You are hereXefe de Policía de Cantabria condenado por torturas e indultado por Aznar

Xefe de Policía de Cantabria condenado por torturas e indultado por Aznar


Zoido di ter "moitísima confianza" nel
20/04/2017

O recentemente nomeado xefe de Policía Nacional de Cantabria, Héctor Moreno García, foi condenadoen 1994 pola Audiencia Provincial de Madrid por torturas e detención ilegal de varias persoas, en abril de 1982,  "sen causa algunha". A pena foi conmutada polo Goberno de José María Aznar en 1998 xunto á dos outros catro policías condenados no mesmo caso. 

A Audiencia Provincial de Madrid condenou Héctor Moreno e outros catro axentes á pena de 48 anos de inhabilitación especial e a cinco meses e medio de arresto por torturas e por deter ilegalmente sete persoas, entre elas un avogado.

A sentenza recollía que Moreno "esfregou a cabeza dun dos detidos polo lixo". O xuíz reflectiu no texto que os detidos foron postos en fila en comisaría coas mans apoiadas na parede encanto os policías lles chamaban "canallas e hijos de puta" e dicíanlles que os ían matar todos. Así mesmo, o texto sinala "varias agresións" aos detidos.

O Goberno de José María Aznar decidiu "conmutar a pena de inhabilitación especial" imposta ao agora nomeado  xefe de Policía Nacional de Cantabria, por outra de "suspensión polo prazo de seis meses e un día" coa condición de que "non volva cometer delito doloso durante o tempo de normal cumprimento da condena", tal e como recolle  o BOE o 21 de xullo de 1998.

Só dous anos despois de ser condenado por un delito de torturas, en 1996, Moreno García foi ascendido a inspector xefe e, seis anos despois, en 2002, foi nomeado comisario.

O policía foi xefe de Brigada en Bilbo, xefe de Interpol na Comisaría Xeral da Policía Xudicial, xefe da Unidade de Relacións Comunitarias e Bilaterais na Comisaría Xeral de Estranxeiría e Fronteiras, así como responsábel da Brigada Central de Investigación na Comisaría Xeral de Policía Xudicial.

 Moreno García foi nomeado Xefe Superior de Policía de Cantabria o pasado 6 de abril, sucedendo no cargo o tamén comisario principal Jaime Velayos, que se xubilou en marzo após 42 anos de servizo.

O ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, máximo responsábel da súa designación, destacou ese mesmo día que tiña  "moitísima confianza" nel. Durante unha visita á comunidade cántabra, para  presenciar varios exercicios de simulacros organizados pola Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Torrelavega, Zoido destacou o compromiso do Goberno de España coa "seguridade e liberdade".

Ler máis.