You are here Goberno español recoñece bloqueo a inmigrantes en alta mar

Goberno español recoñece bloqueo a inmigrantes en alta mar


para os devolver a Marrocos
18/05/2017

O Goberno español recoñece por escrito que a Garda Civil bloquea e devolve a Marrocos migrantes que tentan chegar a Ceuta e son rescatados en augas marroquís. Esta semana, a ONG Camiñando Fronteiras denunciou os riscos ligados a este tipo de operacións, calificadas de ilegais pola Defensora del Pueblo por vulneraren a Convención de Xenebra e o regulamento europeo.

“Se o rescate se produce en augas marroquís, e unha vez producido a primeira é ineludíbel actuación (rescate), as persoas son recollidas polas autoridades marroquís coas súas embarcacións, sempre que as mesmas non necesiten dunha atención médica urxente, nese caso son trasladadas de inmediato a Ceuta”, admitiu o Goberno na súa resposta a pregunta rexistrada no Senado por Maribel Moura, portavoz adxunta de Unidos Podemos.

A senadora preguntaba ao Executivo se “é práctica das patrulleiras da Garda Civil en Ceuta interceptarem para os efectos de deter o seu tránsito, balsas en augas territoriais ou internacionais até seren recollidas pola Mariña marroquí”. O Goberno recoñece que se trata dun modus operandi habitual “se o rescate se produce en augas marroquís”.

Na súa contestación o Executivo defende que a misión deste operativo é “deter o seu tránsito [o da balsa] e salvagardar as vidas dos inmigrantes”.

Segundo desenvolve, “as patrulleiras da Garda Civil van rescatar as persoas en risco con independencia da soberanía das augas en que se atopen”. No caso de seren localizadas en augas españolas, apunta, son trasladadas a Ceuta onde son postas a disposición da Policía Nacional. Mais se son interceptadas en “augas marroquís”, o Instituto Armado retenas até a chegada da Mariña marroquí, concreta o escrito datado a 5 de maio.

Esta práctica defendida polo Goberno foi denunciada esta semana no informe da ONG Camiñando Fronteiras porque, ao seu xuízo, trátase “do maior perigo” ao que se enfrontan os migrantes no seu acceso marítimo a Ceuta. Segundo os testemuños de quen estivo presente neste tipo de operacións, “o momento máis arriscado” ten lugar cando chega a Mariña Marroquí e teñen que pasar da balsa á embarcación alauí.

“É moi perigoso porque puxan da corda para obrigarnos a subir e, doutra banda, a Garda Civil bloquéanos. Aí é cando hai persoas que caen á auga”, aseguran migrantes entrevistados pola organización.

Entre setembro de 2015 e decembro de 2016, morreu o 4,9% das persoas que tentaron atravesar a estreita distancia que separa Marrocos de Ceuta, segundo o estudo da organización. É a segunda rota marítima ao Reino de España máis mortífera, a pesar de ser a máis curta, atendendo a estes datos.

“Ilegais” aínda que sexa en augas marroquís

Non é a primeira vez que unha institución oficial defende estas prácticas. Após unha queixa rexistrada por Camiñando Fronteiras á Defensora del Pueblo, a Garda Civil xustificou na súa resposta que “actúa en cumprimento dunha orde de servizo sobre vixilancia e impermeabilización de fronteiras na Cidade de Ceuta”.

A orde citada busca, segundo a Garda Civil, “materializar as tarefas de impermeabilización fronteiriza no mar, que consisten na detección temperá das embarcacións que traten de acceder con inmigrantes a territorio nacional”. O Instituto Armado explicou ao equipo de Soledad Becerril que “a detección debería, caso ser posíbel, permitir alertar de forma oportuna as autoridades marroquís para que se fagan cargo da incidencia antes de os inmigrantes aproximárense a augas españolas”.

Estas explicacións non son suficientes para a Defensora del Pueblo que, en reiteradas ocasións, esixiu ás autoridades españolas “garantiren que os estranxeiros poidan formalizar solicitudes de protección internacional cando foren interceptados por funcionarios españois”, aínda que a actuación se produza “fora ou dentro das augas territoriais españolas”.

Segundo critica no seu relatorio ‘El asilo en España’, “as devolucións expeditivas de persoas rescatadas do mar non respectan a normativa en materia de asilo”. A Defensora del Pueblo detalla que estas operacións vulneran a Convención de Xenebra e o regulamento europeo polo que se establecen normas para a vixilancia das fronteiras marítimas exteriores.

Esta lexislación comunitaria sostén que “a posíbel existencia dun acordo entre un Estado membro e un terceiro país, non exime os Estados membros das obrigacións que lle incumben en virtude do Dereito da Unión e internacional, especialmente as relativas ao cumprimento do principio de non devolución”.

Aínda que o Goberno na súa resposta defende que sempre realiza este tipo de devolucións en augas marroquís, a institución de Soledad Becerril expuxo nos seus relatorios a dificultade para determinar se a competencia das augas onde se atopaban algunhas das balsas devolvidas das que recibiu queixas é de administración marroquí ou española.

O estudo de Camiñando Fronteiras documenta unha devolución en alto mar en que catro persoas caeron á auga. Segundo os testemuños solicitados pola organización, “os servizos de rescate non interviron”. Naquela ocasión a Garda Civil afirmou que o dispositivo de salvamento “foi levado a cabo pola Mariña marroquí sen incidentes”, segundo sosteñen desde a organización. A día de hoxe, indican, ese catro persoas continúan desaparecidas.