You are hereFiltracións, exclusivas e segredo da instrución penal

Filtracións, exclusivas e segredo da instrución penal


Miguel Pascuau Liaño
08/05/2017

O Fiscal Xefe Anticorrupción, Manuel Moix,  abriu o delicado debate sobre poden e deben ser sancionados medios de comunicación que difundan materiais dunha instrución declarada secreta que fose filtrada. Os argumentos en contra saltaron xa: unha medida así comportaría unha nova restrición á liberdade de expresión e ao deber/dereito de información: por hipótese unha causa penal ten relevancia pública, e por tanto o xornalista ou o medio que reciba unha filtración ten nas súas mans un dato ou unha información con transcendencia para a opinión pública, polo que o seu labor de información estaría amparada constitucionalmente.

Seguindo esta liña, podería engadirse que, en termos globais, merece a pena habilitar de maneira incondicionada ese dereito de información en todo caso aínda que iso comporte nalgúns casos o sacrificio dun dereito individual. O dereito constitucional do xornalista de non revelar a súa fonte de información cumpriría unha función imprescindíbel, que consiste na creación dun espazo ou escenario do que se desterra o temor de quen traslada datos a un medio informativo a ser delatado.

O dereito de información opera, así (permítanme a metáfora), a modo de Banco suízo do caudal informativo que permite a lavaxe do (eventualmente) ilícito modo de obtención da noticia, como pode ser unha espionaxe, un asalto ao xulgado, unha filtración espontánea ou comprada: ese modo ilícito de obtención, se for probado, é desde logo susceptíbel de sanción penal, como delito de revelación de segredo, mais unha vez en mans da prensa a licitude da súa difusión non depende dese modo de obtención, senón exclusivamente de se ten ou non relevancia pública. Para seguir coa metáfora, estar a afirmar que a plenitude do dereito de información require unha especie de paraísos fiscais opacos sobre o mercado negro da información, blindados a través do dereito constitucional do xornalista de non revelar a fonte da súa información, coa importante excepción de que eses paraísos fiscais arbítranse ao servizo dunha causa nobre, que sería a liberdade informativa, que ou é radical, ou non é liberdade.

A cuestión, con todo, merece algunha reflexión máis esixente.

Como cuestión previa,  hai que distinguir entre o carácter secreto inherente a toda instrución penal (que comporta unha prohibición xeral de dar a coñecer o seu contido a terceiros) do segredo declarado mediante auto xudicial en casos concretos. Cando unha instrución se declara secreta polo xuíz é, por hipótese, porque convén ao interese da causa (e por tanto, tamén por hipótese, para o interese público) a reserva, a fin de facilitar a investigación. Se a causa é declarada secreta é para evitar que o investigado saiba que o está sendo, e, por iso, durante un tempo necesariamente limitado, nin o investigado nin o seu avogado nin ningunha outra parte procesual (con excepción do Ministerio Fiscal) poden ter acceso ás actuacións. En realidade non se pretende subtraer a información do coñecemento polo público, senón máis ben subtraela ao coñecemento polo investigado, para o que, como parece obvio, debe ser secreta durante todo o tempo para todo o mundo menos para os investigadores. Os casos máis usuais permiten entender a súa razón de ser: se se intervén un teléfono ou se acorda unha entrada e rexistro nun domicilio, é absolutamente imprescindíbel que o investigado non coñeza a medida, pois a converte automaticamente en inútil. Se a finalidade de impedir que o investigado destrúa probas pode xustificar legalmente o seu ingreso en prisión (provisional), por que non pode xustificar unha limitación (temporal) do dereito á información?

Exponse, entón, un conflito entre dous intereses "fortes": por unha banda, o interese na eficacia da investigación, e doutra banda o dereito de información a respecto de todo o que se saiba que teña transcendencia para a opinión pública. Que debe prevalecer?

Non faltan razóns para xustificar algunha limitación do deber de información respecto dos contidos das instrucións declaradas secretas, polo menos en certos casos que habería que precisar ben:

1) En primeiro lugar, e sobre todo, porque o "dano" ou restrición para o dereito de información derivado da prohibición (sancionábel) de publicar é puramente temporal e reversíbel, mentres que o dano para a eficacia da instrución penal pola súa filtración e difusión é irreversíbel. Levantado o segredo por cumprirse xa a súa razón de ser, o medio poderá informar cumpridamente, co que a opinión pública só sufriría unha "demora". É certo que vivimos na civilización da présa, e que na cultura do noso tempo a demora é insoportábel. Mais é claro que o que se está contrapondo é un dano definitivo (frustración da medida de investigación, por exemplo) e un dano provisorio, o cal debe ser considerado á hora de ponderar os intereses en conflito.

