You are hereAsí serán os cárceres do futuro

Así serán os cárceres do futuro


Alberto Muñoz
08/05/2017

Reflexos da sociedade do seu tempo, os cárceres sempre ilustraron a relación dos gobernos cos seus cidadáns. Escuras, de grosos muros, altos valos e portas pesadas, as prisións europeas dos séculos XVIII e XIX representaban a vontade dos lexisladores por isolar os delincuentes dentro de mastodónticas gaiolas onde a fame e as doenzas executaban a súa particular pena de morte. A deshumanización do preso como persoa e a súa estigmatización como un monstro, un paria do sistema.

O século XX trouxo consigo as primeiras correntes de pensamento que avogaban pola rehabilitación e reinserción social como un dereito humano capaz de acabar coa reincidencia e de reducir a criminalidade nos países europeos. Pasouse de ver os cárceres como «lugares terroríficos» a concibilas como espazos onde desenvolver unha «pedagoxía invisíbel», segundo apuntan expertos na materia.

Demostrada a efectividade do traballo cos reclusos, mais aínda con reminiscencias da concepción carceraria de séculos anteriores, as prisións europeas enfróntanse ao desafío de ir un paso máis alá neste novo milenio. Para iso, e grazas a un proxecto financiado pola Unión Europea coñecido como Prison of the Future, 25 países punteiros en materia de prisións reuníronse durante o ano pasado para discutiren as liñas de actuación a seguir durante as próximas décadas.

Fragmentar aínda máis os módulos penais, mellorar a educación en prisión, reducir as condenas, outorgar certa autosuficiencia aos reclusos ou introducir aos poucos o uso de redes sociais son só algunhas das iniciativas máis inmediatas propostas na convención e que xa se están pondo en práctica nalgunhas zonas do vello continente.

Unha conferencia que puxo tamén de manifesto os dous modelos que existen hoxe en día en Europa Occidental. Un, o de España, Inglaterra, Italia ou Francia, colapsado pola enorme acumulación de presos nas súas celas e pola falta de investimento e de progreso por parte dos seus gobernantes. O outro, o de Holanda, Bélxica ou Suecia que avoga polas alternativas ao encarceramento e o traballo conxunto entre o lexislador e o ámbito penal para mellorar a efectividade dos cárceres en materia de reinserción.

Diferenzas que tamén ficaron constatadas no último relatorio do Consello Europeo sobre o estado das penitenciarías europeas onde se pode ver que Inglaterra e Gales xuntos, co maior número de presos por cada 100.000 habitantes de toda a Europa Occidental (148,3), practicamente triplican as cifras de Holanda. Séguenlles España (137,9), Francia (98,3), Italia (86,4) e Alemaña (77,4) segundo os datos máis recentes.

«Coa maioría das nosas prisións superlotadas, moito ten que mudar a política criminal para que isto non siga igual dentro de 20 anos», explica Neal Hazel, profesor de Criminología e Dereito Penal da Universidade de Salford, Reino Unido, nunha entrevista para El Mundo. «O Goberno británico dixo que vai construír nove cárceres novos mais isto non atallará o problema que é que o noso sistema pon o foco na detención e non na rehabilitación das persoas».

Unha idea que teñen clara en Holanda, onde a mudanza nas políticas penais hai pouco máis dunha década conduciu a que neste momento teñan a metade de presos que a principios de milenio. «A reinserción é o elemento máis importante do noso sistema porque prevén a reincidencia», analiza Jaap Oosterveer, portavoz do Ministerio de Xustiza holandés. «Para iso creamos unha prisión estimulante en que os reclusos poidan sentirse autosuficientes ademais de guiarlos no que será a súa vida unha vez volvan á sociedade».

Cociñar a súa comida, vestir a súa propia roupa, moverse con relativa liberdade pola prisión ou estar en contacto coa comunidade voluntaria local son só algunhas das iniciativas levadas a cabo polo Goberno holandés para que os presos con bo comportamento poidan comezar a súa reinserción desde o mesmo momento en que comezan a cumprir a condena.

«O reducido tamaño dos cárceres é a chave nos países escandinavos e a gran diferenza que temos con eles», engade a este diario Elisa García, profesora titular de Dereito Penal e Criminología da Universidade de Málaga. «Creo que en España temos profesionais penais moi ben preparados que cren no principio de reinserción mais que topan co problema da masificación á hora de individualizar os problemas de cada preso».

Unha das conclusións da conferencia Prison of the Future foi precisamente a necesidade de reducir o número de persoas que entran en prisión por delitos menores, construír cárceres máis fragmentadas para personalizar a atención e acurtar as sentenzas para que o individuo non fique desconectado da sociedade.

