You are hereA fiscalía pede penas de prisión para participantes na Marcha a Teixeiro

A fiscalía pede penas de prisión para participantes na Marcha a Teixeiro


Catro anos despois
21/04/2017

A Fiscalía pede penas de 3 anos, 1 ano e 8 meses e 1 ano e 9 meses, para tres das persoas que participaron na XIII marcha á Prisión de Teixeiro (en 2013). A petición mais elevada é para a responsábel da convocatoria. As outras dúas para participantes na marcha e concentración diante da cadea, onde se produciu un incidente entre manifestantes e membros da Garda Civil.

O incidente produciuse ao tentar a garda civil identificar un dos participantes por lanzar os habituais foguetes con que as persoas concentradas diante da cadea transmiten a súa solidariedade ás que están no interior. O asunto non pasou dun intranscendente tira-puxa entre manifestantes e membros da Garda Civil, sen que houbese detencións.

Agora, decorridos catro anos, chegan as peticións fiscais para un xuízo inminente. Alén da imputación a unha persoa por uso de artefactos pirotécnicos e a outra por supostas lesións a un axentes, sorprende a petición fiscal de tres anos de cárcere para a que figura na notificación da Marcha, por supostamente ter promovido un acto en que se usaron explosivos co fin de organizar altercados.

Non é esta a primeira ocasión en que se producen actuacións desproporcionadas da Garda Civil contra as persoas que participan nas Marchas á Prisión de Teixeiro. O catálogo é extenso: controis e inspeccións de vehículos e persoas por axentes non identificados, dotados de equipamento anti-disturbios e armados con subfusis, multas por a manifestación non ter sido comunicada, sancións por estacionamento en lugar non autorizado..- A estas actuacións públicas hai que sumar outras anónimas como furar rodas de vehículos de manifestantes (até 19 nunha ocasión).

Ler máis.