos seus membros mesmo tentou queimarse ao bonzo ante a falla.

Non fai falta lembrar as protestas musulmás após a publicación das caricaturas de Mahoma no Jyllands-Posten en 2006 e o atentado contra os debuxantes de Charlie Hebdo en 2015 polo mesmo motivo.

O debate social sobre as ofensas a sentimentos relixiosos é complexo. Nesa complexidade mestúranse elementos tanto éticos como xurídicos. Valores como a liberdade de expresión, a liberdade de conciencia e relixiosa e outros entran en xogo e de maneira conflituosa. No plano moral poderá ser debatido se o artista fai ben ou mal, se é prudente ou non, realizar unha obra de arte a propósito que pode ofender os sentimentos relixiosos de alguén. Xuridicamente é máis difícil: debe ser  prohibido que o faga (e castigar ao autor)?

Unha maneira de saír do paso politicamente correcta é apelar ao respecto, co que todos estamos de acordo. Mais, precisamente, polo seu vacuidade. Pois, cando falamos do respecto: de quen cara a quen? É o artista quen debe respectar o relixioso (non ofendendo a súa sensibilidade relixiosa) e non facer a súa obra? Ou é o relixioso quen debe respectar o artista (a súa liberdade de expresión e estética) e tolerar a obra aínda que lle repugne?

Existe un dereito á ofensa?

Xuridicamente, depende. Para iso existe a figura penal dos delitos de calumnia e inxuria. Insultar xa nin sequera é delito nin falta (é dicir, non é perseguíbel por vía penal) e no seu caso só resta a demanda civil (con excepcións no contexto da violencia doméstica).

Mais por que é así? Principalmente, para evitar o recurso a tomar a xustiza pola man. Se A ofende B, B pode querer vingarse de A e facelo de forma desproporcionada (sobre todo a xuízo de A), o que pode dar lugar a unha espiral de violencia. Dunha perspectiva civilizada, o mellor é que un terceiro imparcial C medie entre os dous e estableza a forma na que B debe resarcir A se é que C conclúe que, efectivamente, houbo ofensa.

Nótese que, neste contexto, a chave está en que recoñecemos que o ofendido merece ser resarcido ou compensado como forma de evitar o seu desexo de vinganza. Mais, para evitar danos maiores, déixase a un terceiro determinar se hai ofensa e, se a hai, cal é a compensación xusta. De acordo á investigación recente, o sentimento de ofensa está tan arraigado en nós que, de non se dar solución, as emocións negativas que suscitaría a ofensa (a ira, por exemplo) poderían dar lugar a nefastas consecuencias (a respecto diso, véxase Ariely, 2011). Saber que a ofensa non quedará impune evita o ciclo de violencia e vinganza por un mesmo. Dito doutro xeito: a sociedade, para convivir harmoniosamente, acorda que se un membro ofende outro, o ofensor resarza o ofendido e, desta maneira, o ofendido renuncia a vingarse el mesmo.

Por outra banda, e tamén de acordo coa investigación nestes temas, a conciencia da honra tamén evoluciona e de feito faino cara a unha maior tolerancia. Steven Pinker (2012) fai un repaso de como as sociedades foron reducindo a gravidade do que son consideradas ofensas á honra: condutas que hai séculos ou décadas saldábanse cun inevitábel duelo a matar, hoxe en día, afortunadamente, non acaban así. De feito, a reforma legal que eliminou o carácter penal dos insultos persoais reflicte esta mudanza de mentalidade social: enténdese que certas ofensas non teñen a gravidade suficiente para seren dirimidas nun xulgado penal (se acaso, nos civís). Dito doutra forma: que cousas así non teñen, hoxe en día, risco de acabaren en violencia se non se dirimen penalmente.

