You are hereA AN rexeita prohibir a entrada no Reino de España da palestina Leila Khaled

A AN rexeita prohibir a entrada no Reino de España da palestina Leila Khaled


Pedida por grupos sionistas de Barcelona
14/05/2017

A AN rexeitou na sexta-feira a petición de grupos sionistas de Barcelona que demandaban prohibir a entrada no Reino de España da militante da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP)  Leila Khaled, que participa hoxe como conferencista no Festival Literal. A decisión é da xuíza Camen Lamela que substitui Eloy Velasco, en cuxo xulgado foi presentada a petición.

O presidente do grupo municipal do PP no Concello de Barcelona, Alberto Fernández, reclamou ao consistorio que dirixe Ada Colau retirar o apoio á feira de libros e ideas radicais "Literal" por estar Khaled entre os seus conferencistas.

"O Concello non debe financiar actos nos que participan persoas vinculadas ao terrorismo. Leila Khaled (Haifa, 1944) está considerada a primeira muller terrorista en secuestrar un avión", argumentou Alberto Fernández nunha nota de prensa en que lembra o citado secuestro dun avión en 1969 e asegura que tentou secuestrar outro en 1970.

Fernández solicitou tamén ao goberno municipal que informase o custo das bandeirolas publicitarias coa imaxe de Khaled que o Concello distribuíu polas rúas de Barcelona para informar sobre a conferencia "Revolución significa vida", que a activista palestina impartirá no equipamento municipal Fabra i Coats, hoxe ás 19.00 horas.

Nunha comunicación  con The Jerusalem Post, un portavoz do Ministerio español de Exteriores negou calquera relación co acto e xustificou a decisión do goberno de non interferir afirmando que non pode negar a Khaled a entrada no Reino de España: "O nome de Khaled non está incluído na lista da UE de terroristas. Conta cun pasaporte xordano e recibiu un visado Schengen, non concedido por España, que lle permite viaxar a España. O acto ao que se refire e ao que foi convidada non ten ningún apoio político ou institucional do Goberno de España".

Máis información aquí.