You are hereConsentindo a islamofobia institucional en Vigo e A Coruña

Consentindo a islamofobia institucional en Vigo e A Coruña


Fernando Blanco Arce - Vice-presidente de EsCULcA
19/04/2017

En decembro de 2015, o Goberno Español puxo en funcionamento o chamado sistema Stop Radicalismos, que ten oficialmente por obxecto facilitar as vías de contacto para que os cidadáns poidan comunicar datos que alerten sobre posíbeis casos de radicalización. O sistema é xestionado polo Centro de Inteligencia contra el Terrorismo y el Crimen Organizado  (Citco) e consta  dun teléfono, e unha aplicación (de web e móbil) para “facilitar” confidencialmente eses datos.

Ignórase que norma acordou a creación e regulación deste ficheiro -que xera unha auténtica zona de “non dereito” de recollida e xestión  de datos polo poder público- e ignórase que datos acreditan “externamente” a radicalización dunha persoa... Deixar barba? Usar velo? Respetar o Ramadán?

Acudir á mesquita? Criticar en redes sociais a inhumana política occidental en Oriente Próximo?
En 2016, decorridos vinte días dende a creación do sistema, a cadena radiofónica COPE daba conta que a policía recibira unhas 600 denuncias que advertían de posibeis casos de radicalización no Reino de España. Daquela , as noticias sinalaban que o 49% (298!!!!!)  das denuncias eran  consideradas "de interese" ou con datos de relevancia para a súa investigación.

Quer dicer, creábase un ficheiro , sen constar en que norma se regulaba, para exercer un control de cidadáns residentes do Reino de España polo mero feito de amosaren externamente indicios dunha posíbel adscripción relixiosa ou meramente cultural.

Opacidade institucional

En EsCULcA non dubidamos en calificar a creación deste ficheiro como un acto de islamofobia (ou arabofobia) institucional do goberno español e procedemos a solicitar información á Agencia de Protección de Datos, ao abeiro de tan louvada lei de transparencia. En concreto pedíamos información sobre a data de comunicación ao Ministerio de Interior da creación do ficheiro; a súa eventual inclusión na Orde INT/1202/2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal do Ministerio do Interior; os medios de acceso, rectificación e cancelación dos seus datos persoais das persoas afectadas; as cesións e transferencias previstas deses datos e os seus destinatarios; as garantías establecidas para evitar a súa divulgación e a proliferación de denuncias falsas dado o carácter anónimo destas; e o período de conservación de toda esta información.

Todas as preguntas buscaban saber se o ficheiro constaba cun sistema de garantías mínimo que permitise o control polas persoas concernidas da súa utilización. Non se formulaba pregunta algunha que afectase a “seguranza do estado” ... de non ser que esixir respeto ao art. 18 da CE contraríe esa seguranza.

O ministerio de Interior inadmitiu a solicitude alegando que facilitar a información solicitada poría en perigo a seguranza pública, do estado e a persecución de delitos.

EsCULcA formulou queixa ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, e este órgano tamén notificou ao observatorio  resolución denegatoria, baseando a súa decisión (cun lamentábel mimetismo co ministerio de interior) no suposto  prexuízo  para a "seguranza nacional", a "seguranza pública" e a prevención, investigación e sanción de delito. Sorprendente, dado que só se pretendía coñecer as garantías e os procedementos de xestión da información obtida no ámbito da campaña Stop Radicalismos e nunca o contido dos ficheiros. Mais o evidente fica oculto nun estado de dereito de baixa intensidade.

Silencio social e nova oportunidade

Non consta que grupo político algún formulase preguntas sobre este ficheiro no parlamento español. Tampouco houbo unha reacción social digna de mención, alén dalgún louvábel artigo xornalístico crítico con esta caza ás bruxas.

Un silencio que produce desasosego. Semella que unha restrición de dereitos que non afecta determinados sectores sociais senón un grupo nacional, étnico ou relixioso moi concreto , pode pasar sen críticas mesmo dos partidos da esquerda e da sociedade sensibilizada.

Mais Zoido, o noso inefábel ministro de interior que, continuando a tradición de titulares precedentes, condecora con mencións honoríficas policiais símbolos católicos, acaba de conceder á sociedade e as institucións municipais  galegas a oportunidade de demostrar que non están dispostas a contribuir a que a islamofobia institucional se instale entre nós.

O pasado 3 de abril informou publicamente  que as denuncias confidenciais, moitas anónimas, recibidas a través do programa Stop Radicalismos desde decembro de 2015 foron 3.179 e deron lugar a 63 investigacións policiais e da Garda Civil que derivaron en 3 detencións. Sinalou que  diariamente se recibe unha media de sete alertas de cidadáns que cren detectar en determinadas persoas trazos de radicalismo. Ora, a pesar de a policía considerar de interese aproximadamente un 35% destas denuncias, desde decembro de 2015, data da posta en funcionamento do programa, só se produciron 3 detencións e non consta que desas detencións derivase imputación algunha.

Mais Zoido anunciou tamén o novo paso deste aberrante sistema: a implantación de  «Grupos locais de loita contra a radicalización», (volven os somaténs?) que se activarán en colaboración cos concellos para que axentes do ámbito do traballo social, a educación e da sanidade, así como as policías municipais, se involucren na denuncia de persoas que, ao seu xuízo, experimenten procesos de "radicalización". A experiencia piloto está a desenvolverse en Málaga,  e a formación dos profesionais que se implicarán no proxecto corre a cargo do Citco, que xa traballa noutras cidades, entre elas, dúas galegas, A Coruña e Vigo.

Dito por outras palabras: o ministro de interior concédenos unha “segunda oportunidade”. A sociedade de Galiza debe reclamar das alcaldías que non colaboren cos “grupos locais” de Stop Radicalismos, exhortalas a que tomen as decisións políticas precisas para que as persoas que desenvolven traballo social ou educativo nos seus concellos non asuman funcións policiais, non colaboren cun sistema de recollida de datos inquisitorial e nidiamente racista denunciando persoas que amosan signos externos de practicaren unha determinada relixión ou pertenceren a unha concreta nazón ou cultura.

De non o facermos, seremos, como sociedade, cómplices desta indignidade. Aínda que pensemos que só afecta “outros”.

Orixinal aqui.

Etiquetas