Mais que pasa coas ofensas aos sentimentos relixiosos? O Código Penal aínda mantén o "delito de blasfemia" (aínda que non con este nome, claro) no seu artigo 525:

1. Incorrerán na pena de multa de oito a doce meses os que, para ofenderen os sentimentos dos membros dunha confesión relixiosa, fixeren publicamente, de palabra, por escrito ou mediante calquera tipo de documento, escarnio dos seus dogmas, crenzas, ritos ou cerimonias, ou vexaren, tamén publicamente, quen os profesa ou practica.
2. Nas mesmas penas incorrerán os que fixeren publicamente escarnio, de palabra ou por escrito, de quen non profesa relixión ou crenza algunha.
 

Ora ben, de acordo co anterior, o sentido destes artigos sería evitar as vinganzas que, de non existir dita regulación, poderían darse por parte de quen, ofendido polo escarnio dos seus dogmas, crenzas, ritos ou cerimonias ou falta delas tomar a xustiza pola man.

A segunda parte do art. 525 CP é claramente innecesaria. Que eu saiba, ningún ateo denunciou nunca ninguén en base a ese artigo. Quero dicir, se algunha vez aconteceu, non tivo relevancia social (ou eu non me decatei). Motivos non faltan. A comezar porque a mesma Biblia chama necios aos ateos: "Di o necio no seu corazón: non hai deus" (Salmos 14, 1 e 53, 1). E logo despois todo o que desde púlpitos, mesquitas e sinagogas se di dos ateos: que non teñen moral porque non teñen temor de Deus, que son libertinos, etc. No entanto, os ateos non denuncian nin demandan os relixiosos por iso. Como moito reaccionan cun: "Alá ti" (máis ou menos similar ao máis infantil: "Quen o di éo").

Podemos dicir o mesmo da primeira parte do art. 525 CP? É dicir, é necesario? Debe haber un artigo penal para que os crentes teñan a tranquilidade de que, se alguén ofender as súas crenzas, será castigado da mesma maneira que se un crente ofender a increenza dun ateo? Ou resultará innecesario como acontece no caso do ateo?

O ateo non necesita o art. 525.2 CP porque aínda que outro se burle do seu increenza iso non lle resulta especialmente grave. Para un ateo, que un crente forme a palabra "Bigotudo" con libros de Nietzsche, ou faga unha caricatura de Karl Marx, ou queime un ninot coa cara de Richard Dawkins, como moito, pareceralle algo estúpido. Mais non hai risco de que iso poida levar a unha espiral de vinganza que sexa mellor parala co Código Penal. O ateo pode tolerar perfectamente todo iso e moito máis. De feito, as asociacións ateas e laicistas esixen a eliminación do art. 525 CP enteiro, mesmo do seu segundo parágrafo feito para as "protexer" a elas.

O crente tamén? A mera existencia do art. 525.1 CP, e que os crentes non só queiran mantelo senón que en repetidas ocasións o utilicen contra ateos, demostra que non. O crente non é tan tolerante como o ateo no que ao "honra" das súas crenzas se refire. É como se o crente dixese: "Máis vale que estea aí ese artigo do CP, porque se non, cando me vén a ira non sei do que podo ser capaz no meu afán de vinganza".

Mais iso si que é insultante para o crente! É como chamarlle incivilizado, incapaz de conter as súas emocións, vingativo, intolerante; case un matón de bairro. Se o art. 525.1 CP debe existir é porque os crentes son así; se non son así, o art. 525.1 CP é innecesario (como o é o 525.2 CP).

Con todo, e de acordo a Steven Pinker, a tendencia histórica é a mellor. As sociedades tenden a unha maior tolerancia no concernente á honra e a unha menor violencia en consecuencia. E se unha parte da sociedade, a que non cre, é capaz de comprender que as ofensas ás súas ideas non merecen a violencia por resposta, algún día os crentes serán capaces de comprendelo tamén e o art. 525.1 CP tampouco fará falta. Tempo ao tempo: á igrexa tamén lle custou o seu darse conta de que a fogueira non era a solución, mais ao final chegou a entendelo. Algún crente podería dicir que isto último tamén é ofensivo para el. Vale, estou disposto a retiralo: se as confesións relixiosas me demostran que é falso pedindo a eliminación do art. 525 CP.
Orixinal aqui.