«Máis aló de que eu considero que as condenas de máis de 15 anos son inhumanas, o que está claro é que non todo o mundo debería ir ao cárcere. Eu apostaría por que agora mesmo un 80% dos nosos presos poderían estar a cumprir unha pena completamente diferente á carceraria», opina García, que tamén é directora do Observatorio Criminológico do Sistema Penal ante a Inmigración. Alternativas como a monitorización telemática, os servizos á comunidade ou as multas permitirían alixeirar o sistema penal de presos por delitos menores, aproveitar mellor os fondos destinados e mellorar por tanto a atención a quen de verdade a necesiten para a súa reinserción, segundo coincidiron todas as fontes consultadas por este xornal.

Unha meta, o retorno á sociedade, que comeza entre reixas cun elemento chave: a educación. «É a chave para que os reclusos poidan tomar un camiño diferente, adoptaren outro rol, mudaren a forma en que se ven a si mesmos e daren un xiro de 180 graos ás súas vidas», explica Hazel, que tamén estivo traballando como inspector xefe para o Departamento de Prisións do Reino Unido durante os últimos anos.

«O problema é que os estándares educativos en prisión están a empeorar cada vez máis e a maioría dos cárceres do Reino Unido suspenderon as últimas inspeccións», engade o británico. «Está demostrado que os órganos de dirección dos centros penais non priorizan a aprendizaxe senón a simples administración da enorme cantidade de presos á que teñen que facer fronte con pouco persoal. Por suposto, esa é unha visión de curto prazo e errónea».

E o é, segundo o criminólogo, porque «aumenta en última instancia o risco de volveren facer dano á sociedade, o retorno á prisión e por tanto máis custos para o Estado». Algo que ficou demostrado no Reino Unido, onde a media é que os reclusos volvan delinquir en menos dun ano, algo ao que si que se está pondo solución noutros países como España ou Holanda.

«O noso problema non é tanto a reincidencia ou a falta de oportunidades, xa que temos uns índices de delincuencia moi baixos e os reclusos poden tirar carreiras universitarias grazas á UNED, senón o longas que son as condenas, que fan que a xente se amontoe sen sentido», explica García. «Iso si, como en todas as aulas das facultades españolas, o modelo educativo nas prisións tamén ten que actualizarse para ser máis efectivo e motivante».

Unha posta ao día que tamén ten que darse no campo da tecnoloxía, non tanto para aumentar as medidas de seguranza senón como ferramenta para mellorar a eficacia do sistema de prisións. «Non se trata de inventarmos a pólvora como se dixo, substituíndo os gardas por cámaras ou cousas polo estilo que farían todo máis impersonal e que non beneficiaría en nada», argumenta a profesora da Universidade de Málaga. «Falamos máis ben de permitir a entrada progresiva e con restricións a internet aos reclusos, o que agora mesmo é ciencia ficción en España. Non sei como se podería regular mais non ten sentido que todos teñamos relacións sociais a través das redes sociais e que un recluso pase anos sen ese contacto».

«Un par de cárceres de Reino Unido experimentaron con videochamadas entre reclusos, familiares e profesionais mais as restricións de seguranza eran tan altas que non chegaron a funcionar de verdade», engade Hazel.

Holanda xa fai probas

Nun dos módulos dun cárcere holandés, un grupo de prisioneiros con condenas de longa duración sometéronse a un experimento que pretendía pór en práctica algunhas das ideas recollidas dentro do proxecto Prison of the Future. Co obxectivo de recrear o que sería unha vida normal dentro de prisión, foron habilitados dous computadores con acceso a Skype e un xardín ao que os reclusos podían acceder libremente. «Carregueime de enerxía cando me fixeron un tour virtual pola miña casa. Facía tantos anos que non a vía...», explicou un dos internos sobre a súa experiencia co uso do Skype.

Ademais, os presos debían ser practicamente autosuficientes: fixaban a súa propia alarma, cociñaban o seu almorzo, limpaban a cela e preparaban a comida que debían levar ao traballo. Unha xornada laboral completa de segunda a quinta feira, no canto das 20 horas habituais, que lles proporcionou o dobre de soldo e que os obrigou a destinar unha parte ás vítimas dos seus crimes. Os venres podían dedicarse a practicar deporte, recibir visitas ou levar a cabo terapias de xustiza restaurativa mediante as cales o recluso pode conversar con aquelas persoas ás que fixo sufrir.

Segundo os resultados publicados no proxecto, tanto reclusos como persoal penal coincidiron en que a experiencia fora enriquecedora, que as relacións entre ambos os grupos melloraran e que a iniciativa alentou a autosuficiencia dos internos.

Ler máis.