2) En segundo lugar, porque unha instrución penal é especialmente incisiva a respecto de dereitos fundamentais das persoas concernidas, e isto require circundar ben o terreo de xogo. A instrución dá acceso ao xuíz a informacións que non poderían de ningunha maneira obterse lícitamente fora do proceso penal, e aí poden ficar comprometidos intereses moi sensíbeis das persoas concernidas (e non necesariamente investigadas). O xuíz ten, en certas condicións, a posibilidade de invadir esferas constitucionalmente protexidas a fin de coñecer a verdade sobre un delito. É natural que toda esa información sexa seleccionada e filtrada, de maneira que o xuíz, antes de levantar o segredo, se segue as boas prácticas procesuais, expulse da causa (e entregue ao investigado) todo o material así obtido que non vaia ter relevancia para o proceso, é dicir, que non teña relevancia penal, por máis que desde outros puntos de vista si interese á opinión pública: a información obtívose, con gravame para un dereito fundamental, para investigar un delito, e para ningunha outra cousa debe servir. Se, por exemplo, unha persoa é investigada por un delito de corrupción, a intervención das súas comunicacións ou da súa correspondencia ou do disco ríxido do seu computador pode dar lugar a "achados casuais": que esa persoa é infiel á súa parella, ou que milita nunha organización secreta (non delituosa) ou que se converteu ao islam. Aínda que esas informacións puidesen ter relevancia pública, foron coñecidas por medios de investigación só xustificados pola finalidade de esclarecer un posíbel delito, e por tanto non poden ser difundidas. A blindaxe eficaz da información que poida obterse fortalecería un espazo de tranquilidade que favorece tanto a persecución dos delitos como a protección do investigado.

3) Moi en terceiro lugar pode dicirse tamén que a medida suxerida resultaría disuasoria dunha práctica que non creo que sexa habitual, mais polo menos si ocasional. As filtracións de dilixencias de instrución (a gravación dunha declaración, a transcrición dunha conversación telefónica) son moi apetecibeis para os media. Gáñase moita audiencia con elas, e por tanto diñeiro, porque non só facilitan información, senón tamén espectáculo. Un medio pode estar tentado a buscar a filtración e a pagala, en relativas condicións de impunidade. Eu non creo que só os neuróticos sospeiten que existe un mercado ilícito da información. Evitar o comercio deste tipo de informacións entendo que, xunto ao inconveniente da limitación do dereito a informar, traería tamén vantaxes: unha vez que se levante o segredo, a información (a que non se expulsou das actuacións por non ser relevante para o proceso) será pública e gratuíta. Sen carreiras, sen filtracións interesadas, sen subornos, sen mafias. Un xornalista díxome unha vez, hai unha decena de anos (non era unha proposición!), que a filtración dunha intervención telefónica dun personaxe público podía pagarse a 20.000 euros. A "exclusiva" neste tipo de noticias é un negocio para o medio que a obtén. Prohibir a súa publicación mentres a causa é secreta, non suporía un certo saneamento do espazo informativo?

Estas razóns (moi en particular a primeira) a min parécenme atendibeis, e entendo que poderían xustificar unha previsión legal. Habería de tratarse dunha lei orgánica, pois se trata dunha restrición do dereito fundamental a informar e ser informado. E debería medirse con especial coidado o alcance da prohibición e as sancións pola súa infracción, para o que sería imprescindíbel un serio estudo da lexislación e xurisprudencia comparada sobre esta cuestión.

Así,  por exemplo, a prohibición podería limitarse ás informacións obtidas mediante unha medida que en si mesma comporte vulneración dun dereito fundamental do investigado (intervención telefónica, entrada e rexistro, etc.).  Ou, noutro sentido, a lei podería establecer que a difusión en medios de comunicación de informacións que sexan resultado dunha filtración, e cuxo coñecemento "inmediato" polo público tivese unha especial e notoria transcendencia pública, podería estar xustificada. Iso suporía o establecemento para as informacións derivadas dunha instrución penal declarada secreta (e mentres dure o segredo) dun estándar de relevancia pública superior ao normalmente utilizado para calquera outro tipo de información que comporte afección á honra, á intimidade ou á imaxe dunha persoa: só estarían xustificadas as informacións de gran transcendencia cuxo coñecemento pola opinión pública non poida esperar.

Se simplificamos a cuestión acudindo á palabra "censura", ou "mordaza", estariamos a perder importantes matices para un debate delicado e interesante.

Orixinal aquí.